© blog: Son de Oleiros

sábado, 26 de febrero de 2011

COMPLEXO DE SUPERIORIDADE

Hai unha actitude prepotente e mesmo de chulería nalgúns medios de comunicación que teñen a súa base na “capital” dun area metropolitana que as autoridades de María Pita aínda non teñen interiorizado como poli-nucleada.
Respecto do asociacionismo veciñal e das formacións políticas con raigame localista esténdese un tratamento de ninguneo cando non desprestixio por parte dos representantes dos grandes partidos estatais que xogan o xogo demagóxico de falar para moitos coruñeses que interpretan aos concellos “residenciais” como unha eira para o puro descanso e comprácense en rir as gracias de cantos cualifican como paletos ou ancorados nun atraso secular aos habitantes autóctonos destes predios.
Por suposto non se pode xeneralizar, pero téñenme dado trato “diferencial” en axencias bancarias e grandes almacéns a colación da miña condición de Meracho.

–Ay, eso es bien bonito, que yo tengo ido a la playa en el verano. La pena es que quede tan lejos. Además allí mucho arreglo no tienen aún, la verdad. Para cualquier cosa tienen que venir a Coruña, y eso es lo malo. Mire, ¿y alguna cosiña más?

Por extensión, tampouco toman en conta que por estes lugares hai un goberno lexítimo, elixido polo pobo e que os pretendidos status e o “usted no sabe con quien está hablando” serven para pouco cando se trata de saltarse as normas municipais ou os protocolos que rezan para todo o mundo.

Ese complexo de superioridade é máis indixesto se o ostentan e exercen os que se postulan como candidatos con moitos méritos para gobernar un pobo cuxa pulsión íntima non tiveron o mínimo interese en mamar. Van polas emisoras facendo dos asuntos veciñais chistes e materia de confrontación electoral, desde unha mentalidade colonizadora e de goce gratuíto dos encantos dun territorio ao que se sinten vinculados so en dereitos e nunca en obrigas ou peaxes, como se o modelo de desenvolvemento e crecemento sostible que os trouxo a vivir aquí fora algo caido do ceo.

Ao fin, temos uns medios de comunicación manchados, respondendo a uns intereses de status social, de clase aburguesada de novos ricos de costas ao movemento veciñal e buscando os apoios nunha proporción de residentes nocturnos que fan da súa radicación pouco máis ca un accidente, o cal non deixa de ser lícito.

Sen embargo, co transcurso do tempo estáse a consolidar un xeito de integración dos venideros nos concellos do gran área metropolitana que supón un freo para o ascenso fácil dos “señoritos” dos grandes partidos. O certo é que uns ritmos de crecemento da poboación máis racionais e o contacto cos problemas e as oportunidades no entorno municipal están achegando aos cidadáns de calquera signo ao coñecemento de primeira man do tecido que sustenta as súas vidas e probablemente esixan aos que lles lanzan propostas de adhesión curriculums vitae nos que os méritos aparezan coa forma dos feitos e as traxectorias persoais sexan ven visibles.

É a trazabilidade aplicada tamén ás persoas, e con máis motivo aínda aos políticos. Vainos nisto a diferencia entre acertar ou morder o anzol. Vainos nisto o futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...