© blog: Son de Oleiros

domingo, 13 de junio de 2010

SEGUE O DESPILFARRO

Hai un terrorismo financieiro practicado por unha parte da clase política de xeito sistemático que queda impune e que non cesa aínda nun contexto de millóns de concidadáns vivindo por debaixo do unbral da pobreza e miles de empresas pechando por impagados e por falla de crédito. A tentación fronte ao despifarro das Administracións, nun intre de desesperación, é comprensible -xa que non xustificable- que sexa o uso da violencia. A operación Muralla para investigar o Cacharrismo en Lugo está paralizada por falta de asignación de medios. Na persecución do crime dificultase a acción policial e boa parte da xudicatura atende a argumentos nepotistas.
Namentres se pechan liñas de axuda aos estudantes, as listas de espera conteñen enfermos de cancro con tratamentos diferidos, a lei de dependencia non chega a amparar nunca a tantos e tanto casos, se eliminan convenios con asociacións culturais e deportivas de utilidade pública, se prepara o copago da asistencia sanitaria, namentres se lle esixe á clase media un exercicio de economía e un esforzo tributario importantes, os políticos mercan unha morea de sillas de máis de cincocentos euros para o Gaiás, onde os teitos están culminados por lousa traída de Italia, que non de Valdeorras. Catrocentos setenta millóns de euros xa van sepultados nesa obra faraónica cuxa apertura vai supor unha sangría continua para o pobo galego, que non precisa de mausoleos afastados, sen funcionalidade concreta nin factible, nos que pechar a cultura, senón de espazos modestos integrados nas vilas e cidades onde dar cabida a escolas de teatro, danza, música, pintura e talleres de escrita.
Terrorismo político que non cesa: subdirectores xerais por quintuplicado, listas interminables de persoal de confianza en deputacións e administracións autonómicas sen asignación de funcións, conselleiros delegados de entes como o da Televisión de Galiza que chegan a cobrar seis mil euros ao mes no concepto de dietas -a máis dous dous mil catrocentos de soldo- por asistiren a reunións de dez minutos, dentro do seu horario de traballo, para tomar decisións como o horario do servizo de limpeza. Os deputados no Parlamento Galego teñen dereito a cobrar dietas de desprazamento entre 30.000 e 60.000 euros/ano ademais do soldo de 4.200 euros/mes. A existencia das deputacións e un monumento ao despilfarro. A meirande parte dos seus orzamentos vai destinada a gastos administrativos e só unhas migallas chegan a formar partidas para investimentos. Xa abonda coas Administracións do Estado, Autonómica, Local e a mesma FEGAMP, na que están representados tódolos concellos. Franco xa morreu e os concellos non precisan unha administración foral para facer valer os seus dereitos e redistribuir a riqueza. As formación políticas utilizan as institucións nas que gobernan para favorecer aos concellos amigos, e iso, a máis de mezquino, tamén contribúe ao despilfarro. Hai algún concello que non ten habitantes para encher as piscinas e tampouco presupostos para mantelas. Cando Moreda era oposición avogou nunha entrevista en La Voz de Galicia pola eliminación das Deputación. Agora di que son un elemento imprescindible na compensación territorial, como se ese obxectivo non tivera que formar parte, necesariamente, dos plans operativos da Fegamp e da Xunta.
Despilfarro no nº de policías destinados a escoltar a políticos de medio pelo; despilfarro nos coches oficiais, luxosos; en telefonía móbil; en estudios de viabilidade de obras que nunca se levan a cabo(1); en creación de postos de funcionario innecesarios; en armamento; na asignación de presupostos para manter a Monarquía; na organización, escenografía, parafernalia e dotacións dos Premios Príncipe de Asturias; nos soldos das escalas superiores da función pública; nos contratos blindados dos peixes gordos das empresas privadas, por mais que haxa que inxectarlles diñeiro para que non se afundan; despilfarro nas axudas a fondo perdido a empresas que desembarcan para fagocitar á competencia pequena, e tamén ás que teñen en mente presentar ERES; nas primas que federativos corruptos, que non puideron xustificar como é debido viaxes a China con toda a súa camarilla, pagan aos futbolistas que xogan o Mundial(2); na fuga de capitais na contratación de futbolistas; no uso de créditos, devoltos en gran parte con favores, por parte dos partidos políticos nas campañas electorais; na asignación de presuposto á Igrexa Católica(3), que logo adica todos os seus medios rediofónicos, televisivos e de prensa a morder a man de que lle da de comer e a sementar o odio e a intolerancia, nun intento por rescatar a sociedade de valores franquista: mulleres sometidas, relixión versus educación para ser mellores cidadáns ¿?, pecaminización da educación sexual e do uso do preservativo, a obriga de ter fillos produto de violacións..., despilfarro no número de liberados nos sindicatos; nos cartos que se lle dan a centos de fundacións que non presentan nin memoria de actividades... Estamos diante dunha lista interminable de asuntos aos que hai que meterlles man e cuxa mera evocación provoca un disloque no xeito de escribir, deslabazado.
Isto non ten moi boa pinta. Nin o goberno nin a oposición teñen intención de porlle o cascabel ao gato.

(1)A Norman Foster se lle teñen pagado dezaseis millóns de euros na comunidade de Madrid polo deseño dunhas edificacións que non se van realizar.
(2)Prima por xogador se gañan o Mundial de Sudáfrica: 555.000 euros.
(3)Logo o Arzebispo chuquilateiro e o Vaticano intramuros non mandan unha cadela aos curas, moitos deles vivindo moi xustos da caridade dos feligreses.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...