© blog: Son de Oleiros

lunes, 18 de mayo de 2015

A ESTABILIDADE ANSIADA

"O que está en xogo é o futuro" (Dos membros do PP tamén)



Anda a militancia da gaivota a repetir o mantra, ata no máis pequeno dos espazos, de que só unha maioría obtida polo seu Partido é garantía de estabilidade. Os seus mamporreros mediáticos, pululando por páxinas de prensa e estudios de TV, fan o propio: Que vén o lobo! Que veñen os extremistas bolivarianos! Coma se o máis extremo non fose condenar á exclusión social a millóns de concidadáns, cunha frialdade infame, polo pecado de ter sido atrapados por unha burbulla que os pillou traballando mentres outros estaban a levalo crú.

Unha maioría do PP para a estabilidade!

Certo é. Estabilidade no engorde da brecha entre ricos e pobres, nas liñas de apoio á banca que desafiúza tamén con ritmo sostido e que agora, magnánima, acepta a dación en pagamento: esa fórmula ignominiosa para a esencia dun Estado garantista que permite que un pai coa súa prole quede na puta rúa, aínda que pagase unha parte importante da súa hipoteca, para que se lle exonere de atender o resto do compromiso.

Estabilidade!... na contratación por horas de profesionais médicos para atender fluxos de traballo nos hospitais. Estabilidade, para vender empresas públicas, autoestradas, etc. a mans privadas amigas (p. ex. Sacyr) por catro cadelas para que estas fagan caixas revendéndoas con grandes plusvalías a capitais foráneos que veñen abusando na fixación das tarifas aos cidadáns indefensos.

Estabilidade! no nivel de aforamento, nos privilexios fiscais, na transparencia sobre o intranscendente para ocultar a opacidade sobre o que importa. Estabilidade para frear as comisións de investigación, para reformar por decreto a Constitución e atender aos intereses das concentracións de capital antes que os dereitos fundamentais dos cidadáns á vez que se obstrúe a necesaria reforma dunha Constitución que xa non pode atender axeitadamente a realidade territorial.

Queren estabilidade para seguir incumprindo o programa electoral! Para atribuír todos os males á herdanza recibida, para reinterpretar os datos e para perverter a linguaxe, para chamar á emigración forzosa dos nosos fillos "mobilidade exterior", para manter o status da xerarquía católica -que non de Cáritas-, para aplicar as súas reformas que agrandan a fenda entre ricos e pobres e consolidan a precariedade laboral, para asiatizar o país nun continente que só pode competir pola vía da excelencia.

Estabilidade outros catro anos!: no ritmo con que afloran, día tras día, casos de corrupción nas súas filas infectas, en todas as Administracións, en todas as posicións de poder. Estabilidade no tráfico de influencias, no suborno, na malversación, no saqueo, nas adxudicacións irregulares.

Estabilidade para non admitir responsabilidade na elección dos colaboradores corruptos con resultado de baleiro de recursos destinados á educación, á sanidade, á formación.

Estabilidade outros catro anos para asistir á retirada progresiva das axudas á dependencia, das dotacións para a investigación en enfermidades raras, para persistir na aplicación da vacina contra a hepatite "C" cando xa se entrou na fase cirrótica.

Queren incrementar de xeito estable a perda de horas de traballo brutas, a caída da porcentaxe da poboación activa, a desprotección aos parados de longa duración, pero tamén a clericalización nos centros de ensino en detrimento da educación en valores para a convivencia cidadá; desexan estabilizar a perda de dereitos, a persecución da expresión popular na rúa, o trato fiscal de favor aos que máis poden pagar e a presión sobre as rendas da clase traballadora ata o seu empobrecemento literal.

 É esa estabilidade a que reinou en varios centos de Concellos españois con boa parte dos seus concelleiros -en Santiago todos menos un- imputados por conceder contratas de forma fraudulenta. E agora chegan "os revolucionarios, " os indignados por todo isto e queren romper ese estado coas súas propostas frívolas e aventureiras. En Compostela, con Martiño Noriega e a súa "Compostela Aberta", pero tamén en Valencia, a través de pactos que poñan en xaque á dama do caloret e os gin tonics en suites de luxo, ou á Sra. Aguirre, campioa da honradez e honestidade pola súa rapidez en despedir a todos os corruptos que elixiu para persoal de confianza.

Chegan, pois, os que fan política de cafetaría, os empeñados en debater cando España o que necesita é esa placidez, calma e estabilidade que permite ao partido maioritario vivir nunha torre de Cristal onde calquera luxo inimaxinable, sibilino, é o chocolate do loro, aínda que o país se fenda polos catro costados.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...