miércoles, 1 de abril de 2026

  

 

                 SEMANA SANTA

 

Din Ayuso e Aznar, supremacistas de raza e de cultura, que de non ser polo heroico “descubrimento” de América aqueles 65 millóns de individuos que quedaron reducidos a 7 terían prolongado a súa condición de “infieis”, obviando que aquelas xentes xa tiñan as súas crenzas e a súa cultura.
Os telescopios teñen localizado no Universo dous billóns de galaxias -haberá moitas máis– e en cada unha están datadas entre catrocentos mil millóns e un billón de estrelas, a meirande parte máis grandes que o sol. A estrela máis preto do noso astro está a unha distancia de catro anos luz, isto é unha morea de billóns de quilómetros. Isto pode darnos unha idea, por outra banda inimaxinable, de cal pode ser o tamaño do Universo. 
Todo iso fai ridícula a concepción dun Deus e a súa manifestación na Terra á medida dá dimensión dos cristiáns e homologado para soster un tecido de crenzas localizadas para ser o centro arredor do cal xira todo.
Desde as civilización máis primitivas, os homes conxuraron o medo ao que non podían explicar de todo, e tamén o temor á morte e a forzas ocultas abrazando o culto ás divindades que encarnaban ao sol, a lúa, ou vento, as forzas todas da natureza… Isto evolucionou, sendo que unhas novas relixións, estruturadas socialmente en sectas, construíanse sobre os cimentos dás anteriores, como ten pasado coa exipcia, a romana, a cristiá e a mahometana. 
Ese temor de Deus é un acerto de mercadotecnia moi adiantado, que permite ás xerarquías dás relixións exercer instrumentos de poder moi eficaces sobre os prosélitos, e transcendentes ao paso do tempo. Nestes días de Semana Santa, de tanto fervor relixioso, emocións, , contricción e rezos, prodúcense imáxenes anacrónicas, que reflicten un pasado lamentable: os penitentes protexen ou seu anonimato, usan capirotes -tal cual Kuklux klan-  que replican aos sambenitos utilizados pola “santa Inquisición” para sinalar aos condenados. 
Hordas de xentes chorando por unha emoción contaxiosa adoran a figuras de madeira que encarnan a súa confianza en ter intermediarios valedores para mellor merecer a graza. Os supremacistas tachan de infieis a aqueles que adoraban a moitos deuses, e, sen embargo, enaltecen a especialidade de cada santo en mediar especificamente na obtención de segundo que recurso milagreiro.
De toda esta actualización do fervor ritual da secta maioritaria no país saca bo proveito o sector hostaleiro, o turístico e toda unha pequena industria derivada.
Procesión dos caladiños, da borriquita, da Virxe dos Dolores… mantillas españolas, traxes e vestidos de loito, “os noivos da morte” e toda unha imaxinería civil que nos retrotrae a tempos nos que a autarquía camiñaba baixo palio e exercía o poder ditatorial amparado na Igrexa, nun Deus á vez vingativo e misericordioso, construído a medida dos intereses das elites en levar ao pobo por un carril. 
Din que hai un rexurdir do fervor pasional relixioso. Se cadra e un sinal dos novos tempos: acollerse a un confort que ven administrado desde fora en lugar de exercer o traballoso xuízo crítico para ver de mellorar a sociedade. 
Eu aprendín a odiar o sentimento tráxico da vida que impuña a Semana Santa asistindo como monaguillo -obrigado por ser fillo de mestre, republicano por certo- aos Santos Oficios, tapando a imaxinería con panos morados, gardando silencio, escoitando música sacra, procesionando, e asistindo á proxección no cine do pobo de “o bo ladrón” ou “Marcelino, pan e viño”, que para un cativo paréceme o exercicio máis cruel de utilización morbosa dá dor.
Eu aproveitarei estes tres días de lecer para mudar a roupa das camas e pintar os armarios por dentro, cousa que ao Universo tanto lle ten.




 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

                       SEMANA SANTA   Din Ayuso e Aznar, supremacistas de raza e de cultura, que de non ser polo heroico “descubrimento” de ...