© blog: Son de Oleiros

martes, 20 de marzo de 2012

A República Federal de España

Desde un contexto republicano, superando o anacronismo dunha monarquía que non debe pintar nada nunha democracia parlamentar(1), o mapa político estatal ten de superar o frenesí autonomista que tentou á clase política de medio país, vendo nas reclamacións históricas de Galeuzca unha físgoa por onde colarse como nacionalidades emerxentes.
De feito, o mapa que mellor recollería a existencia de “landers” diferenciados pola Historia, polos intereses, polas potencialidades aínda que nun sistema de compensación interterritoriais quedaría resumido en dez comunidades (fronte ás dezasete actuais), a saber:

–Galiza(2)
_Asturias e Cantabria
_País Basco
_Navarra e La Rioja
_Aragón
_Cataluña e Baleares
_Comunidade Valenciana
_Castela(3): León, Zamora, Salamanca, Valladolid, Palencia, Madrid, Toledo, Ciudad Real, Cuenca, Guadalajara, Burgos, Soria, Segovia, Ávila.
_O Sur: Andalucía, Extremadura e Murcia.
_Canarias.

Ceuta e Melilla serían enaxenadas para devolver o territorio a Marrocos, con quen cumpre tratar, por unha débeda coa Historia, para que “o irmán” de Juan Carlos de Borbón cese no xenocidio e na ocupación do Sahara Occidental.

Municipalismo: Unidades municipais dun mínimo de 10.000 habitantes e artellamento arredor da COMARCALIZACIÓN (léase a Andrés Precedo Ledo), que porá en valor todo o que teñen de común os concellos dunha rexión para ofrecer como produto de mercado: a paisaxe, os produtos agropecuarios, o modelo industrial, o viño, a sementeira do mar, etc. É unha mentalidade de unión de fortalezas para ter máis oportunidades para a exportación, a venda, a promoción turística, que supera a función burocrática e mesmo a de redistribución de recursos procedentes dos impostos e que caracterizan ás deputacións como se esas funcións non se puideran levar a cabo desde o goberno autonómico aforrando sete de cada dez euros que os entes provinciais gastan en personal e nepotismo.

_________________________

(1) E incrible ou ben a falta de memoria histórica do pobo a través da tradición oral ou ben a súa ignorancia por non querer saber da nosa Historia: ¡gaditanos vitoreando ao borbón no II Centenario da Constitución de 1812, a mesma que o tatara tataravó de Juan Carlos, o absolutista (ditador) Fernando VII tentou esmagar impondo un medievalismo contra a corrente que impulsaba a Europa e a Norteamérica cara ao nacemento das democracias modernas.
(2)Galiza, líder estatal en produción de: madeira, enerxía eléctrica, pesca, conservas, leite, barcos, renovables, textil, carne, acuicultura, automoción, xeotérmicas, pedra, patacas, ourizos, setas, castañas e mazáns para a sidra... líder estatal na ratio Produción interior bruta/propiedade autóctona. Un país enaxenado dende que os Católicos mandaban arrincar cepas e oliveiras ou prohibían o tráfico de mercancías entre os portos galegos e América para favorecer ao Mediterráneo. Nos últimos vinte anos Ferrol recibiu un trato diferencial obsceno seguindo a estela do ditador, que só tiña presente a súa terra para reprimir, pescar e folgar. En 2011 o Goberno “esqueceu” presentar en tempo e hora en Bruxelas a documentación sobre aranceis e prazos de amortización condenando a Galiza a unha incapacidade para competir cos asteleiros holandeses e xermanos. Galiza precisa ter unha voz propia no parlamento, pois mesmo os cataláns, que estaban en Galeuzca por intereses umbilicais, ningunean as inversións no noso país.
(3)¿Non é que o espectro nacionalista excluínte identificado coa dereita abandeira a reivindicación da recuperación do centralismo? Pois ben, neste mapa teñen a oportunidade de sufocar o personalismo na política para recoñecer que Toledo, Madrid, Guadalajara, Valladolid... comparten pasado secular e un destino asimilable tendo en conta valores, cultura, bagaxe e escaparates para ofrecer. Mais isto pasa por rematar cunha atomización administrativa que tivo a súa orixe no ansia viva dos partidos maioritarios por crear chiringuitos onde colocar ben aos prosélitos con alma de notarioou inspector de traballo metidos a xestores sen ningunha experiencia no manexo de recursos en situacións de crise e sen capacidade emprendedora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...