© blog: Son de Oleiros

jueves, 7 de julio de 2011

A crise de identidade e de valores na aldea global

Coa caída de muros físicos e ideolóxicos e coa implantación de Internet como unha plataforma de intercambio de información que burlaba a censura, Occidente, Oceanía e Xapón amosábanse esperanzados na consolidación imparable dos valores de convivencia pacífica, democracia, crecemento sostible e compensacións territoriais.
Sen embargo co paso do tempo o que se apuntala antes ca nada e o espírito homoxeneizador que o empapa todo. Inspira os hábitos de vida, de consumo; as relacións dos cidadáns coas Administracións, as actitudes sociais escapatorias nos ámbitos de participación... Os sinais diferenciais dos diversos entes culturais colectivos que nutren a unha humanidade cada día máis numerosa e menos complexa, dilúense ata o punto de que hoxe, desde Bergantiños a Botswana, desde a China ata Chile ou Nebraska a mitomanía, a moda e, xa na profundidade, os valores e os ideais seguen un patrón semellante que, de intenso, sufoca o substrato, esa amalgama de usos, costumes e xeitos con que cada tribo reacciona fronte a un mundo inabarcable e conxura o medo para convertelo en motor de creación.
A colonización experimenta ciclos en razón á maior ou menor capacidade de influencia detrás da cultura das potencias. Levamos xa varias décadas seguindo o paso que marcan os yanquis. Se no repertorio franquista, en calquera pobo da pel de touro soaban tonadillas andaluzas, o relevo da man do “aperturismo” levounos a asimilar as tendencias universalizadas, e a consumir a música da presunta rebeldía nunha operación de sexo, drogas e rock and roll deseñada polo poder para que a xuventude pensara que ía contra o sistema por ser, de certo, máis endogámica e gregaria. A sucesión de tendencias á carta asimilan a seguidores con raíces culturais ben diversas. E o mesmo sucede coa moda: HM ou Zara poñen a mesma roupa en 48 horas en tendas de todo o mundo. A presunta democratización da arañeira fai visibles e invisibles informacións, imaxes e aportes creativos máis por mor da habilidade dos autores no posicionamento -mercadotecnia aplicada- que pola valía real das mensaxes.
Así as cousas, agudízase un xeito de consumir a información que ten moita relación coa presa, a superficialidade, o impacto directo, a pasividade, o refuxio no anonimato, a falta de compromiso, o nulo interese por contrastar, irreflexión, atracción polo breve e pouco elaborado, friquismo illador, mente pre-xuizosa, visión en túnel, perda de noción da realidade, instalación na virtualidade, acomodo en esquemas carentes de sometemento a exame, posicionamento a carón dos fluxos dominantes...
Coas reposicións das películas de Woody Allen puiden ver o outro día a emisión de “O dormilón”, e quedei sorprendido da absoluta actualidade da proposta: un home desconxelado atópase cunha sociedade na que pensar e subversivo e ademais causa infelicidade (a pegada de Huxley no guión e evidente). Ben, esa é a sensación que un mesmo ten diante do avance do entorno global cara a des-ideoloxización e a asunción da idea que pretenden inocularnos de que temos dereito a ser felices, a ter wifi na casa, a viaxar nas vacacións e a non sentir o veleno da frustración, como se estas non foran conquistas froito do esforzo persoal nun ambiente tan competitivo como a xungla.
O movemento 15-M e calquera foro de discusión e debate sobre a realidade social son pois de agradecer nun escenario deficitario de empresas colectivas. Con independencia da súa susceptibilidade de ser mellor canalizado ou do alcance das súas actividades e tomas de decisión, a clase política, por coherencia, debería respectar cando non alentar no seno da sociedade estas vías reflexo de que aínda estamos vivos, temos pulso, temos alento, futuro e algo que dicir a respecto del.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...