© blog: Son de Oleiros

miércoles, 5 de mayo de 2010

A SUPRESIÓN DA EDUCACIÓN FÍSICA NO BACHARELATO


SON DE OLEIROS (sondeoleiros.com)

O sucesivos Gobernos non viron a necesidade de loitar contra o tabaquismo con medidas lexislativas ata que os gastos derivados da atención a afectados por EPOC (enfermedade pulmonar obstructivo conxestiva) e cancro superaron aos ingresos fiscais pola venda de cigarros. Aínda hoxe, tamén en parte por mor dunha inercia cultural que os políticos, co medo electoralista no corpo, non afrontan, a lexislación sobre dereitos e deberes do fumador é tan laxa que non ten en conta a absoluta necesidade de protexer do fume do tabaco a cantos non queren envelenarse: non fumadores, embarazadas, cativos, camareiros...
No asunto da integración da Educación Física na oferta de actividades escolares dentro do curriculum de bacharelato, moito me temo que a Administración non ten pensado cuestionar a absurda supresión da materia ata que as voces de alarma sobre o incremento exponencial da obesidade severa non acaden un eco maior e os gastos sanitarios derivados de dar asistencia a unha porcentaxe superior xa ao vinte por cento da poboación xuvenil non sexan constatados como insoportables.
As doenzas derivadas da gordura chegan para quedarse e son moi graves: hipertensión, diabete, artrite, ateroesclerose, insuficiencia cardíaca, problemas circulatorios e respiratorios, cancro... ata completar unha listaxe interminable.
O grave da supresión da actividade física nos tramos de bacharelato é precisamente a afectación a rapaces e rapazas vivindo na etapa do afianzamento de hábitos que xa van acompañalos o resto das súas vidas. Os poucos adolescentes que se engancharan a unha práctica deportiva concreta por formar parte dun club terán máis doada a fidelidade á actividade física. Mais a gran maioría encherán as súas horas de ocio con actividades que escasamente comportan o coidado do corpo. Só unha proporción pequena da xuventude recupera se cadra uns anos máis tarde o hábito do exercicio atraida por campañas municipais ben valiosas, cando toma conciencia da súa forma física paupérrima.
É unha aberración a supresión no curriculum escolar dun hábito saudable tutelado por persoal cualificado, licenciado en Educación Física. E non estamos a falar da necesidade de poñer unha nota ás habilidades deportivas dos nosos fillos senón de incluír na súa vida de diario a práctica hixiénica de exercicios e xogos deportivos individuais e no grupo, polos beneficios imprescindibles para o crecemento harmónico que comporta: físicos, emocionais, de desenvolvemento de pautas de colaboración, capacidade para o esforzo, focalización de obxectivos, concentración, valoración das dificultades como oportunidades, mellor resposta fronte a factores de stress e ansiedade, etc., etc., etc.
Un dos nichos de creación de postos de traballo por encher, nestes anos de crise, está no area da Educación Física e a práctica deportiva, que xa terían que estar de volta nas aulas de Bacharelato. Porque un país que presume de estar na vangarda en porcentaxe de recursos dedicados a benestar social non pode permitirse o luxo de educar tomando ao individuo como unha mente disociada do corpo, se non queremos que as residencias xeriátricas se enchan, precozmente, de enfermos dependentes, pagando por ilo unhas peaxes materiais e inmateriais que empezan a dar medo.








No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...