© blog: Son de Oleiros

jueves, 10 de julio de 2014

As vacacións da clase política e o deterioro da democracia

É un lugar común tratar a estación estival como un inocente lapso vital no que a conciencia crítica se adormece e xorden oportunidades para o abandono nos brazos da sensualidade e o hedonismo decadente.
Omersen definía o verán como o triunfo dos mosquitos e o insomnio. Flauders afirmaba que o verán é esa época na que os homes atopan a todas as mulleres extremadamente fermosas, mesmo ás súas parellas. O certo é que no verán a desconexión coa realidade vén propiciada polo descanso das redacións e dos opinadores profesionais, quedando os medios nas maos de suplentes con talante mediador e inofensivo, bolseiros desautorizados para teren iniciativa e axencias internacionais. Ademais, os “conflitos” de Palestina, Sudán ou o Kurdestán sempre caen lonxe debido ao abuso de posición dominante dunha das partes, o cal sempre ven sendo un elemento tranquilizador para Occidente.
No ámbito doméstico, o xeito no que goberna o PP, a golpe de decreto lei, substrae o debate a un Parlamento que, na realidade, leva xa moito tempo de vacacións. Rajoy quere ir aos touros cos deberes feitos en política interna por temor ao ascenso de Podemos e de Esquerda Unida: esmagar o peso das minorías con ou sen o consenso do PSOE, sen tocar a lei D´Hont.
Tamén seguen de vacacións na dirección do PSOE, cos seus candidatos falando de renovación á vez que seguen a renegar dos principios fundamentais que inspiraron o seu nacemento, da reivindicación da República como fórmula de goberno pero tamén de convivencia, e da dignificación dos traballadores manuais, os autónomos e as escalas básicas na mesma liña que os funcionarios de escalas superiores.
Sí, o hemisferio norte vaise de vacacións. Pero hai asuntos que han progresar igualmente sen pedir permiso á decadente clase dirixente española, para derivar nunha situación que, moi probablemente, non sexa tan manexable xa como en tempos pasados, cando dende o seo da sociedade nin se consideraba a posibilidade de articular o descontento, de instrumentalizalo ata convertelo en impulsor do verdadeiro cambio: a remoción dos que interpretan a lexislatura como unha ditadura de relevo, con opacidade, aforamentos e sen axustarse ao programa co que gañaron as eleccións.
Nestas vacacións os Partidos Maioritarios crerán no seu dereito ao descanso; pero coidado! Hai xente traballando para que ese dereito se converta nunha obriga ao cabo da rúa.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...