© blog: Son de Oleiros

viernes, 9 de diciembre de 2011

A idiosincrasia anglosaxona

Sabemos que a maquinaria política da CEE e máis lenta e pesada que a de países independentes tomados de un en un. Para a toma de decisións hai que pór de acordo a vintesete gobernos estatais. Mais o espírito que latexa é o de sermos máis fortes compartindo intereses e modelos de desenvolvemento e convivencia. É aínda cos seus defectos, o certo é que o grao de democracia e benestar social de Europa, con toda a súa crise, é un referente para o resto do planeta.
Non vou negar que hai luces e sombras detrás do liderado das locomotoras na toma de decisións, e tampouco que hai intereses da gran banca pensando na demora en poñer en marcha instrumentos fiscais e de emisión de débeda que permitan afrontar situacións difíciles en condicións igualitarias que fagan de nulo interese a intervención dos especuladores ou dos cazadores de paraísos para o diñeiro.
Ese marco lexislativo único, homoxéneo e solidario será o que, ao fin, leve a que Europa equilibre o seu mapa de desenvolvemento por rexións, evitando que no seu seo afloren Chinas ou Vietnams e que pervivan refuxios para os tramposos en Andorra e Xibraltar.
Mais os teimudos dos ingleses veñen a confirmar, unha vez máis, o seu concepto de que só desde a salvagarda do individualismo extremo unha nación e quen de incrementar a súa fortaleza. Trátase dun valor xa infiltrado no miolo das súas conciencias, das súas vidas, da súa idiosincrasia. E díllelo un nacionalista convencido de que o aprecio polos sinais de identidade é compatible coa definición e amplificación do que temos de común con outros pobos, para medrar desde as sinerxias e non desde a confrontación.
O ninguneo de Cameron a respecto do euro replica o desprezo polo sistema métrico decimal ou o tránsito pola man esquerda. Non digo eu que teñan que prescindir desa diferenciación pero si digo que é compatible coa adopción de certos instrumentos básicos que fan máis forte o proxecto europeo. Sobre todo porque Inglaterra non é autosuficiente como non o é nin a Alemaña nin moito menos os primos do Oeste, que viven moi por riba das súas posibilidades condenando á fame a enormes áreas xeográficas que fican improdutivas por mor dun cambio climático alimentado polo consumo desaforado.
Os focos máis importantes da especulación están en Londres e Nova York. Semella que Cameron é tendencioso ao ignorar adrede que detrás desta crise do sistema, detrás da dificultade para saírmos dela están equipas e bufetes de brokers traballando día e noite para grandes inversores, movendo cantidades inxentes de capital á procura de traficar co suor da forza de traballo e mercando a prezo de saldo o produto dos esforzos dos Estados recortando prestacións sociais.
O goberno inglés atopa as razóns para ser máis forte no aumento da debilidade dos demais en lugar de no afianzamento dunha Europa sen fisuras. Sabemos a quen temos por veciños ao nordés, sabemos que cos seus fíos de puritanismo falso teceuse unha nación que leva desde o principio da súa historia fundamentando o seu imperio no uso da “Intelixencia”, infiltrada, na intriga e na extorsión.
Por iso non pode sorprendernos o clima de ledicia con que Cameron augura o fracaso da moeda única e do sistema de valores da CEE.
Temos varias opcións: mirar ao futuro sen contar con eles, boicotear os seus produtos, ou construír unha Europa máis forte sen desquites, contando con eles a pesares de todo e tragando sapos agardar o intre no que decidan engancharse ao noso tren porque xa lles remate por fallar o primo de Zumosol.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...