© blog: Son de Oleiros

jueves, 6 de mayo de 2010

A FRUSTRACIÓN DO REFORZAMENTO IDEOLÓXICO NOS CONCELLOS INDEPENDENTES



Desde que Ortega insistira na, sempre por facer, necesidade de vertebrar España, a clase política e a sociedade ao rebufo veñen a darlle a razón ao filósofo no seu pesimismo razoado. Nin tan sequera unha guerra fratricida e unha represión cruel que deixou unha fenda pechada en falso foron experiencias suficientemente demoledoras como para tentar rexeitar a violencia na resolución de conflitos con perspectiva mental e educación na democracia.
Así, os partidos con opcións de goberno no Estado encarnan esa cólera, esa carraxe do ansia por mandar que comporta unha falta de entendemento de oficio, como un exercicio de anteposición sempre dos intereses partidistas por riba dos do país. O papel da oposición, lonxe do suposto de ofrecer propostas alternativas, céntrase en desexar que fracase a formación que goberna, cuxa función, en troques, é a de minusvalorar a demanda dos espectros políticos sen acceso á toma de decisións.
A práctica sistemática do odio conduce a situacións tan esperpénticas como que o presidente do Goberno e o líder da Oposición, que representan xuntos a máis de vinte millóns de votantes, só veñan a reunirse unha vez cada ano e medio e solo en situacións de excepcionalidade extrema. E nada mais rematar a xuntanza, como as beatas ao saíren da misa, quentan coa mesma semente do odio as mentes dos cidadáns que quererían saír da crise económica e de valores de xeito xamáis traumático. Esa práctica premeditada do odio ao diverxente con fins electoralistas e de abordaxe do poder trasládase, a escala, ás varias ducias de municipios de todo o Estado onde veñen gobernando partidos independentes, con un pequeno respaldo demográfico, en contextos locais. Neses casos, os alcaldes e equipas de goberno concentran sobre eles todo o odio e a maquinaria de destrución en poder dos grandes partidos, posuidores de medios económicos cos que mobilizar a propaganda para enconar e enfrontar aos veciños, e para sementar de novo o odio e instrumentar a falta de entendemento como unha estratexia apriorística, evitando o diálogo político e a utilización da negociación, e facendo uso prepotente da súa titularidade como elementos de autoridade supramunicipal para estrangular o fluxo de inversións neses concellos que aspiran tamén a gobernar. Cando na transición naceran esas Galias pequenas, esas alternativas de goberno de progreso independentes da bicefalia invertebrada -non confundir coas propostas xurdidas dos tránsfugas con desexos de facer camiño afastados da loba que os amamantou-, a moitos veciños pareceulles importante enlazar a ideoloxía plural desas formacións con opcións políticas de esquerda, tentando insuflar desde o sosego a necesidade dun rearme das ideas achegado a postulados do socialismo ortodoxo, en certo modo utópico, que asegurara o mantemento dos servizos sociais e dos fondos de solidariedade mesmo nos momentos de vacas fracas, aínda que para ilo houbera que pospoñer actuacións máis rechamantes pero de menor impacto na calidade de vida.
Mais a aposta por ese rearme ideolóxico pola esquerda nunca fraguou. Os partidos supramunicipais que reivindicaban o socialismo no enfrontamento en instancias do arco parlamentario como un instrumento de distinción de cara ao electorado perderon tódolos seus sinais de identidade na dimensión xeográfica e electoral dos municipios, onde dar apoio ideolóxico a alcaldes independentes suporía para esas formacións a asunción de demorar ou relativizar a necesidade da súa presentación como alternativa de goberno. E iso é moito pedir para unha clase de “utópicos” que, na realidade, teñen fame de mandar, se é preciso entrando no xogo vello das oligarquías, quentando os ánimos das xentes de ben, e amosando coas súas actitudes de levantar confrontacións mesmo onde pode haber coincidencias que non están na política por vocación de entrega a os ideais senón para facer carreira.
O estado de ánimo actual nas formacións independentes que gobernan en varias ducias de concellos do Estado é dun certo desencanto e, por reacción, acentúase o peche de filas en torno á pura defensa dos intereses veciñais, no día a día, sen preocuparse moito de encadralo ideolóxicamente. Namentres, o tempo vai pasando, e con ilo, afóndase na desideoloxización da España invertebrada.


VERSIÓN EN CASTELÁN




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...