© blog: Son de Oleiros

miércoles, 28 de diciembre de 2011

A XUSTIZA ¿E IGUAL PARA TODOS?

¿Non axuda daquela o de ter diñeiro ou influencias para levar un proceso xudicial, a resistencia a imputacións, ate etapas máis avanzadas de defensa?
O historial desa Xustiza presuntamente igualitaria da que fala o Borbón está cheo de exemplos nos que os procesos se dilatan durante anos e os delincuentes a gran escala nunca devolven o diñeiro e como moito pasan catro, seis ou oito anos vivindo en rexímenes especiais, con tfno. Móbil para seguir atendendo os seus “asuntos”, champán e servizos de sexo profesionais.
A afirmación do rei enaltecendo a necesidade de transparencia non ten moito valor por estar feita fora de tempo. A monarquía estaba ao tanto das actividades do Urdangarín de marras desde 2006 pero agardou cinco anos para tomar medidas exculpatorias para a Institución, logo de que o xornal de Pedro J. Ramírez destapara o tema.
A defensa da honorabilidade que o rei intenta para manter impoluto o prestixio da Casa Real non é mais ca unha estratexia de mercadotecnia que vai unida neste momento crítico á vontade emerxente de presentar as contas do importe das asignacións que recibe a “Familia” a través dos orzamentos do Estado. Xestos todos eles tardíos e que fan pensar en que non terían sido tomados de non sacar o Mundo á luz as actividades do xenrísimo, aínda non imputado por mais que era o presidente da empresa que facía negocio non coa prestación de servizos reais senón sobre a base da utilización nepotista do seu vínculo coa Casa Real.
A “Xustiza” presuntamente igualitaria está administrada por homes e mulleres que non son alleos á influencia do entorno, das circunstancias concomitantes. Os ladróns de boas familias, os aforados, os que se sentan en cenáculos onde se decide o reparto das riquezas que outros producen co seu suor non devolven nunca a pasta e eluden a cárcere as máis das veces. Os directivos de Caixa do Mediterráneo, con contratos blindados, recibirán como castigo o mesmo dereito a prestacións sociais que un contribuínte respectuoso coa lei, por moito que a entidade non teña intención de reembolsar os depósitos aos impositores ate o ano 3000. De seguro que se se tratase dun pai roubando unha galiña para dar de comer aos fillos xa estaría durmindo en Teixeiro.

lunes, 26 de diciembre de 2011

Conversas na barra dun bar

...Pois a min fodéronme as festas. Paráronme en Santa Cristina o Sábado pola tarde. Xa elixen o sitio e a hora:

–¡Buenas tardes. Control de Alcoholemia!. ¿Ha bebido usted algo?
–Pues si le digo la verdad, dos cubatas hará ya más de dos horas. Y últimamente dos cervezas sin alcohol.
–Está bien. Pues va a tener que soplar, hombre.
[...]

–0,27. Da usted positivo señor.
–No me lo puedo creer. Pero si era todo Coca Cola. Si no no cogería el coche. Además yo ya sé cuando voy perfectamente, como ahora.
–Ya, pero da usted positivo. Mire, de un paseo por aquí y dentro de un cuarto de hora repetimos la prueba.

Eu lánceime a facer exercicio para suar. E veña a correr cara arriba e abaixo. Estaban fodéndome a tarde.Tiña á muller agardando para sairmos a casa dos sogros.

–Bueno, agente, si tenía un poquito de alcohol ya seguro que lo he sudado.
–Da usted 0,30. Lo que ha sudado es agua, caballero. Tengo que hacer la denuncia.
–Pero no es posible. ¿Me está usted diciendo que estoy borracho?
–Le estoy diciendo que da positivo en el test de alcoholemia. Tengo que sancionarle con 600 euros y la retirada de 4 puntos del carnet. Tiene la opción de pagar ahora a cambio de un descuento del 50%.

Aquel cabrón estaba a chamarme borracho e tan campante. ¡Mecajoendiós!, foron os trescentos euros que máis me doeron na miña vida. Sempre teño douscentos agochados no maletero para unha urxencia e levaba outros cen no peto, por si paraba de camiño nalgún furancho. ¡Quedei pelado! Home, non me fodas. ¡Nin que fora borracho! E inda por riba tiven que esperar hora e media a que levantaran o control para poder coller o coche. E á muller contándolle milongas. ¡A ver! Para que non me tomara por un borracho.

(Pasarlle pásalle case que a calquera. A diferencia está na análise)

viernes, 23 de diciembre de 2011

POLÍTICA SOLEMNE

O periodismo reactivo, amarelo, do Nadal entregado para algúns ao dolce far niente anda á procura, desesperada, de titulares casposos no anecdotario das sesións solemnes posteriores ao rumor. Namentres, a trinta e catro días despois dos comicios, aquí o barco segue sen timón.
O derradeiro titular, nunha folla que cae con desgana ate o chan no que descansa o tresillo raído: “Sáenz de Santamaría, a muller con máis poder ao longo de toda a Historia de España”. ¿? Vicepresidencia, portavocía, etc., misións todas elas que requiren do dominio das artes escénicas e do carácter solemne que tan ben saben impregnar a tódalas súas intervencións ela e o seu mentor. Misións nas que non existen tomas de decisións, moitos menos individuais, nin respostas... Ben distinto era cando Isabel La Católica exercía as súas políticas imperialistas, impositivas e nacionalistas excluíntes co exército ó seu carón como brazo executor. Ela si que tiña poder... para prohibir o tráfico marítimo entre os portos galegos e América e así favorecer ao mediterráneo; para arrancar as viñas e as oliveiras da nosa terra; para redobrar os recrutamento forzoso do valor galego... Aínda os mesmos cataláns, que tan ben recibiran a iniciativa de Galeuzca para loitar xuntos pola defensa das nacionalidades históricas, perden agora as formas cando ven que o diñeiro é o que é e Galiza empezaba a recibir parte do que por dereito lle corresponde.
Soraya, como alumna ben aplicada do galego por accidente que non por vocación nin exercicio, ten un poder umbilical, ínfimo no concerto europeo. Estaba na política como os cans que Rajoy ceibaba cada mércores para que lle fixeran a vida imposible a Fernández de La Vega, e a Elena Salgado.
Este goberno tarda xa demasiado en tomar medidas. Hoxe o diñeiro non descansa. Os mercados impoñen o seu ditado sen necesidade de actos solemnes nin maquinarias pesadas e reunións inacabables nas que ninguén é quen de diverxer. Pasou o tempo para os políticos especialistas en primeiros planos e control dos tempos. A política só pode ser xa é a idea orixinal sobre o reparto do traballo e da riqueza, e sobre as prestacións sociais que poña en marcha o engrenaxe para levala a cabo con eficacia. E diso encárganse os mellores técnicos na materia, apoiados nun corpus lexislativo áxil, cambiante, adaptado ás necesidades do entorno. Todo o demais sobra: milleiros de persoas de confianza ¿?, asistentes de imaxe, actores metidos a políticos, atrezzo... Nestes días de Nadal nos que desde a Lotería ate os reportaxes dos jambóns con maionesa queren reforzar o sentimento de formar parte dunha cultura cobra máis forza a necesidade de adelgazar de xestos baleiros, cara á galería, dos políticos, que para caer ben din cousas obvias e as visten de enxeño. Namentres, os días voan para o que precisa respostas.

martes, 20 de diciembre de 2011

AS RECEITAS DO NEOLIBERALISMO

Velaí un pequeno relatorio do que tocou De Cospedal para reducir o endebedamento en Castilla La Mancha no curto prazo:

-Deixar de pagar ás farmacias
-Liquidar tódolos coches oficiais polo mesmo que custan dous meses de salario da presidenta (medida ben insuficiente: cumpre acompañala da decisión de que os políticos vaian ao traballo no seu coche ou en metro, a cargo do seu peto, como os demais traballadores, sen coches e xa sen escoltas).
-Adelgazar un 40% a nómina de perceptores da dependencia.
-Eliminar as casas de acollida de mulleres que están a sufrir maltrato.

Ao mesmo tempo o goberno entrante prepara recortes tamén “estratéxicos”:

-Redución do número de perceptores de becas, o importe das mesmas, e aprazamento do seu abono ate Marzo, provocando nalgúns casos o abandono dos estudios e en moitos máis a financiación con créditos duros.
-Reducir e aminorar as axudas á dependencia
-Aforrar en probas diagnósticas, en medicina preventiva, na administración de métodos innovadores no tratamento do cancro e tamén de doenzas por anomalías na resposta inmunitaria, patoloxías raras, etc.
-Despedir a boa parte dos investigadores punteiros nas áreas de maior aplicación social.
-Suprimir as axudas para a merca de libros de texto, á natalidade, aos programas de conciliación da maternidade coa vida laboral...

A idea do goberno entrante e a de superar a crise incrementando a recadación e as cotizacións a través da creación de emprego. Mais non hai un só apunte, unha idea ou suxestión sobre os nichos onde se van crear eses postos de traballo. O argumento único é o de que aos empresarios villes resultar máis atractiva a contratación dentro da filosofía mal chamada liberal e da creación deturpada dos “minijobs”, que na Alemaña son mini respecto da duración da xornada e en España prometen selo -ou xa o son- en relación co soldo por percibir.
Para os emprendedores a pregunta é: ¿haberá demanda para os seus produtos cunha nova clase social cobrando por baixo dos niveis de supervivencia digna e sen recursos para o consumo.
Europa non é a China, nin o Vietnam. As conquistas sociais, de dereitos por parte dos traballadores son o froito de século e medio de esforzo colectivo. O desenvolvemento económico, tecnolóxico e de patentes ten levado a un reparto da riqueza máis democrático que nos países chamados emerxentes. Anúncianse pasos cara atrás neste modelo de vida, referente mesmo para os EE.UU., onde a macroeconomía ofrece datos punteiros en xeración de riqueza convivindo cun reparto tan desigual que leva a corenta e cinco millóns de cidadáns a vivir na miseria e sen asistencia social.

Europa, e tamén España, dispoñen dun arsenal de medidas por tomar sen necesidade de desfacer os cimentos da universalización dos dereitos fundamentais. E desas medidas non se ten falado nada na investidura de Rajoy nin tampouco moito en Bruxelas:

-Eliminacións das SICAV
-Reforma fiscal: incremento dos tipos para as grandes fortunas e as grandes sociedades empresariais, con beneficios inxentes mesmo en tempos de crise. Hoxe paga moito máis un asalariado medio que Repsol ou o Banco de Santander.
-Redución dos soldos nas escalas altas da Administración e gravámenes potentes sobre os emolumentos dos executivos das Corporacións empresariais, con eliminación, por lei, das claúsulas blindadas. Hai que regular o funcionamento das Sociedades e rematar co conto de que as empresas de capital privado son intocables a respecto da administración dos seus beneficios e balances. É precisa a transparencia para a tranquilidade de traballadores e accionistas e é precisa a reforma das súas obrigas tributarias para que revertan na sociedade parte dos recursos que antes reciben dela.
-Persecución do fraude.
-Plan de desamortización agraria, de incentivos á ocupación de vivendas deshabitadas, con liñas de acordos compensatorios cos donos, mediante copagos Estado-inquilino ate que este teña recursos, plan de inserción dos estudantes de F.P. en contratos de formación subvencionados dentro das empresas...

Coa reforma fiscal e a redución á metade do fraude o Estado solucionaría o seu problema de solvencia e triplicaría os recursos de 16.500 millóns de euros que intenta conseguir rebaixando o nivel de prestacións sociais e de salarios dos traballadores. Por ese camiño tería que ir o proxecto dun Goberno que pretenda consolidar a súa condición e insuflar na sociedade esa confianza en saírmos da crise que pregonan.

viernes, 16 de diciembre de 2011

Última tarde de outono

AUSENCIA

Penduraban as follas secas das ponlas cansas das noceiras no val de Barcia. Os camiños serpeaban baixo un manto de lique para perderse na frondosidade dos outeiros e na mansedume dos soutos. Ao fondo, o rumor do Barces invitaba ao refuxio, ao abeiro dos rigores que anunciaban o inverno.
Acendería un lume na lareira, e baixo a súa calor morna lembraría aqueles tempos nos que non era consciente de que era feliz
O grolo de tinto. Carmina Burana e os poemas da Pizarnik eran a espoleta que o meu ánimo precisaba para avivar o pouso da nostalxia. Ao fin os sentimentos estoupan coa forza que é precisa para seguirmos a ser unha especie xenerosa en percepcións sutís máis aló do mínimo que marca a existencia.
Mágoa que o CD deu paso ás novas: Fabra defende a inocencia de Camps e Costa e alude á parcialidade dos xuíces. Lembreime de que Fabra ven de ser recolocado con salario de oitenta e seis mil euros e condición de aforado. Sería un premio ás súas actividades corruptas e á decisión de construír un aeroporto alí onde non van os avións. Hoxe é pasto dos coellos que están a comer mesmo as fundas dos aramios de cobre. Xa non fun quen de recuperar pulso vital daquela última tarde de outono.

viernes, 9 de diciembre de 2011

A idiosincrasia anglosaxona

Sabemos que a maquinaria política da CEE e máis lenta e pesada que a de países independentes tomados de un en un. Para a toma de decisións hai que pór de acordo a vintesete gobernos estatais. Mais o espírito que latexa é o de sermos máis fortes compartindo intereses e modelos de desenvolvemento e convivencia. É aínda cos seus defectos, o certo é que o grao de democracia e benestar social de Europa, con toda a súa crise, é un referente para o resto do planeta.
Non vou negar que hai luces e sombras detrás do liderado das locomotoras na toma de decisións, e tampouco que hai intereses da gran banca pensando na demora en poñer en marcha instrumentos fiscais e de emisión de débeda que permitan afrontar situacións difíciles en condicións igualitarias que fagan de nulo interese a intervención dos especuladores ou dos cazadores de paraísos para o diñeiro.
Ese marco lexislativo único, homoxéneo e solidario será o que, ao fin, leve a que Europa equilibre o seu mapa de desenvolvemento por rexións, evitando que no seu seo afloren Chinas ou Vietnams e que pervivan refuxios para os tramposos en Andorra e Xibraltar.
Mais os teimudos dos ingleses veñen a confirmar, unha vez máis, o seu concepto de que só desde a salvagarda do individualismo extremo unha nación e quen de incrementar a súa fortaleza. Trátase dun valor xa infiltrado no miolo das súas conciencias, das súas vidas, da súa idiosincrasia. E díllelo un nacionalista convencido de que o aprecio polos sinais de identidade é compatible coa definición e amplificación do que temos de común con outros pobos, para medrar desde as sinerxias e non desde a confrontación.
O ninguneo de Cameron a respecto do euro replica o desprezo polo sistema métrico decimal ou o tránsito pola man esquerda. Non digo eu que teñan que prescindir desa diferenciación pero si digo que é compatible coa adopción de certos instrumentos básicos que fan máis forte o proxecto europeo. Sobre todo porque Inglaterra non é autosuficiente como non o é nin a Alemaña nin moito menos os primos do Oeste, que viven moi por riba das súas posibilidades condenando á fame a enormes áreas xeográficas que fican improdutivas por mor dun cambio climático alimentado polo consumo desaforado.
Os focos máis importantes da especulación están en Londres e Nova York. Semella que Cameron é tendencioso ao ignorar adrede que detrás desta crise do sistema, detrás da dificultade para saírmos dela están equipas e bufetes de brokers traballando día e noite para grandes inversores, movendo cantidades inxentes de capital á procura de traficar co suor da forza de traballo e mercando a prezo de saldo o produto dos esforzos dos Estados recortando prestacións sociais.
O goberno inglés atopa as razóns para ser máis forte no aumento da debilidade dos demais en lugar de no afianzamento dunha Europa sen fisuras. Sabemos a quen temos por veciños ao nordés, sabemos que cos seus fíos de puritanismo falso teceuse unha nación que leva desde o principio da súa historia fundamentando o seu imperio no uso da “Intelixencia”, infiltrada, na intriga e na extorsión.
Por iso non pode sorprendernos o clima de ledicia con que Cameron augura o fracaso da moeda única e do sistema de valores da CEE.
Temos varias opcións: mirar ao futuro sen contar con eles, boicotear os seus produtos, ou construír unha Europa máis forte sen desquites, contando con eles a pesares de todo e tragando sapos agardar o intre no que decidan engancharse ao noso tren porque xa lles remate por fallar o primo de Zumosol.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...