Estamos instalados na presa, no agobio,
mesmo nos momentos de lecer, tamén invadidos por esa idea emerxente de que é
máis proveitoso desenvolver tarefas diversas simultaneamente no canto de
concentrarse plenamente nunha soa, ainda que sexa a de rascar a barriga. Así
sabemos de amigos que ven a televisión, fuchican co ordenador, consultan o
móbil, comen, escoitan música e chatean a un tempo. E non por abordar tantos
retos amoreados o cerebro saca mellor proveito. Hai un aspecto neurolóxico que
ten que ver coa intensidade con que se experimenta unha vivencia, unha
interacción e que confirma que ás neuronas e aos sentimentos que se constrúen a
partir das emocións identificadas como a emerxencia química que a nosa natureza
nos prodiga séntalle mellor a focalización, o deleite nunha dirección, cun
motivo principal, que a confusión no marasmo que xurde da pretensión de querer
exprimir o tempo, o cal é o xeito máis seguro de perdelo, rebotando na
inconsistencia.
Edgar William Elgar chegou á casa canso
logo dunha longa xornada de traballo. Buscou a reparación tomando conciencia do
moito que amaba á súa dona para
compoñer, fundido co piano, unha das máis fermosas melodías de calquera tempo:
Enigma. E trece variacións máis pensando en outros tantos amigos que daban sentido
á súa vida. A grandeza de dar o que un mellor ten. A excelencia das cousas do
día a día. A moitos sónalle a música celestial, e perseguen na posesión de
cousas a distracción existencial. O ser humano precisa cada vez máis, no ámbito
da burguesía acomodada, a vivencia do contraste, se cadra por causa de algo
accidental, inesperado. Visitar os pabillóns nos que as persoas, indefensas e
vulnerables, agardan ansiosamente saír do túnel siquiera un chisco por ver de
coller impulso para escapar da lus cegadora é unha experiencia que axuda a
valorar o que a diario pasa desapercibido: a saúde, a liberdade de movemento, a
distancia coa loucura e a depresión entumecedora ate a parálise. A Coruña
chorrea, nalgúns ámbitos, hedonismo adictivo de macrocentro comercial e
hiperprisa impostada. A sociedade precisa reconstruirse a partir da
recuperación dos valores da amistade, a tertulia, a cooperación, o
emprendemento dos pequenos grandes xestos solidarios... a recuperación da
vocación por crear fronte á rendición no consumo pasivo.
© Salvador Dalí
No hay comentarios:
Publicar un comentario