© blog: Son de Oleiros

sábado, 31 de marzo de 2012

O concepto de felicidade no contexto actual

O filósofo alemán Gerald Achtunroeder acostumaba argumentar que a felicidade non era mais ca a vivencia atenta do presente. Se cadra este pensamento é un lugar común entre as culturas que poñen o acento no esforzo do home máis ca na acción da providencia.
Científicos de todo o mundo levan buscando nos últimos cento cincuenta anos os segredos da eterna xuventude. Teñen falado da resilencia dos nipóns, da pureza do ar, o auga e a dieta dos pobos de montaña, sexa no Kurdestán ou nas montañas do Perú. Xa máis recentemente, coa transcrición científica do xenoma humano, a ciencia ten descuberto o que o sentido común xa ditara hai moito tempo: que a actividade cerebral e o mantemento das relacións sociais son un antídoto contra a decrepitude prematura. Pero as cousas mudan moi axiña, o entorno de hoxe non é o de onte, e o de mañá non será o de hoxe. E nese punto, na adaptación a un entorno cambiante, radica un factor determinante para poder alcanzar idades avanzadas cun control sobre a propia vida suficiente para sentirse razoablemente feliz.
As probas que nos pon por diante a reforma laboral ameazan as conquistas que nos levaron a duplicar nun século a esperanza de vida. Para mostra: xa non se pode caer enfermo o quedar preñada sen risco de perder, “procedentemente”, o emprego -namentres, Gallardón fala de ser una muller auténtica na medida en que se é nai e ao mesmo tempo dificultan a conciliación con medidas anticonstitucionais-, ser sensible a unha oferta de tres meses pode rematar co dereito acumulado con anterioridade a percibir prestación, etc., etc.
As comunidades da aldea global, bloques fabriles arrastrados a competir con deslealdade de clase, marcan ciclos económicos e épocas de crecemento mesmo alí onde se partía da miseria fronte a fenómenos de recesión onde se conquistara o benestar. Cando os chineses cheguen a cobrar cinco euros/hora (en dez anos pasaron de 0,79 a 2,80 euros/hora) volverán as implantacións produtivas ao noso chan, afrouxará o medo, a man de obra necesaria recuperará parte da capacidade negociadora e aspectos transversais que levan a vivir mellor e máis anos serán contemplados de novo.
Mais o medo deixa pegadas duradeiras e as regras de xogo veñen ditándose dende a división que esa emoción ten provocado nunha sociedade atomizada, dividida, máis individualista e, como dicía o tal Achtunroeder, cunha escala de valores low cost pouco compatible cunha mellora das expectativas de vida e sobre todo, da súa calidade para as xeracións vindeiras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...