© blog: Son de Oleiros

jueves, 24 de junio de 2010

DE PARELLAS

Un recurso moi manido nas veladas do verán, logo dunha cea atlántica entre amigos, xira arredor da presunta maior liberdade que hoxe caracteriza ao concepto da vida en parella, desde que se toma a decisión de compartir teito e leito ata o caso no que se decide rematar coa relación.
Superando de mala gana o tedio que me produce estar sempre falando das mesmas cousas como se foramos sabedores de algo, sorpréndeme a tendencia infantilista a catalogar as perspectivas de futuro dunha unión só a partir de feitos consumados, con análises a posteriori e por reacción fronte ao que xa non semella ter volta atrás.
Sobreentendendo que a única razón de peso que atopo para situar o drama dunha separación e do impacto sobre os fillos, paréceme que se poden sacar conclusións sobre cales poden ser os mimbres para que unha relación perdure no tempo excluíndo os contextos de forte convencionalismo social e sentido da propiedade característicos dunha España que sobrevive en instancias distintas ás da burguesía “progresista” das grandes áreas urbanas. Se cadra o máis atinado é poñer o foco nas condicións en que nacen e se consolidan moitas parellas das xeracións da contracultura: os nados nas décadas dos corenta e dos cincuenta, ano arriba ano abaixo. Respecto das súas xestacións, a espoleta da secreción de Oxitocina -enconachamento- non abonda como argumento principal. Xogan un papel máis importante e primordial co paso do tempo a complicidade fronte ao mundo, a cultura, o xeito de pensar, o nivel educativo, a tracción compartida cara a asuntos estimados como esenciais... Son parellas que xa cumpriron tres ou catro décadas de vida en común. Os seus membros presentan un grao de desenvolvemento intelectual máis ca notable e un xuízo crítico educado nos tempos en que o inimigo era notorio e había constancia da utilidade da loita. Son, por tanto, persoas esixentes no plano intelectual e difícilmente chegaría a química máis primaria a explicar dabondo a persistencia no tempo da súa relación de parella. Para iso está a outra química: a que se pon en marcha cando a sutileza e a complexión de toda a potencia mental, unidas a o pouso dun bagaxe de experiencias compartidas, son quen de crear una atmosfera de sentimentos na que ningún dos dous membros pode ser substituído por outro actor sen que a aventura de vivir se resinta gravemente.
No entanto, a sociedade vai mudando e no seno de moitas parellas de novo cuño os conflitos máis importantes e que segundo as estatísticas provocan rupturas teñen que ver coa territorialidade, a loita polo espacio onde poñer un vestiario excesivo, as diferencias respecto dos conceptos de orden, limpeza, reparto de funcións, o alto grado de estándares de esixencias umbilicais e a falta de espírito de sacrificio e de capacidade para ceder, etc., propias dunha xeración que ten “gozado” dunha prolongación da adolescencia e da ausencia de asunción de responsabilidades ata etapas ven avanzadas da súa vida.
Dito todo isto, segue a parecerme un milagre que unha parella poida vivir trinta, corenta ou cincuenta anos compartindo todo.

domingo, 13 de junio de 2010

SEGUE O DESPILFARRO

Hai un terrorismo financieiro practicado por unha parte da clase política de xeito sistemático que queda impune e que non cesa aínda nun contexto de millóns de concidadáns vivindo por debaixo do unbral da pobreza e miles de empresas pechando por impagados e por falla de crédito. A tentación fronte ao despifarro das Administracións, nun intre de desesperación, é comprensible -xa que non xustificable- que sexa o uso da violencia. A operación Muralla para investigar o Cacharrismo en Lugo está paralizada por falta de asignación de medios. Na persecución do crime dificultase a acción policial e boa parte da xudicatura atende a argumentos nepotistas.
Namentres se pechan liñas de axuda aos estudantes, as listas de espera conteñen enfermos de cancro con tratamentos diferidos, a lei de dependencia non chega a amparar nunca a tantos e tanto casos, se eliminan convenios con asociacións culturais e deportivas de utilidade pública, se prepara o copago da asistencia sanitaria, namentres se lle esixe á clase media un exercicio de economía e un esforzo tributario importantes, os políticos mercan unha morea de sillas de máis de cincocentos euros para o Gaiás, onde os teitos están culminados por lousa traída de Italia, que non de Valdeorras. Catrocentos setenta millóns de euros xa van sepultados nesa obra faraónica cuxa apertura vai supor unha sangría continua para o pobo galego, que non precisa de mausoleos afastados, sen funcionalidade concreta nin factible, nos que pechar a cultura, senón de espazos modestos integrados nas vilas e cidades onde dar cabida a escolas de teatro, danza, música, pintura e talleres de escrita.
Terrorismo político que non cesa: subdirectores xerais por quintuplicado, listas interminables de persoal de confianza en deputacións e administracións autonómicas sen asignación de funcións, conselleiros delegados de entes como o da Televisión de Galiza que chegan a cobrar seis mil euros ao mes no concepto de dietas -a máis dous dous mil catrocentos de soldo- por asistiren a reunións de dez minutos, dentro do seu horario de traballo, para tomar decisións como o horario do servizo de limpeza. Os deputados no Parlamento Galego teñen dereito a cobrar dietas de desprazamento entre 30.000 e 60.000 euros/ano ademais do soldo de 4.200 euros/mes. A existencia das deputacións e un monumento ao despilfarro. A meirande parte dos seus orzamentos vai destinada a gastos administrativos e só unhas migallas chegan a formar partidas para investimentos. Xa abonda coas Administracións do Estado, Autonómica, Local e a mesma FEGAMP, na que están representados tódolos concellos. Franco xa morreu e os concellos non precisan unha administración foral para facer valer os seus dereitos e redistribuir a riqueza. As formación políticas utilizan as institucións nas que gobernan para favorecer aos concellos amigos, e iso, a máis de mezquino, tamén contribúe ao despilfarro. Hai algún concello que non ten habitantes para encher as piscinas e tampouco presupostos para mantelas. Cando Moreda era oposición avogou nunha entrevista en La Voz de Galicia pola eliminación das Deputación. Agora di que son un elemento imprescindible na compensación territorial, como se ese obxectivo non tivera que formar parte, necesariamente, dos plans operativos da Fegamp e da Xunta.
Despilfarro no nº de policías destinados a escoltar a políticos de medio pelo; despilfarro nos coches oficiais, luxosos; en telefonía móbil; en estudios de viabilidade de obras que nunca se levan a cabo(1); en creación de postos de funcionario innecesarios; en armamento; na asignación de presupostos para manter a Monarquía; na organización, escenografía, parafernalia e dotacións dos Premios Príncipe de Asturias; nos soldos das escalas superiores da función pública; nos contratos blindados dos peixes gordos das empresas privadas, por mais que haxa que inxectarlles diñeiro para que non se afundan; despilfarro nas axudas a fondo perdido a empresas que desembarcan para fagocitar á competencia pequena, e tamén ás que teñen en mente presentar ERES; nas primas que federativos corruptos, que non puideron xustificar como é debido viaxes a China con toda a súa camarilla, pagan aos futbolistas que xogan o Mundial(2); na fuga de capitais na contratación de futbolistas; no uso de créditos, devoltos en gran parte con favores, por parte dos partidos políticos nas campañas electorais; na asignación de presuposto á Igrexa Católica(3), que logo adica todos os seus medios rediofónicos, televisivos e de prensa a morder a man de que lle da de comer e a sementar o odio e a intolerancia, nun intento por rescatar a sociedade de valores franquista: mulleres sometidas, relixión versus educación para ser mellores cidadáns ¿?, pecaminización da educación sexual e do uso do preservativo, a obriga de ter fillos produto de violacións..., despilfarro no número de liberados nos sindicatos; nos cartos que se lle dan a centos de fundacións que non presentan nin memoria de actividades... Estamos diante dunha lista interminable de asuntos aos que hai que meterlles man e cuxa mera evocación provoca un disloque no xeito de escribir, deslabazado.
Isto non ten moi boa pinta. Nin o goberno nin a oposición teñen intención de porlle o cascabel ao gato.

(1)A Norman Foster se lle teñen pagado dezaseis millóns de euros na comunidade de Madrid polo deseño dunhas edificacións que non se van realizar.
(2)Prima por xogador se gañan o Mundial de Sudáfrica: 555.000 euros.
(3)Logo o Arzebispo chuquilateiro e o Vaticano intramuros non mandan unha cadela aos curas, moitos deles vivindo moi xustos da caridade dos feligreses.

viernes, 4 de junio de 2010

O xenocidio do pobo palestino

Ten mala solución. Hai demasiado diñeiro na banca estadounidense para que a Casa Blanca e a súa sicaria ONU condenen a Israel, a pesares de que os xudeus están quentando o clima de hostilidade co mundo árabe nunha zona xeoestratéxica moi interesante para os intereses das grandes empresas petroleiras e gasísticas que teñen desembarcado pola forza da man dos Bush e dos yemenís, os mesmos que, xuntos, brindaron con champagne o 11S pola noite, cos cadávres de 3.700 inocentes aínda quentes, para celebrar unha invasión da que tiñan información privilexiada.
Sempre se lle reprocha a Yaser Arafat que non firmara os preacordos de Camp David. Non o fixo porque non quería ver ao seu pobo, espoliadas as súas casas e campos de cultivo, confinado nunha serie de campos de concentración, inconexos, como un novo arquipiélago gulag, ata diluír a súa conciencia de nación, a súa dignidade e a súa capacidade para trazar a súa Historia.
Diante da negativa dos líderes palestinos a firmar semellante futuro para o seu pobo o Servicio de intelixencia israelí montou dispositivos de provocación territorial e relixiosa sistemáticos para provocar a resposta violenta, con pedras, dos árabes. Os palestinos foron masacrados, encerrados entre murallas cos suministros de medicamentos, material escolar e alimentos cortados. A colonización das súas terras por xudeus ultraortodoxos non se ten interrompido por máis que Tel Aviv organice mascaradas publicitarias nas que as vítimas, torticeiramente, son os nenos israelís que ven como os bulldozers destrúen as súas casas1, construídas como avanzadilla dunha ocupación pola forza. Un avance que ven sendo precedido pola usurpación de pozos de auga, queima de olivos e arrasamento de cultivos, convertendo así aos palestinos nun pobo que sobrevive gracias á caridade, dependendo incluso da mesma sociedade israelí, tentando desenvolver, en moitos casos con éxito, un verdadeiro síndrome de Estocolmo entre os árabes.
A impunidade coa que actúa coa máxima violencia o goberno xudeu e o seu exército e total. O ataque contra misións humanitarias en augas internacionais e só un remedo da convicción de Tel Aviv de poder actuar como lles pete con tal de paralizar in aeternum unha posible vía para o recoñecemento de Estado Palestino. Os xudeus foron instalados en Oriente Medio pola coalición que gañou a guerra ao Fascismo e crearon un fogar común para quedarse despois de vivir, espallados, a tortura e a persecución xenófoba propia dos tempos de crises económicas profundas. A mesma tortura, espolio do territorio e xenocidio que agora eles, nunha burla do destino, infrinxen a un pobo palestino que, alleo á instrumentación que do conflito queren facer civilizacións opostas, quere recuperar a paz e a liberdade.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...