© blog: Son de Oleiros

miércoles, 18 de enero de 2012

A herdanza macroeconómica da Era Fraga

Segundo pasan as horas multiplícanse os testemuños laudatorios da figura de Fraga. Falan da súa proverbial enerxía, da súa memoria enciclopédica, da puntualidade nas citas de traballo, da amabilidade que se agochaba detrás da pel de lobo, da súa campechanía e familiaridade coa familia do restaurante de diario... Ben, pero polo seu papel de presidente da Xunta cumpre analizar o seu bagaxe real, o seu aporte e a das súas equipas desde 1990.
En toda unha década a desigualdade social medrou sete puntos fronte a unha redución de cinco no conxunto do Estado. A renta per cápita diverxeu á baixa cinco puntos e medrou a fenda entre a punta e a base do espectro da clase media. Son datos empíricos, contrastables en calquera estudo macroeconómico apoiado en estatísticas oficiais.
Noutros indicadores de benestar social, como número de camas ou de médicos por habitante, nº de prazas en xeriátricos por cada cen mil habitantes, axuda a dependentes ou cobertura a persoas en risco de exclusión social fumos adiantados por Andalucía e as dúas Castelas, e no parámetro de asistencia á terceira idade tamén por Extremadura.
Con Fraga, a concentración parcelaria que buscaba a posta en valor produtivo das terras ricas de labradío detívose, e o agro decreceu en favor do monte. As grandes leiteiras galegas non recibiron axudas pero sí Puleva e os franceses para acabar co noso proxecto de cluster e, de paso, coa autonomía e a capacidade de negociación de prezos dignos por parte de vinte mil pequenos produtores abocados ao peche das súas explotacións para completar un panorama desolador no rural máis invertebrado de Europa. Eran os tempos das tractoradas que a Don Manuel lle facían moita gracia. Porque el era moi imaxinativo e chistoso cando se trataba de ningunear á clase traballadora en apuros. Como cando dando resposta aos que defenderan as bateas da marea negra coas súas mans núas espetara: “Nos vimos con cartos”, unha frase que só podía vir dun analfabeto medioambiental, unha clase por fortuna xa en extinción. Iso sen afondar en que os seus valedores Veiga, Rajoy e Arsenio de Mesa secundaron ao galego de pro na negativa recalcitrante a considerar o desastre como una marea negra, privando ao pobo galego do dereito a recibir indemnizacións da Compañía Aseguradora e de Europa. Nese intre Galicia tería gañado máis cun goberno inexistente.
Tamén a Fraga se lle debe o de botar o peche ao caixón no que se gardaban as reivindicacións en materia pesqueira e de construción naval que detraeran a meirande parte dos esforzos de Laxe, durante cuxo mandato Galicia iniciara un despegue que non atopou continuidade. Foi a década na que non pasou nada, de nula presión ao Goberno de Aznar para que negociara en Bruxelas tentando impedir que os franceses, cunha flota un sesenta por cento inferior á nosa e unha extensión de augas xurisdiccionais tamen moito menor obtiveran por contra unha patente para esquilmar a anchoa con malas artes e tamén para por en perigo a supervivencia dos peláxicos.
A fraga alúdese con agarimo cando se trata de falar da súa enerxía no trato, para tildar eufemísticamente un ton autoritario que lle viña da época do Réxime e que figura en tódolos manuais de xestión directiva como un elemento tóxico para a xeración de ideas nun equipo de xestión.
O pobo idiotizado busca no chascarrillo populista, na saída de ton machista, na lingua imperativa e desatada a ese suposto líder carismático e con dous collóns. O malo é cando rascas e atopas que detrás de esa pantalla, de esa aparente ubicuidade hai unha interacción nula de facto, una falta absoluta de abordaxe de sinerxias cos emprendedores, cos innovadores, coa transformación da sociedade e coa asunción do risco que comporta vivir tomando decisións máis aló das rutinas no Vilas e o ton tiránico que disipa o dereito a discrepar. A súa autoría como pai dunha carta magna da que non era partidario senón censor marcou uns lindes estreitos na concepción dun estado plurinacional. Exerceu o único nacionalismo excluínte na península: o centralista -”...aos nacionalistas colgabaos eu dun...”.
Foi unha época caracterizada por viaxes a Latinoamérica a arrepañar baños de multitudes e votos. Viaxaban, ademais de conselleiros, tamén moitos directores xerais. Eran tempos de axendas baleiras de contido e de grandes dietas nunca refrendadas pola obtención de resultados concretos. Os galegos que triunfaban como empresarios na emigración facíano pola propia iniciativa.
Fálase de Fraga como amante do pobo galego e da súa cultura, mais foron outros os gobernos que puxeron en práctica a discriminación positiva en favor dunha lingua e un patrimonio vivo en perigo de desaparición logo dunha persecución represiva durante corenta anos. Porque o seu concepto de cultura obedecía a unha filosofía de compartimento estanco, de mausoleo: cultura galega como expresión do folclore pero non para a vida de diario, para a ciencia, o mundo da empresa ou a educación. Así enténdese mellor que concibira a construción con granito italiano e lousa brasileira dunha biblioteca capaz de albergar un millón de volumes arrastrando a necesidade paralela de eliminar o proteccionismo do sector editorial galego, a dotación de exemplares para as bibliotecas escolares e municipais e os incentivos á tradución e exportación dos nosos valores.
Mais Galiza é un lugar diferente. Un pobo coa conciencia borrosa sobre a súa identidade, como sinalara tan acertadamente o psiquiatra Santiago Lamas nos seus ensaios. E certo que algúns votaban a Fraga porque vían favorecidos os seus intereses. Pero que se pode dicir cando tamén o están a chorar nestes días tantas familias que viviron a experiencia traumática da emigración ou do peche da súa actividade por causa, precisamente de políticas que, como con Franco, nunca estaban construídas pensando en clave de país. O noso ten mal remedio.

1 comentario:

  1. bravo!!!!! noraboa polo artigo
    Algún día cando os nosos netos traballen as terras que herdaron os nosos avós nas aldeas máis escondidas, os seus actos serán xulgados sin que poida pagar por todo o que fixo. A ver si chega o día en que escollamos a personas honradas e humildes para gobernar máis alá do noso municipio.

    ResponderEliminar

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...