Tanto Felipe González como Aznar, desde postulados ben diferenciados, coinciden en apuntar a necesidade de repensar a sistema polo que se artella a convivencia social na vella Europa en crise. O primeiro enfatiza a importancia de investir en I+D+I e o segundo avoga aínda por uns mercados de traballo e un marco de comercio máis liberais. Sorprende que semellantes visionarios con grandes doses de información privilexiada e mamando das ubres do Capitalismo feroz teñan unha chave mestra cando nas súas executorias non tiveron en conta a data de caducidade dun estado de benestar fundamentado nunha situación de bonanza irreal, cos piares en actividades económicas especulativas, que só beneficiaban a unha oligarquía ben relacionada con Ferraz e Génova e deixaría en coiros a moitos que quixeron xogar a ser ricos.
Agora que a crise afondou ata extremos formidables e as voces son de alarma extrema nos corrillos onde se maquinan os asaltos golpistas ou “democráticos” ao poder, e cando compre introducir dun xeito novo, en claves de século XXI, o repensamento da sociedade. Entre a desesperación do benintencionado Zapatero e o concepto de política como enfrentamento partidista de Rajoy, hai unha necesidade obxectiva que atender para ben da sociedade española: o cuestionamento do Sistema político que ordena a nosa convivencia, a nosa capacidade produtiva e o estado de benestar.
Entre os sesudos ideólogos de ambas formacións con dez millón de electores como respaldo efectivo chama a atención que non teña xurdido referencia ningunha sobre aspectos que teñen de rachar a dinámica actual da sociedade, cales son:
-Cuestionamento dos valores transversais que están no miolo da convivencia diaria, desde a escola, ata o regulamento dos mensaxes dos mass media, pasando polo trato preferente que preside as relacións do Estado con institucións que se interpoñen entre o cidadán e a liberdade.
-Necesidade de devolver ao Parlamento e aos órganos de Goberno o prestixio perdido por mor do seu inmobilismo e ausencia de protagonismo nos momentos en que son máis precisos o liderazgo e a gobernanza.
-Fixación dun completo corpus de medidas que impidan a compravenda, especulativa e concentrada en poucas mans, de materias primas, alimentos básicos, divisas e débeda pública dos Estados.
-Acabar co trato de privilexio ás grandes multinacionais e grupos de poder. É a hora de que os partidos, no seo desta crise formidable, deixen de actuar en clave electoralista e, sen obsesión pola posible perda de apoio electoral, adopten o paquete de medidas precisas para mudar xeitos de Administración que xa non valen. Non se lle pide á Xunta ou aos Concellos que creen empresas, pero, alomenos, que non paralicen o florecemento de pequenas inciativas de autónomos con esixencias de papeleos custosos e interminables, dictámenes técnicos que tardan meses, solicitudes de marcas rexeitadas por sistema e silencios administrativos que só rachan sobre discretos. Xenera odio social que grandes clubes de fútbol gasten millóns de euros en fichaxes tendo débedas inxentes coa Seguridade Social e con Facenda namentres se pecha o crédito aos concellos.
Soros provocou o afundimento da libra esterlina e unha crise sen precedentes na Gran Bretaña; catro especuladores afundiron Grecia nunha semana, están atacando ao euro mercando e vendendo grandes sumas as vintecatro horas do día, gañan fortunas inimaxinables apostando pola caída de valores apoiados no rumor sementado en espazos contratados en grandes medios e fan inútiles as medidas desesperadas de aforro do goberno de Zapatero.
Sobre estes aspectos como sobre tantos outros a preguiza lexislativa de Bruxelas e dos Estados, e falta de capacidade de xestión da clase política en España son un lastre que anticipan para Europa un papel terciario no planeta ao cabo desta década.
Versión en castelán
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?
¿Vivimos nun Estado democrático? Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...
-
Só 3 de 70 bispos teñen informado en España á Fiscalía respecto dos abusos á menores por parte de curas das súas dioceses. Esta actitude ...
-
¿Vivimos nun Estado democrático? Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...
-
Non se pode resolver a cuestión de Estado da violencia machista a forza de repetir discursos e máis discursos. Sí, son necesarios, como tam...
No hay comentarios:
Publicar un comentario