© blog: Son de Oleiros

martes, 2 de agosto de 2011

RAMADÁN

Sonche ben chuscas as privacións ás que se someten os crentes musulmáns no Ramadán. Para eles o ano dura 352 días, de tal xeito que a data de comezo do mes de oración e xaxún varía. Así no 2011 ven caendo en días moi longos. Non é o mesmo pasar sen comer de 6 a 22 ca de 9 a 18. Porque amais a prohibición de comer é efectiva desde que se percibe a luz, unha hora e pico antes de amencer.
O caso é que os musulmáns non poden facer esforzos, piden no traballo unha dispensa para facer xornada intensiva e así reservar máis tempo para rezar, e tampouco poden experimentar o pracer sexual. ¿Pero o que é comer e beber...! Cando dan as once da noite xa están en exposición no comedor ou na cociña vinte pratos tradicionais, bebidas reparadoras e doces para o gran festín diario ao que segue unha táboa de exercicios que, aínda cunha suposta orixe piadosa, serven de ximnasia para facer mellor a dixestión de tanta vianda.
A mesma picardía amosan os cristiáns coa vixilia. Substitúen a carne por peixe -normalmente bacallau- e tan tranquilos. Iso se non son prelados, pois daquela obteñen unha bula para poder entregarse á gula. Un trato de favor pouco exemplar como tampouco o é o dado á realeza, tamén en asuntos de carne humana, declarando nulos, a conveniencia, matrimonios por non consumación, por máis que haxa fillos polo medio.
Pero para dicir a verdade os cristiáns non irían na contra dos seus mandamentos por comeren cabrito o Venres Santo. Hai unha mala interpretación das Escrituras detrás de esa prohibicións, que cando alude a non gozar dos praceres da carne está facendo referencia ao pracer sexual, incompatible coa dor solidaria co martirio de Cristo.
Eu coido que non se poden facer compartimentos estanco cos distintos desempeños do mesmo ser humano, como se a existencia do perdón e da penitencia nos concedera unha patente para compensar a maldade coa bondade a ratos. Durante o mes de Ramadán non se pode criticar, nas igrexas os cristiáns dánse fraternalmente a man, pero cando tocan ao recreo uns e outros, como as vacas nas estampidas, volven ao exercicio da inquina, a maledicencia e o egoísmo, coa tranquilidade que lles da a capacidade infinita de amor do Todopoderoso. ¿Canto dano ten producido o Teísmo na Historia da Humanidade!.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...