O imperio ianqui sempre
ten imposto os seus intereses actuando con instrumentos de traizón,
servizos de intelixencia, a través de tácticas baseadas na mentira
que aseguran o espolio que segue a unha actuación abusona da forza.
A CÍA preparando a
exércitos locais e somaténs, e se era preciso o U.S. Army
facilitaban o camiño para que logo desembarcaran os grandes
monopolios froiteiros, de bebidas, petroleiras, mineralísticas... a
explotar os grandes recursos en areas xeográficas nas que era
preciso exterminar á poboación indíxena mediante instrumentos
locais: ditadores impostos con aporte de armas tralo derrocamento
sanguinario de líderes elixidos nas urnas.
O conto ven de moi lonxe.
No caso de Cuba, os EE.UU. afundiron a un dos seus buques de guerra
emblemáticos para teren o pretexto para declararlle a guerra a
España e apropiarse da illa, que converteron na eira onde a cara
obscena dos oligopolios, as franquicias do xogo e o lenocinio facían
fortuna mentres as xentes do país certificaban o seu status de
ancoraxe na escravitude e na trata.
Os proxectos imperialistas
progresaron en Chile, Uruguai, Paraguai, Ecuador, El Salvador,
Guatemala, Honduras, Nicaragua, Panamá... mesmo, con distintos
mecanismos de inxerencia, en Arxentina, Venezuela e Colombia. Ás
veces era dabondo alimentar ó exército golpista e outras cumpría
manter a grupos paramilitares, sanguinarios na eliminación dos irmás
de raza que obstaculizaban a percepción das comisións.
U.S.A., tendendo
mangueiras de succión en toda América Latina, facendo da guerra o
alimento da súa industria para asegurar a calidade de vida, o estado
de benestar e o despilfarro enerxético da súa voraz poboación
consumidora allea, intramuros, a tódalas traxedias fora das súas
fronteiras.
Ninguén nega que para que
triunfara a independencia de Cuba do xigante abafante foi preciso
sacrificar certas cousas. Mesmo Fidel ten recoñecido que pagaron
algúns homes xustos o pecado dos imperialistas. Mais era preciso
para o establecemento dun modelo de país oposto frontalmente ao
imperialismo escravizante, portador de explotación, incultura e
morte. De feito, tamén en certas unidades de actuación urbanística
hai quen perde o seu pedazo de terra para ceder diante da utilidade
pública. Agora ben, namentres Rajoy esgrime os logros
macroeconómicos como patente de éxito obviando a fenda entre ricos
e pobres e a realidade dun crecemento sostido da poboación en estado
de exclusión, Cuba pode fundamentar na defensa do acceso universal á
comida, o vestido, a educación e a sanidade o sacrificio de outros
parámetros tamén desexables pero inalcanzables nunha situación de
bloqueo miserento.
A Historia repítese: os
galegos que emigran a Suíza ou Arxentina por mor das políticas
defensoras dos intereses dos ricos oligárquicos votan á dereita.
Asemade, os cubanos que subiron a unha balsa escapando dun escenario
que non enchía tódalas súas arelas por mor da presión
imperialista e do afán revanchista dos grandes empresarios ianquis,
defenden paradoxalmente en Miami ao Stablishment que non cesa no seu
empeño de dobregar, unha vez máis, a un país latinoamericano.
Os doce homes de entre
oitenta e oito que sobreviviron nas primeiras horas tralo desembarco
do Granma en Cuba, tiñan formación vasta e, sobre todo, ousadía
para iniciar un camiño no que eran imprescindibles as ansias do
poboación na elección dun futuro compartido fora das garras da
explotación. Sen esa determinación, non se podería comprender o
triunfo pola vía rápida da Revolución. Foi logo deste, ben máis
tarde, cando ao rebufo da Guerra Fría, a illa acadaría protección
fronte a unha invasión dos ianquis que, doutro xeito, sería segura.
Pero co paso dos anos Cuba
tería de valerse en por si, soportando o estrangulamento dos
ianquis. Nese contexto tantas veces condenado na sede da ONU, mellor
farían os críticos coa Revolución loitando porque os EE.UU.
abandonaran ese xogo maquiavélico, ese exercicio de prepotencia que
levan desenvolvendo ao longo da súa Historia, como ben veñen
demostrando as sucesivas desclasificacións dos seus informes con
segredos de Estado.
Mellor farían os irmáns
de Miami críticos coa Revolución mandando alento e axuda material
como si teñen feito tantos galegos de ben en forma de libros,
xoguetes, leite, medicinas... Trátase de deixar en evidencia a
linguaxe retorcida dos líderes republicanos en USA (e dos seus
correlixionarios “liberais” en Europa), que falan de liberdade
namentres seguen a alimentar xenocidios e manteñen en Guantánamo a
cento vinte presos, torturados, sen cargos, moitos deles collidos ao
azar nos mercados de Kabul como chibos expiatorios dunha desfeita que
iniciara o Goberno dos EE.UU. por razóns xeoestratéxicas.
Cuba foi e é a pedra no
zapato do Tío Sam. Un pulso de dignidade dun pobo heroico fronte ao
xerme, fronte á expresión viva da maldade.
Afundemento do Maine. La Habana, 1898
No hay comentarios:
Publicar un comentario