Mostrando entradas con la etiqueta lareira. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lareira. Mostrar todas las entradas

viernes, 16 de diciembre de 2011

Última tarde de outono

AUSENCIA

Penduraban as follas secas das ponlas cansas das noceiras no val de Barcia. Os camiños serpeaban baixo un manto de lique para perderse na frondosidade dos outeiros e na mansedume dos soutos. Ao fondo, o rumor do Barces invitaba ao refuxio, ao abeiro dos rigores que anunciaban o inverno.
Acendería un lume na lareira, e baixo a súa calor morna lembraría aqueles tempos nos que non era consciente de que era feliz
O grolo de tinto. Carmina Burana e os poemas da Pizarnik eran a espoleta que o meu ánimo precisaba para avivar o pouso da nostalxia. Ao fin os sentimentos estoupan coa forza que é precisa para seguirmos a ser unha especie xenerosa en percepcións sutís máis aló do mínimo que marca a existencia.
Mágoa que o CD deu paso ás novas: Fabra defende a inocencia de Camps e Costa e alude á parcialidade dos xuíces. Lembreime de que Fabra ven de ser recolocado con salario de oitenta e seis mil euros e condición de aforado. Sería un premio ás súas actividades corruptas e á decisión de construír un aeroporto alí onde non van os avións. Hoxe é pasto dos coellos que están a comer mesmo as fundas dos aramios de cobre. Xa non fun quen de recuperar pulso vital daquela última tarde de outono.

domingo, 3 de octubre de 2010

INVERNÍA

Este tempo de vento e choiva que cae en Domingo amola aos galegos das cidades, amantes do día na praia, na montaña ou nos paseos marítimos. Para unha grande cantidade de traballadores manuais, oficinistas, hostaleiros ou comerciantes o contacto coa natureza a ceo aberto é unha necesidade acrecentada cando hai unha prole inquieta entre as catro paredes. Os suecos, que padecen moito de depresión asociada á falta de luz, teñen ben aprendida a lección e o fin de semana espállanse polos miles de rotas e camiños, entre os bosques, moi ben sinalizadas e salpicadas dunha rede de puntos de restauración e aloxamento, de tal xeito que os escandinavos só teñen que preocuparse de levar boas roupas de abrigo, de fabricación finlandesa, que fan posible o sostemento dun plan que non renuncia á vivencia dos exteriores por un quítame estas pallas.
Os galegos de Larouco, Roblido, Pobra de Trives e de Brollón, os do Barbanza, Fonsagrada, Xurés ou Lourenzá, non dispoñen de roupas con costuras termo-seladas nin de botas de Gore Tex. Os home seguen a vestir xersei de pico, chaqueta de pano e zocos ou catiuscas, e elas batas tipo Pirineo e medias de lá. Pero o certo é que no rural teñen un plus de estoicismo e sabedoría que os leva a aceptar as inclemencias do tempo como algo natural contra o que non procede resistirse senón máis ben extraer as cousas boas, as que non teñen prezo asociadas á choiva, a neve e o vento: sentarse a carón do lume da lareira, para escoitar a radio, ler ou pensar; dar conta dun par de chourizos de Sarria, un punto picantes, e duns pedazos de queixo ben cremoso, cuns grolos de tinto cálido e espeso; e, se cadra, acariñar o corpo trémulo de emoción como o primeiro día da muller da súa vida.

¿Qué le pasa a los españoles con los Borbones? La historia de los Borbones está inseparablemente unida a la decadencia de España. Cuando los...