© blog: Son de Oleiros

viernes, 7 de mayo de 2010

ESTRATEXIAS DE DISTRACCIÓN

Hanme chamar raro pero a min paréceme un atentado contra a ética, unha provocación esa programación da Sexta á hora da cea na que desfilan multimillonarios amosando as súas mansións, iates, xoias e roupeiros con xéneros de pasarela ao tempo que fan afirmacións do tipo: “ser probe e unha vulgaridade”. E levarán razón. A pobreza asola a varios millóns de familias vulgares. Moitas delas, para distraer a fame, ven a televisión que segue a ser un electrodoméstico económico.
Zapatero e Rajoy falaron de Grecia, da posibilidade de que os especuladores utilicen o rumor para tombar o valor dos bonos e a economía dun país. Mais ignoro o que terían afondado no drama e na profunda depresión que leva a moitos pais ao borde do suicidio por non poder aseguraren que tan sequera haberá un prato de sopa para cear mentres os fillos ven desfilar nos programas de “Mujeres ricas” e “Quién vive ahí” a persoas de carne e oso baixo o mesmo ceo, facendo aparecer o luxo ostentoso como algo normal no transcorrer dos días.
Ben está que a xente sen traballo nin medios non saia a pegar tiros á rúa. Ben está que aceten que esta crise é o fracaso do modelo neoliberal e capitalista que brinda as maiores oportunidades a especuladores e intermediarios, e que para remontala vai ser preciso un plus de capacidade de sufrimento e tamén de comprensión cara á clase dirixente espida de autoridade bastante no concerto económico multinacional.
Namentres, o que si compre esixirlle ao Goberno e á Oposición é que sexan sensibles co momento, xa ben prolongado, polo que están a pasar moitas familias e se poñan de acordo para frear esa provocadora ostentación dos ricos cada día máis ricos nos programas lixo e, aínda mais, para poñerlle fin á impunidade pouco edificante coa que viñeron corrompéndose e apodrecendo dun diñeiro roubado ao pobo, e nunca devolto, presidentes de Comunidades Autónomas, tesoureiros dos Partidos, senadores, segredarios xerais, directores da Garda Civil, do Teatro Liceo, do BOE... Porque España é hoxe un polvorín de emocións contidas, se non queremos empezar a ver cócteles Molotov nas rúas compre que Zapatero e Rajoy desboten a pereza institucional, baixen da nube, e traballen xuntos algo mais que dúas horas cada ano e medio para tratar tamén da nosa intrahistoria, ao de cada día nos fogares, tamén nos máis humildes, aos que lles deben máis referencias que os complexos e fríos datos da macroeconomía cos que non se cea a diario, máis consideración e menos estratexias de distracción co fútbol e con “Mujeres ricas”.

____________________________


A NOVA PISCINA DE DORNEDA, en Rialta, vai empezar a funcionar en torno ao día 15 de Xuño. Trátase dunha instalación moderna, con dous vasos bañados pola luz exterior, ximnasios, bestiarios e saunas, todo ben amplo, dotada ademais de accesos e zona de aparcamento que van facer moi grato o uso frecuente, especialmente aos veciños do saco norte do Concello que terán a un tiro de pedra un instrumento potente para coidar da forma física e tamén para desenvolver a súa vida social e participativa..
Oleiros sitúase na vangarda dentro de todo o Estado en canto a disposición de instalacións deportivas de toda índole e propostas de actividades monitorizadas para tódalas idades. O capital que suman o entorno natural privilexiado e as acción planificadas do goberno municipal coa colaboración veciñal elevan os estandares de calidade de vida e acceso a hábitos sostibles a unha cota equiparable á dos países máis desenvolvidos de Europa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...