© blog: Son de Oleiros

lunes, 11 de julio de 2011

UNHA TARDIÑA INESQUECIBLE

XX Xuntanza de Corais en Mera

O Sábado 9 de Xullo, coas últimas luces do día, fomos privilexiados en Mera coa actuación de tres Corais de profunda personalidade propia. É outro éxito máis da anfitriona, a Coral Polifónica de Mera, que merece a consideración de Asociación de utilidade pública, non só pola difusión que fai da música galega de autores noveles ou consagrados senón tamén pola súa vocación organizadora de encontros que permiten a públicos deste rincón da xeografía acceder ao coñecemento de sensibilidades e artes nacidas alén das nosas fronteiras, para poñer en valor a diversidade, o noso e o dos demais, e tender pontes de apreciación do que temos en común con outras culturas, que é moito. Así puidemos percibilo coas interpretacións de Cançao do mar, Samaritana e Cantigas do Maio, por parte do tan laureado Coro Polifónico de Aveiro, tamén cunha fonda formación europeísta. Tamén cargadas de emotividade foron as interpretacións das corenta voces asturianas da “Maestro Lozano”, en cuxo repertorio predominan pezas populares con outras de autores autóctonos. Non poden ocultar a atracción polas habaneras e os compases tropicais compartida coa Coral de Mera. Esta última, dirixida con luva de veludo por Yanaisy Solís, deu un paso máis adiante en complexidade na elección dos temas e no protagonismo de cada grupo de voces que, de tan ben ensambladas, semella un engranaxe tan perfecto e aparentemente sinxelo como o do corpo humano, onde só cando falla un elemento todo tende a desmoronarse.
Unha xornada para sentir, deixarse embargar polas emocións e constatar que cando o ser humano usa a súa potencia para construír é coherente coa súa verdadeira dimensión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...