Seydou naceu en Yoff, moi preto de
Dakar, en Senegal. É o segundo de seis irmáns, catro rapazas e dous
rapaces. Con cinco anos, Seydou ía andando desde Yoff a Dakar
acompañando a súa mamá Habibatou. Mentre ela ficaba na praia coa
intención de venderlles aos turistas todas as marabillas que, de
forma artesanal, preparaba na súa cachopiña construída con latas,
placas metálicas e bloque, Seydou ía á escola. A escola era unha
choupana un pouco máis grande cá súa cachota pero construída,
exactamente, cos mesmos materiais...
Así comeza
este relato que en por si
abonda para considerar “Cachiños do meu cerne” unha obra
universal, con valores que transcenden a un tempo e a unha sociedade.
A lectura da narración de Paz Souto marcou para min un antes e un
despois respecto da toma de conciencia dos puntos de unión entre
unha sociedade galega referenciada a través da tradición oral e da
que coñecín algún trazo na miña vida na aldea e unha cultura
tamén tribal, de portas aberta, xenerosa, emigrante por
supervivencia física e anímica e moitas veces enganada.
Temos unha débeda con África, ética,
moral e material, non só porque levamos douscentos anos esquilmando
os seus recursos. Tamén porque as súas fronteiras seguen a estar
abertas para os occidentais, e tamén porque o planeta é de todos e
non é de ninguén. Só os delincuentes merecen ser apartados da
sociedade para, se é posible, a súa reinserción. E a pesar de
tódalas dificultades que atravesan para atopar un medio de vida na
España da crise, os subsaharianos dan sempre unha lección de
convivencia pacífica, de adaptación ao medio e de tesón cando
atopan un traballo. Como os galegos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario