© blog: Son de Oleiros

jueves, 24 de junio de 2010

DE PARELLAS

Un recurso moi manido nas veladas do verán, logo dunha cea atlántica entre amigos, xira arredor da presunta maior liberdade que hoxe caracteriza ao concepto da vida en parella, desde que se toma a decisión de compartir teito e leito ata o caso no que se decide rematar coa relación.
Superando de mala gana o tedio que me produce estar sempre falando das mesmas cousas como se foramos sabedores de algo, sorpréndeme a tendencia infantilista a catalogar as perspectivas de futuro dunha unión só a partir de feitos consumados, con análises a posteriori e por reacción fronte ao que xa non semella ter volta atrás.
Sobreentendendo que a única razón de peso que atopo para situar o drama dunha separación e do impacto sobre os fillos, paréceme que se poden sacar conclusións sobre cales poden ser os mimbres para que unha relación perdure no tempo excluíndo os contextos de forte convencionalismo social e sentido da propiedade característicos dunha España que sobrevive en instancias distintas ás da burguesía “progresista” das grandes áreas urbanas. Se cadra o máis atinado é poñer o foco nas condicións en que nacen e se consolidan moitas parellas das xeracións da contracultura: os nados nas décadas dos corenta e dos cincuenta, ano arriba ano abaixo. Respecto das súas xestacións, a espoleta da secreción de Oxitocina -enconachamento- non abonda como argumento principal. Xogan un papel máis importante e primordial co paso do tempo a complicidade fronte ao mundo, a cultura, o xeito de pensar, o nivel educativo, a tracción compartida cara a asuntos estimados como esenciais... Son parellas que xa cumpriron tres ou catro décadas de vida en común. Os seus membros presentan un grao de desenvolvemento intelectual máis ca notable e un xuízo crítico educado nos tempos en que o inimigo era notorio e había constancia da utilidade da loita. Son, por tanto, persoas esixentes no plano intelectual e difícilmente chegaría a química máis primaria a explicar dabondo a persistencia no tempo da súa relación de parella. Para iso está a outra química: a que se pon en marcha cando a sutileza e a complexión de toda a potencia mental, unidas a o pouso dun bagaxe de experiencias compartidas, son quen de crear una atmosfera de sentimentos na que ningún dos dous membros pode ser substituído por outro actor sen que a aventura de vivir se resinta gravemente.
No entanto, a sociedade vai mudando e no seno de moitas parellas de novo cuño os conflitos máis importantes e que segundo as estatísticas provocan rupturas teñen que ver coa territorialidade, a loita polo espacio onde poñer un vestiario excesivo, as diferencias respecto dos conceptos de orden, limpeza, reparto de funcións, o alto grado de estándares de esixencias umbilicais e a falta de espírito de sacrificio e de capacidade para ceder, etc., propias dunha xeración que ten “gozado” dunha prolongación da adolescencia e da ausencia de asunción de responsabilidades ata etapas ven avanzadas da súa vida.
Dito todo isto, segue a parecerme un milagre que unha parella poida vivir trinta, corenta ou cincuenta anos compartindo todo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...