Teño uns amigos que non gozarán das
medidas “salvadoras” anunciadas con tan bó humor por Soraya o
venres: o seu fillo xa ten catro anos e a medida contempla a parellas
con cativos ate tres anos. Outra parella de coñecidos quedou na rúa
unha semana antes da adopción de estes acordos protectores. A culpa
foi do calendario, porque durante os dous últimos anos a alarma
social non era bastante para facer saltar a espoleta de que había
que impedir que a xente fora a vivir debaixo dunha ponte ou ateigada
na casa dos abós. Seguindo as máximas de Rajoy, nunca faría falta
lexislar para protexer ás familias que se quedan sen nada, porque a
sociedade española constrúese, segundo el dixo en México, sobre a
base dos millóns de persoas que non se manifestan. E curioso que un
político saiba, mesiánicamente, dos intereses e cuitas dos seus
concidadáns a través do silencio e a inexpresividade. Claro, que
esa é a actitude que lle interesa a un gobernante que nunca ve a
necesidade de dar explicacións e só comparece cando está obrigado
por lei.
Por esa falta de empatía non é
extraño que a bicefalia que nos goberna desde hai trinta anos o faga
a golpe de decreto, unha fórmula que non precisa do diálogo
desgastante, e que tampouco conta coa necesidade de ser sensible ao
que convén ao conxunto dos cidadáns para ir adecuando as leis aos
tempos. Así, o abuso da letra pequena queda inmutable para beneficio
das empresas que gañan moito en tempos de bonanza e están blindadas
para seguir gañando cando pinchan as burbullas que eles alimentan:
os bancos, os profesionais da usura legal. Os seus esbirros no
Parlamento terán logo choio cando remate a súa entrega vocacional á
cousa pública e para ir tirando sacan a batería de parches do outro
día que só será aplicable nun porcentaxe ínfimo de casos. É a
meirande habilidade da chusma política integrada por adictos á
amasar diñeiro no menor tempo posible: A VENTA DE FUME.
No hay comentarios:
Publicar un comentario