(Fragmento de Galegos: a Galicia do século XXI. -xénero: humor-)
Os camiños dos galegos serpean arredor das casas para morrer nos prados. A estas latitudes chegaron os primeiros poboadores a procura dun pedazo de terra amigable que cultivar, seguindo as concas dos ríos e as depresións entre as montañas. A meirande parte das tribos procedían do centro continental e eran agricultoras. Isto e tamén a prudencia e o instinto defensivo das primitivas poboacións castrexas explica en parte que mesmo en pobos mariñeiros a xente teña vivido durante dous mil anos de costas ao mar e con grande temor del: O que queira deprender a rezar, que navegue polo mar. O outro factor que afastou aos galegos da liña de costa foi unha necesaria actitude de defensa fronte ás invasión normandas e viquingas, que durante séculos minaron a capacidade competitiva e a puxanza comercial das vilas mariñeiras, namentres as cidades e pobos do interior se mantiñan a salvo.
Os galegos comen porco e
plantan verzas como os seus devanceiros. É recente a dedicación á explotación
dos recursos pesqueiros, destinados fundamentalmente á exportación ou á
industria conserveira, introducida polos cataláns hai douscentos anos.
Os descendentes das hordas
suevas foron conservando un espírito pouco gregario ate mesmo perseverar en
construíren as casas afastadas unhas de outras[1], con dominio
sobre extensións de terreo acoutadas por fronteiras de pedra levantadas nos
lugares máis insospeitados, moitas delas hoxe ocultas pola maleza: Cada
galiña escarva para si / Cada un quere leva-la auga ao seu muíño inda que deixe
en seco o do veciño.
A loita polo territorio
individual reflicte un apego singular a propiedades que veñen pasando dunha
xeración a outra cada vez máis divididas: Bens
divididos, bens perdidos, di o refraneiro popular, ilustrando un uso
testamentario, sempre despois da morte[2], que ten
provocado emigracións en masa mesmo en territorios de gran riqueza, mais
fragmentados en exceso.
De cando en vez algún
galego con problemas de lindes enquistados na súa memoria baleira a carga da
escopeta de caza contra o veciño e xa pode morrer en paz. Esa é unha reacción
prevista para as relacións entre iguais. Outra cousa ben distinta e a actitude
sometida dos galegos coas autoridades e as persoas notables: Non te arrimes aos señores nin ás barandas
dos corredores / As leis van por onde queren os
reis / Para ben casar casa co teu igual / Dar é de amo,
recibir é de criado.
Neste caldo de cultivo,
calquera idea de rebelión, por máis xusta que poida ser, semella impensable: Ás veces mexan por un e hai que dicir que
chove / Orneos de burro non chegan ao ceo / Para porcos
bastan verzas.
A autoridade da Igrexa, do
Estado, dos caciques e do médico, son incontestables no rural. As xentes
humildes enchen caladamente o libro das súas vidas, atentos a non chamar a
atención dos recadadores de impostos e de almas[3]. Os labregos
galegos adoptan durante séculos un perfil defensivo, de baixa intensidade, que
lles ha servir para desviar o foco da atención por parte dos que toman as
decisións tributarias[4],
de alistamento ou de integración no rabaño de Deus. O individualismo e o
talento natural para sobresaír son sufocados desde o seo familiar ate o
esfumado do carácter. Apenas unha
empresa común cada catrocentos anos dentro das fronteiras de Galiza contradí
a constatación da nula capacidade
do pobo galego para organizarse e por a proba a súa capacidade de dar o mellor
de si mesmos. Mais ao fin, logo da rebeldía, o orden coñecido e a xerarquía dos
poderes veñen a devolver ao pobo a un status no que todos prefiren perder un
pouco, bastante, diante do medo a
que uns perdan todo e outros case que nada[5].
Nas novas xeracións, sobre
todo urbanas, estes principios veñen sendo superados desde hai tempo no
imaxinario colectivo, para perplexidade dos vellos. Mais na Historia de Galiza
non hai apenas heroes individuais, por moito que as lendas se empeñen en amosar
o contrario. Os escasos enfrontamentos cos poderes precisaron da ousadía
colectiva. Xa no último tramo do século XX e morto o ditador, o Nacionalismo
Galego formulou unha corrente necesaria para o debate que daría lugar a un país
novo a partir dunha conciencia que facía menos extravagante e suicida o que era
preciso pero atrevido en exceso no pasado.
Ese individualismo estremo
e a lousa máis pesada que arrastra o galego desde a noite dos tempos. Tenlle
impedido facer valer os seus dereitos alí onde corresponde. Os poderes públicos
e os poderes de feito teñen abusado ata o hilarante dos galegos aproveitando a
súa forza nula tomados de un e un. Os primeiros en aproveitarse da suor e do
sangue dos galegos teñen sido os propios gobernantes e oligarcas galegos, que
tradicionalmente recibiron os favores do Poder Central a cambio de administrar
unha inxente despensa de enerxía, bens materiais e tributos a beneficio da
Corona, do Exército e da Igrexa. Xa no mesmo século XX Franco gobernou de
costas aos lexítimos intereses do pobo galego. Recentemente e logo dun período
de grande desenvolvemento industrial algunhas das máis importantes empresas
galegas pasaron a titularidade de foráneos que atopan na Galiza man de obra
barata e paz social. Os galegos soportan un custo ambiental insostible para
producir a enerxía e as materias primas que precisan no resto de Estado.
Hidroeléctricas e centrais térmicas exportan boa parte dunha produción que os
galegos pagan máis cara e con servizos máis deficientes, aínda cando as
empresas son dirixidas por galegos. As fábricas de Aluminios e Celulosa, a
Refinería de petróleo foron situadas onde máis impacto podían causar para
aforrar en medios de depuración. A perda de postos de traballo no marisqueo e
na baixura ten sido de milleiros. As rías están contaminadas con metais
pesados. Sen embargo, os combustibles son máis caros a cincocentos metros da
Refinería que a seiscentos quilómetros. E o peixe e a miúdo máis barato en
Mercamadrid que nos mercados municipais de Vigo ou A Coruña.
Galiza é potencia mundial
en enerxía eólica, pero aínda hai cortes de luz habituais en amplas comarcas
rurais, e tamén a cinco quilómetros do Obradoiro. Galiza é líder en produción
de conservas de pescado, en cultivos mariños, en elaboración de viños
singulares. A pataca e o leite son de calidade suprema, pero cada día pechan
dúas explotacións porque o produtor e pagado por debaixo dos custos de
explotación. Os gobernantes permitiron e mesmo subvencionaron a merca por parte
de empresas estranxeiras das lácteas galegas. Esas mesmas empresas introducen
agora o leite producido nos seus propios países ata acabar cunha competencia
que antes era forte.
Os galegos non souberon
dar ao longo da Historia valor engadido a produtos apetecidos polos mercados
máis esixentes. A castaña, os caracois, as setas, os ourizos de mar saen de
Galiza por un prezo ata hai pouco irrisorio para coller valor unha vez
manipulados no seu punto de destino. O illamento e o individualismo dos galegos
ten suposto o pago dun prezo moi grande. Tanto como chegar a asumir o rol de
vítimas como filosofía de resignación fronte aos abusos: Boi galego, que decrúa o monte para proveito alleo /
Para o pobre sempre chove e sempre é noite.
Sen embargo, ese
individualismo esaxerado fixo medrar aos galegos en ferramentas para a autosuficiencia que lles teñen servido
para mellor adaptarse ás contornas máis diversas. Así, na emigración amósanse
con recursos e son quen de prosperar en todo canto emprenden e nun curto espazo
de tempo, grazas tamén ao seu tesón.
Di unha
canción: “hai un galego na lúa...”. A cita reflicte a realidade de que en
tódolos recunchos da terra hai algún galego ocupado con discreción nas tarefas
máis inverosímiles ou de maior compromiso: cociñeiros dos Beatles ou na Casa
Branca, presidentes de Repúblicas, propietarios de cadeas de hoteis, farmacias,
droguerías e restaurantes, armadores de flotas que sucan mares afastados,
cooperantes mesturados cos indíxenas para crear outra Galiza entre pitóns e
tarántulas, astronautas ou bohemios, pero case que nunca mendigos. Porque os
galegos sempre tentan saír adiante a pesares das dificultades do camiño. Son
loitadores ata o límite: O que non se
molla non come a solla / Para coñece-lo mundo, cómpre
andalo / Por medo aos gorrións non quedan sen sementa-los
leiróns / Sen escachar ovos non se fai tortilla.
Entre os empresarios máis importantes desde México a Tierra
de Fuego hai unha grande proporción de galegos, todos eles cunha característica
común: son homes e mulleres de orixe humilde que tiveron que aprendelo todo
experimentando no seu propio traxecto vital a base dun esforzo inconmensurable,
alfabetizados tardiamente e por iso mesmo moi apreciadores da importancia de
poder acceder a unha educación ben completa desde nenos. Eles nada teñen que
ver coa cultura tan arraigada en parte da nosa xuventude que prepara oposicións
durante dez anos, vivindo da economía familiar e agardando colocarse nun posto
da Administración. Mais hai que recoñecer que, paradoxalmente, os galegos teñen
tradicionalmente máis dificultades para facer prosperar os seus proxectos en
Galiza ca na diáspora. O espírito gregario e colaborador dos galegos,
aletargado en orixe, esperta ao chegaren ao estranxeiro. Os centros galegos no
exterior son un verdadeiro foco de solidariedade, nos que a mais de manter viva
a pegada da cultura e a lingua maternas, os galegos préstanse axuda en épocas
de dificultade. E imposible atopar instrumentos semellantes na propia Galiza,
aínda en tempos de bonanza económica. Na mente dos galegos pesa a idea de que a
riqueza deste pequeno territorio esta moi dividida. A excesiva fragmentación
dos legados testamentarios ten
comportado un forte sentido competitivo xa desde dentro da propia
estrutura familiar, e una exacerbación da necesidade de ser máis astuto ca os
demais para triunfar, sorteando as moitas dificultades que un entorno cobizoso
do éxito alleo pon no camiño: Despois de
morto o meu boi, non naza a herba no prado / Co mal de
outro calquera dorme un sono
/ Máis me sabe a miña
cebola que a carne da túa ola
/ Vaca de moitos, ben
muxida e mal mantida / Val máis fume da miña casiña que lume
da miña veciña.
Sen embargo, as diferencias no progreso son mal
admitidas dentro do mesmo contexto aldeán. No rural galego permanece a norma
non escrita de que o xusto é medrar na mesma medida que os demais, tanto a
respecto do tamaño da facenda como no aspecto da casa, pois crecer moito en
pouco tempo supón, no imaxinario da xente, facelo en detrimento dos demais[6].
É outra das herdanzas de épocas pasadas que atopa
unha excepción no caso de que a fortuna proveña do traballo na emigración,
onde, ademais, as enormes dimensións xeográficas e de oportunidades impulsaron
entre os galegos unha conveniencia e un espírito cooperativos que aquí non se
teñen dado mais ca na época republicana, co nacemento das Unións Gandeiras e de
agricultores[7],
e xa en datas máis recentes coa emerxencia das confrarías de mariscadores
dispostas a compartiren o froito do traballo colectivo a pesares dos atrancos
dunha Administración que segue a identificar perigos nos movementos gregarios,
espontáneos a partir do feito de compartir intereses, que escapan ao seu
control tutelado[8].
[1]Para a
delincuencia, a dispersión xeográfica supón unha oportunidade. Hai bandas
organizadas capaces de atracar nunha sola noite bancos e tendas en vilas
distantes corenta quilómetros unha de outra, ate completar o mapa provincial ou
mesmo rexional. A bordo de turismos de gran cilindrada collen desprevida a
Garda Civil e só a súa conduta histriónica, a súa demencia, acaba coa aventura
calquera noite nunha pista forestal, logo de dez voltas de campá e un choque
frontal contra un poste de Fenosa.
[4]As aguias non cazan moscas.
[5]Máis vale cheirar vivo a merda que morto a
incenso e cera.
[6]Para medrar hai que ir pouco a pouco, que
a vexiga que incha moito, máis axiña estoupa.
[7]A
ditadura de Franco prohibiu o Asociacionismo de toda índole exceptuando o
relixioso e o afecto a causas defendidas polo Réxime. Moitos impulsores
daqueles precursores da Seguridade Social e as Caixas de Solidariedade e
Garantía foron represaliados.
[8]Control tutelado é o que exerce o Estado sobre os
grandes sindicatos que representan exclusivamente a funcionarios da Educación,
a Sanidade e a Propia Administración -como se fora de eses ámbitos non houbera
necesidade de actividade reivindicativa-, a través da subvención dun número
exorbitante de liberados e da dotación de grandes partidas de diñeiro para o
desenvolvemento de actividades con repercusión ben dubidosa sobre a calidade e
estabilidade das bolsas de ocupación laboral.
No hay comentarios:
Publicar un comentario