© blog: Son de Oleiros

jueves, 17 de febrero de 2011

De coleccións

Os tratados de psiquiatría establecen que o coleccionismo é un xeito de conduta acumuladora que pode chegar a considerarse como unha patoloxía cando, quen a padece, chega a perder calidade de vida ou causa estragos na familia. Detrás dun coleccionista compulsivo hai unha perda de control, de racionalidade que leva a mercar tres mil pares de zapatos, como Imelda Marcos, cen bolsos de Loewe, ou a recoller obxectos diversos, por máis escangallados que estean, dos contedores.
Tamén elevan o coleccionismo a un grao patolóxico os que teñen corenta cans nun patio interior, os que gardan nun caixón bragas ou suxeitadores usados, os que arruínan á familia con tal de tunear o coche, os que debuxan unha cruz nun caderno cada vez que se deitan cunha muller...
Ao longo da miña vida teño convivido con coleccionistas de case que todo o imaxinable: caixas de mixtos, bitolas, miniaturas de trens, coches, motos ou botellas de bebidas espirituosas, barallas, chisqueiros, chapas, xerras de cervexa, reloxos, pipas, plumas...
Outra categoría de coleccionismo sería a que atende a unha finalidade lucrativa aos ollos dos demais: selos, edicións únicas, obras de arte, xoias... por máis que detrás dun presunto inversor, ás veces, custe traballo distinguir a parte profesional do lado escuro.
O certo é que en tódalas persoas coleccionistas coas que fun tendo trato ao longo da miña vida atopei rasgos comúns: todos son individuos un pouco raros, cohibidos e pouco dados a saír de tazas ou de excursión.
Deben de sabelo ben as editoriais , porque durante todo o inverno levan bombardeándonos con publicidade de coleccións de toda pelaxe. Nunha sociedade cun nivel de ansiedade tan grande e, por tanto, tan proclive a desenvolver mecanismos adictivos, de compensación, de seguro que pescan cada ano a máis incautos que acumulan nos caixóns galeóns ingleses do século XVIII ou cen pares de anteollos de época.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...