© blog: Son de Oleiros

jueves, 24 de abril de 2014

O mantra de "Morreu a esquerda" ou arredor da delación dos renegados.

Felipe abúrrese nos consellos de administración das eléctricas. Aínda así seguirá un tempo máis asistindo a unha reunión trimestral a razón de 156.000 € ao ano.
É insultante a deriva destes homes que dignificaron a pana no Congreso de Suresnes para, dende a estética do exilio, arrogarse o protagonismo da recuperación dos principios do Socialismo para, tras un prodixioso exercicio de asimilación do Liberalismo con decisión, deixar reducido o escenario de relacións entre os axentes sociais a un monólogo no que a voz a teñen os que abusan de posición dominante mentres o pobo contempla como lle son subtraídos mecanismos de defensa a cotío.

Que os socialistas da pana arribados con fame atrasada dende o xugo franquista teñan interiorizado con tanta ortodoxia a práctica das portas xiratorias, non é senón un síntoma de modernidade, de asimilación da moda que os U.S.A. cren ter inventado, esquecendo que se trata dunha herdanza romana. O éxito do tráfico de influencias dentro da mal chamada esquerda, ademais de conseguir a uniformidade das grandes propostas, ataca, quizais por iso mesmo, a esencia do Socialismo dende os miolos. Os politólogos voceiros do Neoconservadurismo, os do sindicato do odio ao diverxente, ao periférico, ao distinto que non excluínte, babean cando escoitan ós filósofos e ós outros apóstolos desa pretendida esquerda proclamar sen rubor que esta está morta, coma se fose unha cuestión que só os convertese en testemuñas e non en co-responsables. Uns e outros grandes teóricos, dende o ruído incesante con que a crónica da mediocridade nos bombardea a diario obviando o esencial, inspirados pola corrente da partitocracia que vén marcando o paso, están interesados en defenestrar a outras opcións que nunca tiveron oportunidades de goberno.
"A esquerda ten morto" é o mantra reducionista ao uso, coma se o recoñecemento da propia incapacidade do bipartidismo para representar os intereses do pobo puidese poñer a cero o contador dos abusos da clase gobernante e abondase ademais para desbotar, con prepotencia, outras opcións que sempre foron acusadas de utópicas. Ese "a esquerda ten morto" é esgrimido mesmo como un digno exercicio de exame de conciencia polos que se cren de volta de todo sen expoñer nada. Encerra, na realidade, a intención reaccionaria de sepultar á verdadeira esquerda: esa que nunca logrou obter o apoio dunha sociedade que basculou dende o medo ata a esperanza e dende a esperanza á frustración sen chegar a encarnar xamais un verdadeiro exercicio de responsabilidade e de restauración dos valores que nos foron usurpados polos que hoxe se senten no fiel dunha balanza na que catro familias e un puñado de aburridos pesan o mesmo que o conxunto dos cidadáns.



http://www.elperiodico.com/es/noticias/economia/felipe-gonzalez-gas-natural-consejero-incompatibilidades-2997670 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...