© blog: Son de Oleiros

viernes, 10 de enero de 2014

O INCONMENSURABLE DANO DA CORRUPCIÓN Á DEMOCRACIA

 Ate onte ao mediodía pensaba que a aversión cara a clase política corrupta era unha consecuencia razoable e razoada pola natureza, envergadura e gravidade de cada caso concreto. Pensaba que só odiaba aos defraudadores, aos mentireiros e tramposos; aos que, mesmo presumindo de socialistas e de ter a chave do cambio, gardan silencio desde o seu cargo de conselleiros delegados diante do amaño das poxas por parte das grandes compañía enerxéticas.
Ate onte pensaba que era lóxico ignorar a Cospedal cando esgrime a unanimidade nas súas filas para xustificar a castración dos dereitos das mulleres. Pensaba que a subversión da Xustiza ate converter ao Fiscal en avogado defensor e á Facenda nunha coadoiro cando se trata da Infanta era lóxico que producira alarma social.
Pensaba, ao fin, que o obxecto do meu asco era selectivo e so atinxía aos casos probados de delincuencia de luva branca, nos ámbitos onde as decisións teñen consecuencias importantes sobre os cidadáns.
Pero, de súpeto e como por efecto dalgún encantamento, á miña fille e a min inundounos un asco profundo nada máis sintonizar coas novas das dúas e media. Foi algo visceral, un ataque ao máis profundo das entrañas, e sucedeu antes xa de que os deputados abriran a boca nos corredores do Congreso para expresar desde o sectarismo monolítico a súa posición respecto de temas capitais que eles manexan como elementos para o xogo e tamén como pretextos para a perpetuación dos seus privilexios.
Sucedeu que a nosa capacidade para soportar o insoportable mediante técnicas de reestruturación cognitiva a xeito de boias que nos manteñen a flote nun clima nauseabundo, involutivo, foi superada con creces. Mirámonos, apagamos o televisor, e, por primeira vez, fomos conscientes de que a nosa mente interiorizara que a política de Estado é unha merda porque os seus autores son unha merda. Foi algo imparable, froito da capacidade da corrupción para colarse en tódolos currunchos do Sistema.
É unha mala noticia, porque a nosa experiencia é un lugar común xa instalado no subconsciente colectivo. E o peor é que reparar ese dano, o maior, ao Estado de dereito, como é a perda total de confianza na clase política, é unha labor titánica, de décadas e que require de dimisións, ceses, castigos penais, equiparación de dereitos, establecemento de mecanismos de control e auditorías externas, confiscación do roubado, imposición de traballos para a comunidade, reforma do sistema electoral, igualdade de trato por parte da Xustiza, independencia de poderes, transparencia efectiva, asunción de responsabilidades... Han pasar moitos anos para que venzamos o asco que nos da a mera visión dos políticos: como pouco ate que desterremos aos que utilizan a Política no seu propio beneficio.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...