© blog: Son de Oleiros

jueves, 15 de mayo de 2014

POR UN PUÑADO DE TERRA

Cando onte pola noite a Garda Civil me deu o “alto” en Arteixo e me mandou abrir o maleteiro no meu mp3 soaba, como en tantas ocasións, o allegretto da sinfonía número tres de Brahms. Puiden ver o reflexo da lúa na pa manchada de sangue e na culata nacarada da pistola do tenente namentres o cabo me empurraba contra o capó. Despois dun cacheo nervioso e polo miudo comezaron as preguntas. Eles recibiran a chamada dun veciño que vira movementos sospeitosos nunca finca a carón do río.
Para facer cribles as miñas explicacións tiven de amosarlles a terra que enchía tres sacos depositados sobre os asentos traseiros do meu Opel Astra serie F con matrícula de Oviedo. A cuestión era que, aos ollos dos demais, a versión dun tipo entrado en anos sacando terra da finca dun parente ás once da noite para preparar sementeiras no garaxe da súa casa resultaba pouco convincente, sobre todo nun ámbito rural. E o sangue na pala? Todo se complicara cando apareceu, tras das silveiras, un xabarín de setenta quilos ou mais. Unha labazada coa pala nos fuciños fixo que fuxira entre grandes berros que conseguiron desasosegar aos veciños do Val de Loureda. Carguei apresurado a terra no Astra serie F e o demais xa é sabido. Menos mal que levaba comigo o plano catastral da finca e tódalas documentacións. Así puiden seguir o meu camiño e chegar á casa cos 120 quilos de terra ás dúas e media da madrugada. No Carrefour teríame custado dez euros, pero o que máis me amolaron aínda foron as risas furtivas dos gardas convertidas en gargalladas cando liscaba de alí.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...