© blog: Son de Oleiros

sábado, 2 de abril de 2011

Parolando, roubándolle tempo ao descanso

Algúns amigos teñen un discurso cada día que pasa máis reiterativo acerca da necesidade de que eu trate este ou aquel outro tema, e sempre asuntos que lles están a ocasionar fonda preocupación. Pero iso non sempre é compatible coa vida que un leva, o traballo e obrigas familiares que afloran como setas cando o entorno vai entrando en idades avanzadas. Ademais de andar a buscar os garabanzos e unha dispoñibilidade de medios suficientes para levar unha vida digna sen renunciar ao acceso á formación e a cultura, o certo e que escribir nun blog non profesional é difícil por non dicir imposible de rendibilizar. Cando o sitio empeza a ser coñecido sempre aparece o xuízo sesudo da compañía que da soporte dicindo que hai detrás prácticas ilegais de cliqueo, aínda cando saiban ben que detrás non hai senón o fenómeno de rede social retroalimentada.
Por tanto, alértovos da inconveniencia de adiantar recurso económico ningún a esas plataformas que proliferan na arañeira prometendo pingües beneficios co único propósito de lucrarse a partir da suma de centos de miles de pequenas imposicións.
Escribir nun blog non mercantilizado pasa a ser unha necesidade íntima que compre compatibilizar con outros mesteres nun perfil equilibrado. E de pouco vale que os que queren que a sociedade mude e reaccione fronte á deriva que poida estar tomando disparen toda a artillería aduladora aos neuro-receptores da vaidade do blogueiro: –E que ti escribes tan ben! E que si os que sabedes expresar as ideas non botades unha man que nos queda aos demais!.
É un recurso fácil para escorrer o bulto. Porque logo rascas e ves que con frecuencia os aduladores son xente ben preparada, profesionais que ascenderon na escala social en no mundo competitivo no que se desenvolven en gran medida gracias ao seu manexo da información a través da comunicación, ben entre departamentos ben cara ao destinatario das súas propostas de servizos. De tal xeito que a eles os animo a que se senten esa necesidade de escoitar as verdades empreguen tamén un pouco do seu tempo, restado do fluxo lucrativo, en animar correntes de opinión.
Así, para hoxe, podo proporlles falar de esas cousas miúdas que non fai falla ser superdotado para percibir, senón ter conservada a sensibilidade mínima que nos distingue dos autómatas. A saber:

a) Unha compañía aérea oferta con éxito voos entre pasaxeiros dispostos a pagar un corenta por cento mais por non compartir espacio con cativos. Anúncianse como “Voos ceibes de nenos”.

b) Responsables de axencias de rating e a gran banca privada declinan asistir a unha xuntanza con Obama por cuestións de axenda. Os banqueiros e os especuladores aos que a Reserva Federal rescatou pesan máis ca o poder político.
(Anderson alertou -na súa curtametraxe merecedora do Oscar- de que as mismas consultoras que axudaron a Grecia a ocultar a magnitude da súa deuda afundiron despois ao país heleno para beneficio dos especuladores. O mesmo BCE e o Banco Mundial establecen uns intereses nos seus empréstitos que fan que as economías en quebra demoren as súas peticións de axuda. Non hai ningunha axencia de “rating”, non hai ningún financieiro no cárcere, a pesares de que o día antes da quebra de Lehman Brother a empresa fora distinguida por Moody´s coa máxima cualificación de solvencia...).

c)Invitación a usar o transporte público. ¿?

Crónica dunha viaxe, ordinaria, Santiago-Mera (Oleiros): Saída da casa, no centro de Santiago, ás 16,25. Monto no tren as 16,47. Chegada á Coruña ás 17,20. Camiño a pé á estación de autobuses. Saída do bus ás 18,30. Chegada a Mera: 19,01. Tempo total investido semellante ao do traxecto en AVE entre Madrid e Sevilla.
Como ocorre coa sanidade, o problema non está nos desprazamentos entre núcleos principais senón na falta de cobertura metropolitana. Da para reflexionar, agora que rematan os prazos para seguir a aprazar o freo as emisións de CO2. No tema da saúde, a espera para unha revisión co otorrino chegou no meu caso a sete meses. Sen embargo, entrei co apéndice inflamado por urxencias ás 20 horas e saín sen apéndice ao día seguinte.

Ven? Un blog tamén pode suxerir para que os demais desenvolvan os seus razoamentos e propoñan items para o debate. Eu agradezoos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...