© blog: Son de Oleiros

domingo, 4 de enero de 2015

Viño turbio

O puñetero viño turbio era responsable de boa parte das resacas e de bloquear a valoración do bo viño que xa se producía na bisbarra. Pero o caso era que o padal dos taceadores de poder adquisitivo limitado se acostumara ao sabor daqueles beberaxes elaborados con coñecementos achegados só pola tradición e con pouca ou ningunha limpeza. Os sulfitos ían roturando pouco a pouco o fígado en organismos acidificados e sempre cansados. Eran os anos sesenta e a droga nacional para ver o mundo doutro xeito ao saír das cadeas de montaxe ou das Deputacións, onde tamén afloraba a ansiedade pero por baixa estimulación, era o viño.
O viño era turbio e só a apertura ao coñecemento e a recuperación das variedades autóctonas, co tratamento máis respectuoso coa súa integridade, conseguiron poñer no lugar que corresponde aos fermentados de Branco lexítimo ou Brencellao.
Os galegos parecemos abocados ao reto de despexar a turbiedade das nosas conciencias, da nosa dignidade, da afirmación das nosas raíces. Mentres non sexamos capaces ou sequera vexamos a lexitimidade, necesidade e capacidade para afirmarnos como país, dono de tomar as súas decisións, pouco poderemos esperar que sexan os que abusaron de nós ao longo da Historia os que veñan a quitarnos as etiquetas que nos ningunean e os dereitos consuetudinarios a servirense das nosas materias primas e da nosa suor a prezos máis vantaxosos que os aplicados aos que habitamos neste impaís-despensa dos pobos ibéricos.


Castelao. "Unha pequena fiestra"

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...