© blog: Son de Oleiros

lunes, 14 de marzo de 2011

ÁVIDEZ DE ENERXÍA

Que lle diría o seu primo a Rajoy se Cofrentes ameazara a vida dos españois e, a longo prazo, de medio planeta tal como ocorre agora coas centrais xaponesas? O ser humano e ben estúpido. Precisa da confirmación dos temores na forma de desgracias para reconsiderar a súa ousadía cando sobrevalora o seu control sobre as forzas desatadas da natureza.
A maquinaria burocrática europea, lenta a posta para non tomar decisión ningunha que a Historia condene trinta anos despois, xúntase para tranquilizar a unha curva do electorado que ameaza con aliñarse en favor dunha esquerda que loita por resucitar. O certo é que os anarquistas e os non prosélitos, que son moitos, veñen reclamando a superación dun Sistema que basea o seu éxito no consumo desaforado e na Lei da Obsolencia Programada dos bens de Consumo que crearan os produtores de lámpadas domésticas de todo o mundo (excepto Brasil) a principios do Século XX.
Temos que vivir con menos cousas, coller menos o coche, alongar a vida dos aparellos, da roupa, do calzado, coidar as casas racionalizar o uso da auga, iluminar só o preciso, limitar as viaxes... A Humanidade non lle viu aínda as orellas ao lobo? Difícil de dixerir tanta queima de queroseno para parvadas: comité directivo dos equipos de Fútbol para asistir aos sorteos da Champions en Basilea, pontes aéreos para intervir uns minutos nun programa de televisión -para que está a videoconferencia?-, delegación do goberno e da Coroa cos seus séquitos en celebracións conmemorativas, vodas e desfiles militares, convencións de axentes comerciais para ir de putas e recibir os incentivos. O argumento e pueril: como a enerxía obtida por medios seguros non chega para manter ese ritmo de demanda en lugar de aquilatar e pór en consonancia consumo e estilo de vida os gobernos optan pola enerxía nuclear cunha visión absolutamente a curto prazo, obviando o perigo que supón un accidente sempre posible nunha soa das plantas.
Se cadra a desgracia do Xapón serve para reconsiderar as políticas enerxéticas no planeta e vivir con menos dispoñibilidade enerxética e menos despilfarro ate que os intereses das petroleiras non pesen tanto como a conveniencia de implementar os avances en materia de enerxías alternativas limpas e seguras. Outra razón pesa tamén para que a clase gobernante recupere protagonismo na elección dos sistemas de obtención de enerxía: o cambio climático. Como ocorreu co tabaco e o cancro, o certo é que as riadas, as vagas de incendios e os furacáns están a custar moito máis diñeiro do que se ingresa a través dos impostos sobre a extracción e venda do petróleo. Cada ano asistimos a cincuenta fenómenos en todo o planeta que baten récords a respecto de todo o coñecido en materia de fenómenos “naturais”.
O primo de Rajoy ten de renderse e admitir que algo raro está pasando. Para non ir moi lonxe, que llelo pregunten a andaluces e estremeños, que levan ano e medio cos pantanos máis cheos da península e o territorio anegado, salpicado de zonas catastróficas. Ou aos agricultores galegos, que andan a sulfatar acotío para que a peste negra non lles rechuma a froita e as hortalizas, cousa que só ten impacto mediático cando o urbanita atopa os tomates a prezos escandalosos. É así vivimos, des-estruturados, con pouco sentido solidario, ate que un tremor ou un escape radiactivo racha coas fronteiras e pinga a todo o mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...