© blog: Son de Oleiros

lunes, 25 de julio de 2011

25 de Xullo en Compostela

Hoxe en Compostela era a cita... o día de afirmación da nación galega, da nosa lingua nai, dos nosos atributos. Unha oportunidade máis de compartir camiño xuntos e tamén coa participación de representantes de pobos amigos aos que nos une una situación de vítimas de abuso de posición dominante e déficit de interlocutores válidos. Pero sen dúbida o inimigo principal contra o despegue do pobo galego hai que atopalo xa hoxe, logo de séculos sufrindo a alienación e o castigo por sermos como somos, no síndrome de Estocolmo encuberto que ten levado a xa demasiados galegos a rexeitar todo aquelo que eran propios sinais de identidade. A nosa cultura está ameazada dun xeito diferencial a respecto de outras que, tamén acosadas, estaban representadas hoxe na manifestación, porque os nosos líderes políticos e unha parte importante do noso pobo renega da nosa lingua, da nosa orixe e da nosa herdanza, ás veces como activistas belixerantes -Galicia bilingüe- e outras por omisión, pasividade, entrega irreflexiva ao colonialismo cultural maniqueo...
Poderíamos ceder ao pesimismo ¿ou realismo? e asumir que pouco futuro ten a nosa cultura se moitos dos galegos practican un reducionismo ao folclórico de toda a nosa carga identitaria. En que outro lugar do mundo podemos atopar un pobo que odie os seus atributos, que sinta vergoña deles? En ningún!. O señor Rajoy nunca fala galego porque di que para facelo mal mellor nin intentalo. Pero os polacos que veñen de intercambio dous meses marchan de aquí falando a nosa lingua. Que prexuízos impiden a Rajoy e a tantas familias que se queixan de que o galego é unha imposición aprendelo ben? Hai razóns ideolóxicas na súa estrutura profunda que frean o aprendizaxe significativo. E algo que non se lle escapa á análise da Psicoloxía Aplicada.
Ademais en Compostela falouse dun sistema produtivo superado, incapaz de dar respostas de integración social, reparto da riqueza, acceso aos bens básicos, á cultura e á información... Falouse do individualismo alienante que dispersa a capacidade da sociedade para actuar como colectivo con respostas rápidas fronte ao abuso de poder. E como conclusión, aínda sen renunciar ao ambiente festivo, percibimos con gravidade que só a mobilización do pobo pode remover dos seus postos a aqueles que pensan que gobernar é só un asunto derivado de gañar nas urnas e non unha reválida diaria. Galicia, a despensa de España, produce riqueza administrada desde e para fora. Aquí non quedan as plusvalías e o traballo dos extractores da riqueza non está posto en valor. A meirande parte dos grandes empresarios non pensaron en clave galega e tampouco os grandes administradores. É precisa a potenciación dos clusters por sectores e o fornecemento dun tecido emprendedor con alicientes para conservar a propiedade industrial, a explotación das patentes e o circuíto do diñeiro. Galicia ten de mirar ao país vasco como modelo de dinamización produtiva e tamén de distribución da riqueza e utilización dos fondos de asistencia social solidaria.
Pero xa seguiremos con estes discursos. Hoxe é un día de celebración. Só que, ás veces, un reflexiona sobre o que poderíamos ter sido e o que somos e a congoxa aparece sen remedio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...