(Prólogo de Galegos. A Galicia do século)
Breve definición de trazos diferenciais
Moito se ten argumentado sobre o carácter insular do
pobo galego. Ao longo da historia diversos factores viñeron a dotar de trazos
ben diferenciados aos que viven no finis terrae europeo: o illamento xeográfico
por terra, as invasións por mar, a riqueza en materias primas, a climatoloxía,
a paisaxe, a omnipresencia da auga, o longo reinado das tebras denantes do
estoupido da luz. Por si os factores naturais non chegaran para soster a tese
de que estamos diante dunha tribo peculiar, a organización social, o reparto do
traballo, a xerarquización interna e o sometemento a poderes que fixeron un uso
abusivo duns privilexios máis ca discutibles teñen contribuído a forxar o
carácter dos galegos e mesmo o perfil dos seus valores máis interiorizados,
aínda que con matices acerca da profundidade e arraigo dos mesmos tendo en
conta a idade, o lugar de residencia, a ocupación laboral e a exposición a
outras culturas.
O galego é un ser ben
precavido. Sempre ten a impresión de que pode ser enganado. Por esa razón,
cando fala non mira de primeiras á cara do interlocutor, para non aportarlle
datos que teñan que ver coa súa propia natureza. Só cando non se sente
observado aproveita para furtar imaxes do outro. Veciños do mesmo lugar, logo
de trinta anos coincidindo na igrexa, na taberna ou na labranza, acumulan tan
só unhas horas de intercambio de miradas. Sen embargo, a memoria é un aliado importante
para fixar a personalidade dos outros. Así, os galegos, proverbialmente, son
que de lembrar os actos máis aparentemente insignificantes xurdidos da
convivencia ao longo do seu periplo vital.
A mirada dos galegos
sorprende ao viaxeiro doutras latitudes polo seu carácter críptico. Pero, a
pouco que se poña a proba a súa hospitalidade, o prexuízo da súa incapacidade
para a entrega perde forza ata acabar caendo. Detrás desa primeira actitude de
defensa, atopamos a seres xenerosos co que teñen e poden ofrecer. Nada ten que
ver a extraversión coa capacidade para compartir o material. Teño mellor
impresión sobre o desprendemento destas xentes ariscas en aparencia que da suposta hospitalidade doutras comunidades
que reciben ao viaxeiro con castañolas pero logo son máis cutres ca un crego
chuquilateiro.
Claro que sería de
agradecer tamén un pouco de xenerosidade na apertura e entrega dos espíritos.
Pero iso xa é moito pedir. Para iso cumpre darlle tempo aos galegos. Este
carácter reservado reafirma a teoría darwiniana de que a necesidade fai medrar
o órgano. Para un galego, a reserva nace da necesidade de pasar o máis
desapercibido posible aos ollos dos poderes de feito, prestos a esquilmar a
aquel que se movía un pouco, ao que denotaba algunha prosperidade. A herdanza
psicolóxica ten sido formidable. Ata ben entrado o século XX todos, exceptuando
á nobreza, disimulaban ás súas posesións e riquezas. Mesmo a Xerarquía
Eclesiástica pretendeu que a súa institución pasara por pobre para poder seguir
a cobrarlle media galiña ás viúvas. Moitos galegos aínda deixan as casas novas
sen recebar e sen pintar para dar a entender que viven ao día, por moito que
logo, por dentro, incorporen os mellores materiais e os electrodomésticos máis
sofisticados.
Non só os recadadores
perseguían aos galegos. Tamén eran un xénero apreciado para os señores da
guerra. Durante séculos, estes habitantes desde a protohistoria, contaminados
logo por celtas, romanos, suevos e tamén algúns xudeus e mouros, foron
considerados magníficos guerreiros, extraordinariamente dotados para o combate.
Eran alistados á forza en guerras que nada lles importaban. Algúns, para evitar
o enrolamento, chegaron a facerse pasar por parvos. Outros aproveitaban a
normal tendencia a construíren as súas casas lonxe das do resto para tentar
escapar ao control do censo. Porque o galego precisa como ninguén da soidade
elixida, sequera na meirande parte do día. Logo, xa pola noitiña, deixase caer
na taberna para tomar unhas enormes cuncas de viño tinto espeso e xogar ao tute,
ao dominó ou a calquera outra cousa máis ben mecánica que impida o progreso dos
intentos de algún diverxente por sondar nos recónditos recunchos das súas
almas.
As mulleres galegas, en
troques, son máis dadas á conversa, sobre todo gracias aos lavadoiros. Arredor
da labor de lavar a roupa, as donas da casa construíron as súas relacións
sociais tradicionalmente, en momentos logo substituídos por outros, de
encontro, igualmente en sintonía cunha maior tendencia das femias a compartir
anacos da súa intimidade.
Nada máis entrar na casa
dun galego, o visitante é convidado a beber viño e picar algo de chourizo e
queixo con pan de bola. Non se concibe recibir a ninguén de boas maneiras se
non é abrindo as portas da despensa e a artesa. Ademais o medo ao colesterol
non arreda aos galegos. En Lugo comese carne un día si e o outro tamén. Mesmo
na costa cómese menos peixe ca en Madrid. Só os enfermos ou os de carácter
feble toman hortalizas e beben auga. Polo efecto do inxente consumo de alcohol
os galegos teñen a pel máis roxa co paso dos anos. Algúns etnógrafos viñan
dicindo que era todo por unha
cuestión de raza, pero o certo é que compiten con irlandeses, galeses,
escoceses e rusos na afección polos fermentados.
O galego, cando non pode
beber por prescrición do médico, cae na depresión. Se ten a sorte de atopar
unha alma xemelga e practicar con ela unha inquietude absorbente, poderá vivir
uns anos case con normalidade. Se non, morrerá en menos de seis meses. O viño,
a augardente e máis modernamente a cervexa son as motivacións vitais máis
presentes nas horas en que os galegos se manteñen despertos.
Pero ao galego non lle
gusta estar borracho. Iso impediríalle poder seguir gozando do viño. E por iso
que conforme bebe tamén come. E canto máis bebe, máis come. Así pode manterse
sempre sobrio e raramente aceptará que ten un problema co alcohol.
Esa afección polo viño e
un elemento imprescindible para entender o coidado da horta. Aínda que os
galegos traballen na industria o nunha oficina, precisan de ter unha pequena
horta na que consumir parte das calorías que consumen en exceso para acompañar
o viño. Ademais, as mulleres amósanse comprensivas con certo consumo dos homes
se eles traballan a terra. Algúns listos mercan un tractor que lles serve para
pasar o arado, mallar e apañar un ferrado de patacas. Ese minifundismo
mecanizado fai de Galiza a primeira potencia mundial en número de tractores por
habitante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario