© blog: Son de Oleiros

viernes, 4 de julio de 2014

A festa do pavo

Hoxe é o día do aburrimento nacional nos EE.UU. Unha festa que tradicionalmente serve para desenterrar o machado de guerra no seo das familias convencionais e para disparar as tensións, solapadas o resto do ano, en torno ao trinchado do pavo.
A sociedade americana so atopa un chisco de alivio para o seu tedio mortal no consumo, absoluto, de TV. e comida lixo. A procura do deus dólar distrae nos días laborábeis o monstro do tedio, do enfrontamento coa mesma miseria persoal. As grandes superficies comerciais teñen substituído ás prazas públicas como puntos de encontro social, co conseguinte menoscabo das relacións sociais.
Tal día como o de hoxe o tempo expándese, cos americanos presos do plan familiar, que inclúe, a máis da inxestión do pavo de marras, unhas horas de convivencia no seo da familia que se fan mesmo eternas: semella non chegar nunca o intre de mandar aos nenos á súa relación onanista cos aparellos electrónicos, de devolver ao xeriátrico aos molestos avós, cos que xa non hai nada de que falar, de despedir aos irmáns e os cuñados faltóns, ben cargados de whisky e contaminados tamén polo bicho do aburrimento compartido.
Son enormes as secuelas do día no que se trinchan os pavos para celebrar algo que xa cae moi lonxe nun crisol de Estados que necesitan desta simboloxía, como da bandeira ou das guerras colonialistas para dicir que comparten un destino. As pegadas do día despois apuntan na dirección que interesa ao stablishment: nada hai mellor que a adicación exclusiva e frenética á produción, á ambición monetarista que pon orde nas vidas e tamén no doméstico: os nenos diante das consolas, as hamburguesas na grella e o mando da TV. no sofá para zapear polas tropecentas canles que, afortunadamente para eles, banalizan a existencia. ¡Vivan os días perdidos no almanaque!.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...