© blog: Son de Oleiros

martes, 7 de julio de 2015

O PARADOXO GALEGO

(Este artigo foi escrito no ano 2013. Sen embargo, pouco ten mudado o escenario estratéxico. Pecharon, iso si, milleiros de explotacións, e o rural vai ficando máis desertizado, mentres a Administración Autonómica e xa non digamos a do Goberno central miran cara a outro lado.

En Inglaterra e tamén noutras democracias da Europa da primeira velocidade están a presentar unha medida revolucionaria para fomentar ou emprendemento: os parados de longa duración van recibir asesoramento psicolóxico. Paréceme un acerto. Sen embargo, no rural galego o traballar arreo é consubstancial ao noso ser. Calquera implementación de medidas para animar ao emprendemento pasa primeiro por rematar co abuso de posición dominante dos intermediarios, das grandes cadenas de servizo e dos monopolios que fixan prezos de merca do leite moi por debaixo dos custos de produción, un trinta por cento máis pequenos que no resto do Estado, diante da pasividade das autoridades, as mesmas que facilitaron o desembarco dos franceses subvencionando a enaxenación dos nosos recursos.
Os sufridos gandeiros galegos non precisan da intervención terapéutica para atreverse a emprender. O que necesitan é outra clase de gobernantes, que teñan a ben loitar para que os produtores teñan unha oportunidade de viviren e traballaren no seu propio país, aproveitando as oportunidades que o seu hábitat privilexiado lles brinda. Porque xa acada categoría de delito que, por unha deixación do deber de lexislar e vixiar para impedir o abuso, os galegos sigan a ser a despensa do Estado e, sen embargo, os máis probes, porque os que pisan sempre sobre moqueta e non coñecen a bosta xogan ao Monopoly co suorfrontedos paganos).




Aquel mentireiro compulsivo, vendedor de fume, que afirmou en Palomares que non había radioactividade para vir logo a bañarse a Perbes, afundiu a Galiza na peor das lacras sociais: a do inmobilismo resignado. Durante os seus anos de mandato a cousa trataba de non tomar decisión ningunha que comportara traballo de xestión. Dicía Parménides: “ese home está a moverse moito. Daquela non fai nada”. Iso era o que facía o león de Vilalba: andar de acó para alá cortando cintas e asegurándose o apoio das baronías a través da creación de postos de traballo ficticios e fundacións sen ánimo de lucro nas que os soldos supuñan o noventa por cento dos orzamentos.
Baixo o seu mandato escurantista Galiza ocupou o antepenúltimo posto entre as duascentas euro-rexións europeas a respecto de Renda per cápita. Fraga foi unha máquina desmantelando o agro galego, apoiando co diñeiro dos galegos a merca por parte de empresas estranxeiras das nosas lácteas para logo afundilas con prácticas fora da legalidade. As eólicas e as granxas mariñas foron tamén adxudicadas maioritariamente a capital foráneo sen contrapartida. Os prazos dados por Bruxelas para sanear unhas rías infestadas de verquidos industrias e fecais foron incumpridos sistemáticamente e os fondos recibidos desviados para outro fin. Os gobernos de Fraga tutelaron a desviación das Caixas de Aforros da súa función social e da súa condición de garantes da mellor redistribución da riqueza xerada polos emprendedores, permitindo a blindaxe dos seus cadros directivos que manexaron os recursos como se foran da súa propiedade.
Se todas estas cousas e outras moitas ían sentando as bases para a hipoteca sobre o despegue económico e social de Galiza, a patada definitiva foi produto dos soños de grandeza do Iribarne, da súa megalomanía e do seu sentido mesiánico que o levou a atribuírse o dereito a pasar á Historia por ter actuado baixo unha iluminación especial, máis alá da necesidade de consultar as súas intención en equipos de traballo e moito menos de procurar o consenso antes de tomar decisións que ían comprometer o futuro de tres xeracións.
No colmo do anti-galeguismo real que tamén distinguiu a Franco e agora a Rajoy encargou o granito e a pizarra para o Gaiás en Brasil e Italia nun momento delicado para un sector estratéxico de Galiza, e coa complicidade do mentor da Carmiña Burana encargou unha biblioteca cuxa envergadura remedara á de Alejandría co obxectivo de chegar a albergar un millón de títulos para admiración dos visitantes namentres as campañas de fomento para a lectura e a adquisición de exemplares para as trescentas bibliotecas dentro do tecido social cotián quedaron suspendidos por falta de fondos, cun impacto brutal sobre a alfabetización dunha poboación cuns índices de lectura ínfimos e sobre a capacidade de supervivencia de boa parte das editoriais galegas. Namentres en Centroeuropa e Escandinavia o modelo que funciona é o de impulsar e dar vía ás propostas culturais e artísticas a través de unha ampla rede de instalacións funcionais integradas nos núcleos de poboación, Fraga e Pérez Varela reduciron a cultura a unha expresión expositiva dentro dun marco faraónico sen campo para a interacción.
Ao León de Vilalba, din os seus prosélitos, cóllelle o Estado na cachola. Pero para que raios queremos unha limusina nunha estrada de montaña, toda virada. O único que acadou a súa dimensión megalómana foi ir poñendo os cimentos da destrución actual do tecido produtivo de Galicia, na que hai paro e un millón de pobres por malas prácticas Administrativas e desviación dos recursos. Que pasaría de ter collido os 670 millóns de euros do Gaiás, xa sen meternos noutras areas de despilfarro, e fixéramos outro uso deles:

Entre 15.000 e 20.000 postos de traballo directo a partir do dragado e rexeneración dunhas rías ás que se ven verquendo a materia fecal de máis dun millón de galegos por non empregar os fondos enviados desde Bruxelas para tal mester nin a porcentaxe que lle corresponde á Xunta. A capacidade para aumentar a superficie cultivable e pasar dun rendemento cero a unhas rías outra vez cheas de riqueza depende dunha inversión total para toda Galiza de 38 millón de euros.

Vintecinco mil familias (máis de corenta mil postos de traballo directo) que se viron forzadas a pechar as súas explotacións gandeiras logo de vender con subvención a Puleva e aos franceses a patente para pagar aos gandeiros por baixo dos custes de produción e abrirlles a espicha para introducir leite foránea a máis baixo custe ate afundir a competencia dos propios galegos e reducir tanto o seu tamaño no concerto europeo como o seu nivel de vida, reducido ao papel de escravos. A inversión en manter estes postos de traballo como tamén os da xestión de grandes recursos enerxéticos pode cifrarse en 0. É bastante máis oneroso mandar a clase pasiva a unha proporción tan importante dunha poboación produtora e tamén consumidora. Tratábase de ter vontade política de apostar polo incentivo á nacionalización e radicación dos recursos, como fan por todo o mundo adiante, menos en Galiza, o único pobo que ataca á súa propia lingua e cuxos gobernantes pensan en facer carreira de costas aos intereses dos seus propios administrados.

Vertebración do rural co urbano, modernización do agro, creación dun cluster agropecuario, rehabilitación dos cascos rurais, incentivo para á volta ás economías con alto grao de autosuficiencia con troco de produtos a escala, potenciación do cooperativismo, implicación da Administración nas iniciativas empresariais autónomas con compensación aos donos das casas e terras sen uso para posibilitar a produtividade das facendas e a mobilidade do banco de terras. Só este capítulo de actuacións daría traballo directo ao cen por cen da xente desocupada cuns custes de 200 millóns de euros, pero retornables a partir do segundo ano, pola vía das cotizacións versus o pago de risgas e por efecto do incremento no consumo interno de bens. Se no norte de Italia e en Luxemburgo viven, no medio rural e como campesiños, os cidadáns coa renda per cápita máis alta de Europa, por que non imos ser capaces de desterrar a imaxe real do agricultor e gandeiro galego illado, desasistido, froito do abuso de posición por parte dos especuladores que poñen prezo aos seus produtos diante das narices da Xunta... e desexando poder vendelo todo para pagar as débedas e que acabe a súa escravitude penada?.

Por último, cunha inxección de 200 millóns de euros en cinco anos impulsaríase definitivamente o capítulo en I+D+I, a potenciación e posta en valor da industria das patentes e a inversión en apoio ás enerxías alternativas para contrarrestar as necesidades a curto prazo de dividendos por parte dos emprendedores e que están demorando unha independencia do petróleo que en Galiza podería ser total: eólica, xeotérmica e maremotriz.

Mención aparte merece a necesidade de recargar a cultura de país dos galegos e de frear a morte anunciada para boa parte da industrial cultural autóctona: merca de trescentos exemplares dos libros publicados en Galiza para destinalos ás bibliotecas de empréstito integradas no día a día da poboación e potenciación das salas de teatro, actuacións musicais, ensaios, dentro do barrio, e nas que prima a funcionalidade e o uso continuado sobre o culto ao ladrillo con grandes custes de mantemento e con dotacións de bedeis pantasma por parte de presidentes nepotistas dunhas institucións, as deputacións, con cuxas eliminacións disporemos de máis fondos para aplicar en políticas de creación de emprego. A inversión no prazo curto e tamén para un tramo de vinte anos é de 30 millóns de euros. Máis o impacto sobre a poboación e a saída profesional dunha xuventude atraida pola expresión da cultura e tamén artística evitaría a emigración como única saída sería relevante para a construción dun novo imaxinario de país compartindo obxectivos comúns.

A inversión directa para levar a Galicia ao pleno emprego sería de 468 millóns de euros. Bastante menos do que vai custar o Complexo mastodóntico do Gaiás sen ter en conta xa o seu mantemento. Pero claro, son medidas que implican algo máis que a palla mental dun visionario ególatra tomando unha decisión recibida con euforia polos secuaces aduladores no marco dunha comida hiper-calórica, e metabolizada máis por unha sesta que polo traballo de revisión, seguimento, impacto e xestión de recursos que poida vir detrás. As medidas eficaces do día a día para sacar a Galiza da vergoña de ter fillos famentos e emigrantes nunha terra rica comportan traballo de xestión e ningún conselleiro, Delegado, Segredario Xeral e demais xente con soldos importantes vai ser quen de arrogarse o principio de ter iniciativas que signifiquen complicarlle innecesariamente unha vida na que non falta nada. A cousa é non crear situacións que requiran intervención, non amolar con traballo aos compañeiros de escano e vivir a vida desde os privilexios. É para escarallarse de risa, se non fora un asunto tan serio, ver aos galegos á cola do desenvolvemento en Europa cando non somos unha rexión que padeza cataclismos desde a era arcaica e cando todo o que nos ofrece o medio e riqueza da que non somos quen de facer bo uso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...