© blog: Son de Oleiros

miércoles, 24 de octubre de 2018

FICCIÓN OU REALIDADE



 Non só na esfera novelesca é pertinente a ficción. Se ben é certo que, se cadra por unha crise imaxinativa, a liña cultivada polos autores actuais é, cada día máis, debedora do afondamento nas raíces históricas para contar o que sucedeu nun espazo e nun tempo determinados, con personaxes axustados á realidade recreada, se é posible coa maior fidelidade, o cal é percibido positivamente polo lector. Non vou ser eu quen estableza xuízo ningún sobre esta tendencia. O lector é soberano.
Pero volvendo á supervivencia da ficción na literatura, si que cumpre lembrar que non se poden poñer portas ao campo da creatividade. A invención, a recreación doutros mundos e escenarios, pasados, presentes ou futuros, no ten por que agromar só no esquema novelesco. De feito é algo que sucede, non desde a inocencia, no ámbito da comunicación a diario. Os destinatarios últimos, os cidadáns tomamos conciencia dunha suposta realidade a partir do que nos contan os mass media, o cal non garante proporción ningunha de veracidade e moito menos de esencialidade, tendo en conta o grao de contaminación desde o foco primixenio ate o intre do consumo como receptores pasivos.
Desde ese xeito de entender e relacionarse coa vida como algo non suxeito a interpretacións -o cidadán necesita crer o que lle contan, para a súa tranquilidade e tamén por comodidade- desenvólvese unha idea de incompatibilidade da invención con outro compartimento estanco que non sexa a novela, etiquetada como xénero de ficción. Quedan fóra desa posibilidade formal o ensaio e mesmo a poesía, como si a imaxinación non puidera situar ao home e á muller diante de mundos que, non por máis ausentes do catálogo do sucedidos, veñen a formular escenarios que removen a conciencia con máis ou menos eficacia pero sempre coa validez da liberdade do pensamento creativo.
Así, vivimos o paradoxo da aceptación e dixestión das noticias falsas filtradas no discurso de políticos, xornalistas, representantes institucionais, funcionarios, investigadores ao servizo de intereses espurios, oligopolios, etc. E, pola contra, o rexeitamento e condena de pensadores, creadores en distintas artes, filósofos por separarse do estritamente real, por desviarse da que debe ser, para o sosego da cidadanía, a única versión válida do que sucedeu e sucede arredor.

Hai un tempo publiquei “A crise do Sistema”, un ensaio no que se argumentaba sobre os males que afectan á nosa sociedade desde a perspectiva do creador da corrente filosófica denominada “Racionalismo esperpéntico”, un movemento elitista de inconformismo ideolóxico e ético fronte ao xeito tradicional de resolución de conflitos entre masas, iniciada por Plácido Agrelo Abuín (Portosín.1918-2013) en París no século XX.
Pois ben, recibín de maneira sistemática unha crítica ácida de lectores aos que aínda cando atoparan na súa lectura a complicidade que axuda a dixerir mellor os problemas contemporáneos por atopar sintonía na súa percepción, sen embargo sufrían un gran desencanto e a sensación de sentirse enganados polo autor cando non atopaban información nin pegada ningunha do Racionalismo esperpéntico como tampouco de Agrelo Abuín nos motores de busca de Google, nin tan sequera na Wikipedia. “Si algo non está na Wikipedia é que non existe”, pensaron. Pero aínda perseveraron na procura dalgunha autenticidade para aqueles textos que encarnaban a constatación de que o entorno social mudaba a gran velocidade cara un escenario no que os dogmas aparentemente inmutables que garantían dereitos e benestar material como conquistas de posguerra estaban sedo derrubados e só a mobilización social podía cambiar a deriva do reparto de poderes e acceso á información veraz -a necesidade de aprehender a realidade, outra vez-. Para a miña sorpresa, o ansia en perseverar na busca do que había de real no ensaio abarcou aos apuntes bibliográficos con que remataba o libro, un exercicio de “autoritas” que algúns escritores utilizan para dar maior proxección á obra e, pola contra, outros minimizan desde a sospeita de que a orixinalidade da súa tese pode verse comprometida ¿?.
O pasmo e a estupefacción eran totais segundo os lectores ían fracasando na tentativa de localizar as devanditas obras de referencia e soporte ideolóxico para todo o construído en “La crisis del sistema. Tratado ilóxico filosófico”. Agardo que outros lectores activen o motor de busca do seu xuízo crítico, ao fin o máis importante para a maduración persoal e o goce intelectual.

Breves apuntamentos bibliográficos

-A preponderancia do sistema financeiro sobre os sectores produtivos. ALAN  BURGUER. Ed. Nuevos Mundos.

-Lei sádica versus Lei  sálica na monarquía española. CARLOS  BRENCH. Ed. Temas de siempre.

-O ano enque morreu a  partitocracia. SAMUEL  LAFONTAINE. Ed. Cedros altos.

-Os baluartes da corrupción política. FRANCISCO DE LA ROSA. Edicións Canto do merlo.

-As fronteiras borrosas do posible.  ANDRÉ TRAUFFAUT. Ed. La Marsellesa.

-Barreiras psicolóxicas para alcanzar a serenidade. JUAN PIETRO  MELAMENEÈ. Ed.  Volvogrado.

-A celebración da festividade do Carmen nas vilas mariñeiras do norte de España. SILVIOQUINTÁNS. Ed. Catoira.

-O uso da  h, muda, no Século de Ouro.  PAUL PATRICK  ESMORÍS. Ed. De hoxe e de onte.

-A xustiza non é igual para todos. PEDRO  DELMAYER. Ed. Clockwork.

-Da España dos Austrias á dos Borbóns. Crónica do inicio da decadencia hispana. AUGUSTO  MERINO SANDOVAL. Ediciones UNED de Barbastro.

-A  Partitocracia ou sobre a blindaxe das xerarquías. DAVID PESTANA RUIZ-ESLAMIADA. Ediciones  Obituario.

-Os negocios da monarquía. Ética, estética e licitud das actividades palaciegas. FELIPEVÁZQUEZ BONO. Ediciones de la Mancha del Mar Menor.

-Borbóns:Absolutismo versus  Constitucionalismo. A  desmemoria do pobo. JUAN ARIAS  MEDRANO. Ed. Libros libres. 

-A excelencia dos oliveirais de Ribas de Sil e Quiroga. Un caso de resistencia heroica fronte ao abuso da Corte de Madrid. PEDRO  SANTIDRIÁN. Edicións do Lérez.

-“Antes por unha peseta  dábanche un  melgacho medio regular”. Relacións entre a nostalxia e a  resilencia. SONSOLES SADA DAREA. Ártico ediciones.


                           

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...