© blog: Son de Oleiros

martes, 7 de diciembre de 2010

Matar ao mensaxeiro

Resulta que Assange é o culpable de tódalas fechorías cometidas pola Cía e polo Goberno de EE.UU. coa complicidade dos aliados. Xa os emperadores romanos mataban ao funcionario de Correos cando ousaba traer malas noticias das frontes. Hai que ter peito para denunciar que a mesma Casa Branca está detrás do atentado contra as torres xemelgas e do golpismo que colocou ditadores de confianza en Latinoamérica, África, Oriente Próximo e Medio e tamén en repúblicas escindidas da URSS. Assange non está morto gracias á clonación dos seus achados e revelacións na arañeira. Internet está intoxicada con información maniqueísta verquida por medios de comunicacións secuestrados polo gran capital. Pero de entre todo ese lixo, rebuscando, afloran datos descarnados sobre as prácticas mafiosas e corruptas dos grandes grupos de poder e da propia “Intelixencia” do goberno de EE.UU. para controlar segundo a súa conveniencia a toma de decisións no ámbito das Organizacións Internacionais.
Sen embargo non somos moi optimistas. A inmensa maioría da poboación mundial está atrapada por asuntos que absorben toda a súa atención: a oferta narcotizadora de contendas deportivas que reproducen as loitas tribais, o nacionalismo excluínte, a instalación da idea de que a corrupción e inherente ao ser humano e de que é inútil tentar mudar as cousas, a arela de benestar material, o consumismo e, agora tamén no primeiro mundo, a loita pola supervivencia.
Neste mapa situacional, xa ben entrado o século XXI, respírase un tufo de prevalencia das normas impostas polo mercado, en aras dunha presunta defensa da liberdade, cando o que se agocha é unha concentración da riqueza en moi poucas mans e a subordinación dos Estados ao poder dos que traballan con inmateriais. Da lectura das revelacións de Assenge hai que quedarse sobre todo e máis alá das anécdotas sobre o xeito de mirar do ministro José Blanco -que xa é o colmo do espionaxe descifrar a ollada dun galego- coa constatación de que a xerarquización e estrutura mafiosa impoñen barreiras de entrada nos grandes negocios, concentran o uso e os prezos do diñeiro e dos recursos enerxéticos do planeta e poñen de xionllos a gobernantes pipiolos que inocentemente pensan que poden facer avanzar ao seu pais só sobre a a base do traballo e o sacrificio compartido, como un modelo con sinais de identidade colectiva propios.
A realidade é máis dura e España segue a ser un recuncho dobregado aos intereses do tío Sam e dos que controlan a impresora de billetes, os xacementos de gas e petróleo e os campos de heroína. ¡Que llo digan á familia de Couso, asasinado por ser testemuña da masacre do pobo iraquí! Ansar comprendeuno mellor cando se fixo a foto nas Azores, unha foto que lle dou pasaporte para entrar na nómina de multinacionais sen saber dicir en inglés máis ca: “Estamos trabajando en ellooo”. Mágoa que un xiro inesperado na opinión pública truncara os seus plans. E iso a pesares de contra-programar na noite de reflexión electoral con “seis días de Enero”. Agora, alguén anda a traballar por detrás para ascendelo de novo á primeira liña de batalla. Coido que Assenge terá ese dato.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...