© blog: Son de Oleiros

jueves, 14 de noviembre de 2013

CASO PRESTIGE: UNHA ALDRAXE AO POBO GALEGO

UNHA XUSTIZA VERGOÑENTA

Unha sentencia que non atopa culpables nin responsables na “catástrofe” do Prestige abonda na idea do rendible que resulta aforrar en seguridade marítima e do barato que sae corromper o medio mariño da costa galega para toda a trama empresarial detrás do negocio, con multiplicadores e comisións obscenas, do petróleo.
O xuízo era unha oportunidade para forzar á Comunidade Internacional a revisar unha lexislación caduca, laxa na aplicación de medidas non só preventivas senón tamén disuasorias.
Ao cúmulo de procedementos que, como elementos dunha cadea, permitiron a navegación dun buque monocasco nun estado de deterioro lamentable polo corredor fronte ao cabo Fisterra, no que cada quince anos ven sucedendo unha catástrofe disque non agardada, sumouse unha actitude e unha toma de decisións por parte do Goberno e, desde a posición dos máximos dirixentes políticos, contraria aos intereses da cidadanía do seu país, de costas ao sufrimento dos damnificados.
As indemnizacións polos verquidos do Erika en Francia, do Exxon Valdez en Alaska ou no pozo do Golfo de México explotado por BP si se produciron, no contexto das poboacións e Estados que se viron afectados, de xeito suficientemente pedagóxico en razón ao dano producido, se ben nunca poderán reparar os efectos medio e longo prazo sobre a riqueza e o equilibrio do litoral e do medio mariño afectados.
Pero é que no maldito caso do Prestige, a pesar de que xa chovía sobre mollado, Fraga, Rajoy, Fernández de Mesa, Jaume Matas, Cascos, Veiga e Arias Cañete negaron que se estivera a producir unha marea negra. E mentiron non só na casa senón tamén diante dos observadores internacionais e da Comunidade Económica Europea. Fixérono pola razón doméstica de ocultar a verdade para que non lles afectara ás súas expectativas electorais, e con ilo conseguiron que a adxudicación de fondos por parte da CEE e as indemnizacións da Consignataria foran ridículos. Mentiu o pai da patria, Fraga, que non interrompeu a cacería, como tampouco Alvárez Cascos. O tempo e o respaldo popular premiaron con postos de responsabilidade a esa jarca: a Cascos, daquela ministro de transportes, coa presidencia en Asturias; a Jaume Matas, ministro de Medio Ambiente, coa presidencia de Baleares; a Arias Cañete confirmándoo como ministro de Agricultura; a Veiga, situándoo nun escano da Eurocámara; a Fernández de Mesa, colocándoo á cabeza da Garda Civil; a Fraga rendéndolle honras ao seu pasamento e a Rajoy poñéndoo a dirixir a Política do Estado. Todos eles foron responsables da orde, de carácter estritamente político e, sen consultar aos técnicos, de alonxar o barco da costa. Unha orde dada tan só unha hora despois de que o buque escorara por unha vía de auga e da que, covardes, fixeron único responsable a López Sors. Unha orde sostida no tempo polos manda mais, a pesares da opinión contraria dos técnicos, e que supuxo que durante cinco días o Prestige sufrira os embates do mar ate provocar a súa rotura en dous cachos. Os gobernantes responsables desa orde en primeira instancia mesmo quixeron pasarlle o problema aos portugueses, que con máis collóns aínda que os amosados por Aznar no caso “Pirixel”, plantaron unha fragata diante do barco xa ferido de morte ate que deu a volta. Aínda no intre de afundirse o delegado do Goberno Central en Galicia, De Mesa, aseguraba que o fuel non chegaría a tocar terra. Unha mostra mais da terquedade con que quixeron presentar como un accidente máis o que era unha catástrofe ecolóxica ao resto do Estado e á CEE. Aqueles fíos de plastilina aínda traballan hoxe desde a profundidade dos areais e están detrás dun empobrecemento do plancton que ten feito retroceder a poboación dalgunhas especies, moi importantes na cadea trófica, ate límites alarmantes.
Aqueles responsables máximos que mandaron a López Sors ordenar o afastamento do Prestixe baseándose en informe ningún, e que non concederon a declaración de marea negra para un pobo galego que recollía o chapapote coas mans queimando os motores dos seus barcos e os peitos dos seus corazóns cansos de padecer o abuso de posición dominante durante séculos, aqueles cobardes que se agocharon detrás do director xeral da Mariña Mercante non teñen sido obxecto de imputación por parte duns xuíces tan corruptos como as oligarquías ás que representan. Os voceiros deses intereses, o sindicato do odio detrás dos medios da conferencia Episcopal e do gran capital, celebran o fallo e sacan peito ao afirmaren que detrás do movemento Nunca Mais están os fíos da violencia de ETA. O certo e que na manifestación de Decembro de 2002 en Compostela duascentas mil persoas estabamos movidas pola carraxe que sentíamos logo da terceira gran traxedia ecolóxica en dez anos. Os únicos fíos que nos movían e nos seguen a mover son a necesidade de esixir ao Goberno que aplique o paquete de medidas que prometera para impedir que outro siniestro dun petroleiro traia ás nosas costas tanta destrución, tanta morte, tanto futuro destruído. E o certo e que, ate o presente, só se deu algún paso na boa dirección en materia de lexislación internacional sobre esixencias en materia de seguridade marítima, pero a respecto dos medios de vixilancia, protección, e protocolos de actuación en caso de accidente grave dun petroleiro, as cousas están como hai once anos.
Conclusión: este país non ten remedio namentres sigan a merecer o triunfo nas urnas toda esta camarilla que segue a pensar e actuar en clave umbilical, partidista mesmo nos asuntos que de tan obxectivos quedan fora do debate, fratricida en lugar de poñer o acento en conseguir na medida do posible a reparación do dano e a posta en práctica de medidas que impidan que Galicia e os galegos sigan a ser aldraxados no ámbito internacional.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...