© blog: Son de Oleiros

viernes, 23 de diciembre de 2011

POLÍTICA SOLEMNE

O periodismo reactivo, amarelo, do Nadal entregado para algúns ao dolce far niente anda á procura, desesperada, de titulares casposos no anecdotario das sesións solemnes posteriores ao rumor. Namentres, a trinta e catro días despois dos comicios, aquí o barco segue sen timón.
O derradeiro titular, nunha folla que cae con desgana ate o chan no que descansa o tresillo raído: “Sáenz de Santamaría, a muller con máis poder ao longo de toda a Historia de España”. ¿? Vicepresidencia, portavocía, etc., misións todas elas que requiren do dominio das artes escénicas e do carácter solemne que tan ben saben impregnar a tódalas súas intervencións ela e o seu mentor. Misións nas que non existen tomas de decisións, moitos menos individuais, nin respostas... Ben distinto era cando Isabel La Católica exercía as súas políticas imperialistas, impositivas e nacionalistas excluíntes co exército ó seu carón como brazo executor. Ela si que tiña poder... para prohibir o tráfico marítimo entre os portos galegos e América e así favorecer ao mediterráneo; para arrancar as viñas e as oliveiras da nosa terra; para redobrar os recrutamento forzoso do valor galego... Aínda os mesmos cataláns, que tan ben recibiran a iniciativa de Galeuzca para loitar xuntos pola defensa das nacionalidades históricas, perden agora as formas cando ven que o diñeiro é o que é e Galiza empezaba a recibir parte do que por dereito lle corresponde.
Soraya, como alumna ben aplicada do galego por accidente que non por vocación nin exercicio, ten un poder umbilical, ínfimo no concerto europeo. Estaba na política como os cans que Rajoy ceibaba cada mércores para que lle fixeran a vida imposible a Fernández de La Vega, e a Elena Salgado.
Este goberno tarda xa demasiado en tomar medidas. Hoxe o diñeiro non descansa. Os mercados impoñen o seu ditado sen necesidade de actos solemnes nin maquinarias pesadas e reunións inacabables nas que ninguén é quen de diverxer. Pasou o tempo para os políticos especialistas en primeiros planos e control dos tempos. A política só pode ser xa é a idea orixinal sobre o reparto do traballo e da riqueza, e sobre as prestacións sociais que poña en marcha o engrenaxe para levala a cabo con eficacia. E diso encárganse os mellores técnicos na materia, apoiados nun corpus lexislativo áxil, cambiante, adaptado ás necesidades do entorno. Todo o demais sobra: milleiros de persoas de confianza ¿?, asistentes de imaxe, actores metidos a políticos, atrezzo... Nestes días de Nadal nos que desde a Lotería ate os reportaxes dos jambóns con maionesa queren reforzar o sentimento de formar parte dunha cultura cobra máis forza a necesidade de adelgazar de xestos baleiros, cara á galería, dos políticos, que para caer ben din cousas obvias e as visten de enxeño. Namentres, os días voan para o que precisa respostas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...