© blog: Son de Oleiros

martes, 19 de marzo de 2013

A sombra do Pentágono e longa

 O xuízo contra o xeneral golpista e sanguinario Ríos Montt, responsable de ter masacrado ao campesiñado guatemalteco hai trinta anos, será un proceso non xa contra a súa persoa. El, como outros altos cargos do exército moven a conmiseración polo estado de saúde precario, propio dunha edade avanzada que sin embargo non lle impediu participar na política ate hai ben pouco. Son escasas as causas abertas no sumario tendo en conta o volume das súas razzias no rural, asasinando a homes, pero, sobre todo, a mulleres nenos e anciáns para sementar o terror e, seguindo directrices da Casa Blanca, disuadir á poboación de calqueira tentación de achegamento a teses marxistas. ¡!. O tópico e lugar común de tódolos movementos de opresión e aniquilación sistemática encarnados polos Laocontes do Cono Sur desde Videla a Pinochett, desde Sanguinetti a Ríos Montt, e que precisaron do afloramento de movementos de resistencia popular articulados necesariamente como guerrilleiros, polo desequilibrio de forzas, e agora, por fortuna, reencarnados na autoafirmación de: identidade, independencia de facto e liberdade do movemento bolivariano, resistencia da revolución Cubana fronte ao imperialismo, autoafirmación do ser indíxena, unión de intereses comúns dos mercados das economías emerxentes, nacionalización das fontes de riqueza fronte á expoliación extranxeira... O golpismo en Latinoamérica foi sempre alimentado polos intereses económicos e xeoestratéxicos dos yanquis. Ríos Montt foi un dos últimos monigotes sanguinarios dispostos a masacrar aos seus compatriotas por catro cadelas e por manterse no poder. E ben curioso que nestes días a meirande parte das Axencias e a opinión pública falen de aperturismo na Igrexa coa elección dun xerarca que se levaba ben co réxime de Videla, cando en Guatemala, Nicaragua, El Salvador tiñan para elexir curas e bispos que axudaban á poboación civil a escapar das violacións, torturas e asasinatos.
Pero claro, o papa Francisco asombra aos prosélitos pola súa sinxeleza: ¡Non tiña nin coche, ía a pe á basílica, a rezar, e tiña carné de socio do San Lourenzo!. Se ademáis de eses méritos, que ben certo é que non todo o mundo pode chegar a acadar, carjara areón na carroseta de cando en ves ía saber o que era bó.


(FRAGMENTO DA NOVELA “CARTAS A ELISA”. © Santiago Casal Quintáns)

No país sobrevivía un enorme grao de corrupción e o exército seguía a aproveitar o pretexto de combater a insurxencia para actuar como mercenarios ó servizo de intereses capitalistas. Cunha clase media de peso ben pequeno e unha desvertebración insalvable entre ela e o campesiñado indíxena só a presión política internacional podía inxectar algún ar de transformación democrática e transparencia nunha acción de Goberno que herdaba intereses desprezables da cúpula dos poderes. Só esperaba que o meu órdago non fose demasiado estudado polo Comandante e que a inxenua referencia ás miñas intencións mediáticas alentasen polo menos a súa curiosidade. Rumiando esas e outras consideracións, dirixinme ao encontro co cónsul de España en Guatemala. Pasaran case que trece anos desde a queima da embaixada española e a matanza perpetrada polos militares contra o grupo de indíxenas que, xunto con estudantes, ocuparan a sede demandando o cesamento da represión e o respecto dos dereitos humanos. A situación do campesiñado era de total indefensión fronte ás incursións sanguinarias e a espoliación sistemática das súas terras. Eu tiña moi fresco todo aquilo. Cando ocorreron os feitos era delegado nunha plataforma estudantil e manifestarámonos en apoio do movemento indíxena e en solidariedade tamén cos estudantes que participaran na ocupación pacífica da embaixada. Entre os mortos estaba o pai de Rigoberta Menchú, loitadora a prol dos dereitos do seu pobo, a quen viñan de concederlle o Nobel da Paz xusto antes da miña viaxe para levarme a Laura. Mentres subía a escalinata da Embaixada, sede de todo o corpo diplomático, recordei que o cónsul e outros dous cidadáns españois tamén perderan a vida pola actuación represiva do exército. De modo que había precedentes desalentadores en canto á impunidade con que actuaba o goberno. En resposta a todo o sucedido, España retirara ó seu embaixador durante catro anos. Pero o tempo pasara, e coa celebración de eleccións democráticas, aínda superando os intentos de golpes militares, o país atopábase inmerso nun período de transición cara a un Estado de dereito, coa loita contra a corrupción, a paz social e a defensa dos dereitos humanos como obxectivos primordiais por alcanzar. A pesar da presión internacional, o poder executivo era aínda leve na defensa deses principios. O país atopábase aínda afundido na miseria, o analfabetismo, a violencia e a ausencia de asistencia social. O descontento da poboación era patente. Laura sabía ben todo iso cando se embarcou na misión cooperante. O delegado de Médicos sen fronteiras fora claro respecto delo con toda a expedición. Con todo, as necesidades perentorias de asistencia sanitaria nun territorio amplo sen cobertura algunha por parte do Goberno fixeron pasar a un segundo plano os temores a perigos encubertos pero reais. A actuación mercenaria ao servizo de intereses de capitais multinacionais seguía a ser unha realidade teimuda. Pensei entón no carácter desprendido ata da súa propia vida deses cooperantes que, podendo vivir con todas as comodidades que coñeceron no seu primeiro mundo, se colocan no gume da navalla e perseguen a defensa da dignidade dos desherdados, actuando ademais como verdadeiros escudos humanos. No fondo, tiña envexa deles. Pero eu nunca podería chegar tan lonxe. O cónsul, don Anxo Miranda, recibiume de contado. Fóra de toda formalidade e logo dun abrazo sentido púxose á miña disposición para canto puidese precisar durante a miña estadía. Todo ía ben ata que lle falei da miña visita ó Gobernador Militar e da miña intención de pedirlle explicacións: –Xabier, é mellor que deixe nas miñas mans a obtención de información de parte do Goberno de Guatemala. Ó fin e ó cabo eu represento aquí os intereses dos cidadáns españois. –Como queira. De tódolos xeitos, se me chamase o Gobernador Militar non sería correcto declinar a invitación. –Vaino chamar. Pero aconsellolle que non sexa directo nin lle bote un pulso. No fondo, neste país aínda falta moito para saír dun estado de corrupción que ven de moito tempo atrás. –Fixéronnos crer que a democracia estaba a instalarse amodo. –Se cadra montaron unha gran mascarada. Pero a sombra do Poder económico é alargada. E no seu nome atropélanse os dereitos máis elementais desde tempos moi remotos. Fíxese, xa en 1871 o xeneral Xusto Rufino Barrios impulsou a súa “Reforma Liberal”. No paquete de medidas introduciu o traballo forzoso para os indíxenas, desposuídos das súas terras. A forza política e económica que guiaba os designios do país co nacemento do século XX era a Compañía United Fruit, contando co apoio do ditador Manuel Estrada Cabrera. –Pero Cabrera morreu antes de rematar os seus proxectos. –Certo. Pero os Estados Unidos de Norteamérica apoiaron á “Compañía” instalando no Goberno do país sucesivos monicreques que defenderon os seus intereses monopolistas, controlando case a metade da terra, o acceso ós portos e a súa utilización. Aínda hoxe o pobre desenvolvemento viario é consecuencia daquela situación en que os seus ferrocarrís absorbían todo o negocio de transporte no país. –O tío Sam ten intereses económicos aparte de xeoestratéxicos. –¡Non me faga falar! Hoxe é admitida ata por Washington a intervención da CIA financiando e adestrando ao exército rebelde paramilitar que derrocou a Arbenz. –O ideólogo marxista? –Ese mesmo. Arbenz encarnaba a versión boa do socialismo que tentaron implantar sucesivos gobernos desde o golpe de 1944 contra a ditadura. Ao principio, as boas intencións e as reformas atopaban atrancos por mor da mesma corrupción. Pero Arbenz puxo máis acento na devolución das terras en usufructo aos campesiños. A CIA interpúxose no seu camiño, contaminou as súas intencións tachándoas de Stalinistas, sementou o enfrontamento clasista e empuxou ó exilio ao home que podería ter devolto a esperanza a este pobo. –Que foi del? –Rematou a súa aventura vital suicidándose. Desde entón sucedéronse, nun pulso continuo, golpes ditatoriais e aperturas a solucións máis democráticas dentro dun escenario de corrupción e de control das liberdades civís dentro duns límites estreitos. –E en que punto nos atopamos agora? –Hai un descontento xeral con este Goberno. Séguense a atropelar os dereitos humanos. O pobo indíxena padece a violencia paramilitar. Pero o que é máis importante é que a burguesía guatemalteca está máis preparada, máis informada e máis farta tamén. Demanda un Estado de Dereito no que a súa voz e os seus intereses estean realmente representados. Habemos de aproveitar o momento e mobilizar á diplomacia para que os EE.UU. non se interpoñan nos cambios que se intúen. Pouco a pouco e con intelixencia, Xabier. –Grazas por estes minutos, Sr. Miranda. Non quero restarlle máis do seu impagable tempo. Tereino informado se o Gobernador me recibe. –Grazas, e cóidese. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...