© blog: Son de Oleiros

jueves, 27 de mayo de 2010

A DÉBEDA DOS CONCELLOS

Desde Felipe González a Zapatero, pasando por Aznar, tódolos executivos tiñan proxectado e apalabrado o respaldo ao municipalismo. Unha débeda histórica que no contexto actual de crise xeral non só é obviada senón que, ademais, paralízase a capacidade das administracións locais para seguir a prestar uns servizos que supoñen o 23% sobre o valor do percibido polos cidadáns, namentres os ingresos dos consistorios supoñen, por tódalas vías, un 15% da disponibilidade de recursos públicos.
Diante desta fenda financieira a meirande parte dos concellos, para seguir prestando os mesmos servizos aos cidadáns -en moitos casos encarnando obrigas que corresponden de feito a administracións supramunicipais- veñen optando pola venda do seu patrimonio, principalmente solo, e, cando isto non é posible, pola tramitación de préstamos bancarios, nun principio para abordar inversións, e, nestes momentos, mesmo para facer fronte aos gastos correntes. Este desfase é escandaloso cando conflúen factores como o de vivir por riba das posibilidades, investir en actuacións megalómanas e administrar con pouca ou ningunha coherencia a proporción entre o tamaño físico-humano do municipio e o do aparato funcionarial, o cal ven dando lugar a situacións de quebra real, enmascaradas por operacións crediticias, con endebedamentos por riba do 100% sobre o importe do presuposto anual. Demoras e impagos arrastran a miles de pequenos provedores
á ruína namentres o déficit do Estado acada niveis de record.
A solución para esta situación non semella pasar por penalizar a todos por igual. Hai miles de exemplos de concellos ben administrados, con niveis de endebedamento ínfimo, coas equipas de goberno moi axustados, sen gastos suntuarios en parque móbil, telefonía ou patrocinios nepotistas. E isto a pesares do lastre que supón facer chegar aos cidadáns tamén servizos que tiñan que estar prestando as CC.AA. Ou o Estado.
Por tanto, é xusto aplicar medidas leoninas a todos por igual? Moitos gobernos municipais do selo PSOE, como si gozaran de información privilexiada sobre as intencións do Gabinete Zapatero, xa tiñan convocados plenos apriorísticamente nos que tratar de solicitudes de crédito ata o máximo legal (125% sobre o importe do presuposto anual), denantes da entrada en vigor do decreto prohibicionista o 1 de Xaneiro de 2011. Eses concellos van a engulir o pouco líquido dispoñible nas entidades nun prazo breve. En cambio, os mecanismos de control sobre o gasto público seguen sen poñerse en práctica. Ademais moitos deles deben de estar obsoletos. Cómo se non entender que alcaldes de municipios de mil habitantes cobren o mesmo que outros que gobernan vilas de 100.000?. Cómo entender que en Os Blancos, en situación de quebra, haxa 65 funcionarios municipais para unha poboación de 980 habitantes?. Cómo dixerir que para atender a Casa da Cultura de Ourense, con dúas portas, figuren en nómina 19 porteiros? O cal, segundo Baltar, non é máis ca o chuquilate do loro.
A Operación Muralla, que comprometía as políticas cacharristas, está en suspenso porque non hai decisión política para estudar a documentación incautada e meter en cintura a quen corresponda. E iso é o que lle fai falta ao Estado: meter en cintura aos tramposos, aos que despilfarran e defraudan o suor dos que agora van ver aminorados os seus ingresos nunha especie de burla do destino. Garzón loitou contra as tramas de vividores a costa da política que teñen enmerdado o prestixio da dedicación máis nobre. E os poderes fácticos, os mesmos de sempre, paralizando a acción da xustiza, fortalecendo a sensación de impunidade na que se moven as mafias legais e sementando a idea de que todo vale, de que tonto o último... e fornecendo o odio social en amplos sectores da poboación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...