A consolidación no poder dos xerifaltes locais e
localistas basease no tecido dunha rede de prosélitos notables satisfeita con
prebendas e que asegura o respaldo popular no territorio no que gobernan. É
unha fórmula enriquecida a través do legado romano e potenciada aínda mais a
partir do sometemento do Reino de Galiza por parte da coroa de Castela que,
para asegurar a lealdade da nobreza galega dende unha distancia física grande e
un contacto esporádico, redobrou as compensacións aos seus valedores a costa de
castigar ao pobo con impostos e aranceis gravosos ate a ruína.
O funcionamento nepotista ten acadado expresións
excelsas no seo de Concellos e Deputacións, especialmente nas de Lugo e
Ourense, onde os recursos viñeron distribuíndose desde a transición á
democracia en razón á afinidade política dos alcaldes co presidente da
Institución excelentísima. Ademais o uso irregular do talonario público ten
gozado dunha inmunidade total. A creación de bolsas de traballo na función
pública para pagar favores, colocar á familia ou acadar réditos electorais crea
situacións hilarantes: na Casa da Cultura de Ourense hai contratados vinte
celadores para atender tres portas.
O perfil do político nepotista galego é o de un
individuo escuro no seu traballo anterior, case que sempre funcionario da
Educación ou da Administración, sen experiencia ningunha como xestor e moito
menos con habilidades desenvolvidas en situacións de crise pero que teñen fame
de ascenso social e acumulación dunhas riquezas que a través do exercicio da
súa profesión nunca poderían nin acariciar. Un apetito que vence ós escrúpulos
cando se trata de favorecer a empresas nas que figuran nomes interpostos para ocultar ao
verdadeiro accionariado, se é que isto fora preciso, pois a moitos políticos
galegos sóbranlle pelotas para facer compatible a súa titularidade como
administradores de empresas, presidentes de fundacións, alcaldes, deputados,
membros dunha Orde, amigos da Monarquía, da Festa dos Touros e de toda a simboloxía
tradicionalmente empregada no clima de soberbia ostentosa do poder.
En todo este descarado despregue de medios axuda
moito o nivel de permisividade dunhas masas cuxo xuízo crítico diminúe na mesma
medida en que aumenta a súa sensación de que calquera esforzo pola súa parte
para tratar de mudar as cousas é inútil. Os galegos viven instalados na forte
convicción de que aproveitarse da posición ocupada na pirámide social é un
dereito natural. Á xente común
bástalle con sacar partido, nunha proporción axeitada, ás pequenas
oportunidades que a diario son susceptibles de ser aproveitadas, fora da lei,
para obter algunha vantaxe competitiva e de supervivencia. Ese grado de
conivencia e de asunción da corrupción como algo inevitable concede unha
singularidade máis marcada ás relacións do Poder cos administrados en Galiza. O
funcionamento irregular nas concesións, nas adxudicacións, no uso do diñeiro
público é un mal aceptado como endémico, como tamén a concentración de cargos e
de mando na persoa de prebostes que, aínda por riba, apoian a creación de
Fundacións cun obxecto social mero pretexto para o verdadeiro motivo: o
establecemento como elementos de apoio á súa xestión de pozos sen fondo aos que
desviar recursos que son manexados por valedores dun sistema apodrecido por
dentro silenciosamente[1],
e con raíces ben profundas logo de tantos anos de exercicio.
O caciquismo na política ten suposto en Galiza un
obstáculo fronte á modernización das estruturas sociais e do aparello
produtivo: establece barreiras de entrada para a posta en marcha de novas
empresas, impulsa a emigración, somerxe á sociedade no inmobilismo e frea a
apertura á innovación e democratización das oportunidades de crecemento,
inculca a transmisión, apoiada nos seus propios procedementos e nos da Igrexa,
de valores como a resignación ou a asunción dunha sociedade de castas con nula
permeabilidade, condena a expresión da liberdade fora dos preceptos relixiosos:
na vida de parella, no concepto de familia, na vivencia do hedonismo, na
organización social, na esfera de relacións entre iguais e de estes co Poder...
As clases dirixentes teñen mirado con receo a
inmersión dos emigrantes nas culturas dos seus países de destino. Por iso os
seus aparentes esforzos en apoiar a tantos traballadores lonxe da súa terra
centráronse durante décadas en consolidar actividades relacionadas coa morriña
respecto dos costumes, as tradicións, a gastronomía, a paisaxe ou a música,
mais con motivacións restrinxentes, cun tratamento exclusivamente folclórico,
para que ao retornar, aqueles que emigraran en boa parte por causa do
caciquismo, non abrigaran no seu corazón actitude crítica ningunha fronte aos
poderes. E foi un obxectivo acadado as máis das veces, superando a politización
dos primeiros tempos nas Américas, cando os republicanos exiliados pronunciaban
manifestos de denuncia dos abusos e agresións aos Dereitos Humanos na Galiza
franquista. Logo desas primeiras manifestacións reivindicativas e de denuncia
contra o Réxime nos Centros Galegos en América, chegou o goteo constante de
embaixadores da cultura galega tradicional para ir acadando nun clima de normalidade a completa restauración
dos valores que tiveron a Galiza instalada nun status de resignación
colaboradora, e xa na actualidade nunha aceptación do status de privilexios de
que gozan as xerarquías e a clase política.
No hay comentarios:
Publicar un comentario