© blog: Son de Oleiros

lunes, 17 de junio de 2019

A erótica do poder


(Ou de como a Política pare monstros)


“Asumo esta gran responsabilidade, inviable sen o apoio impagable e sacrificado da miña familia, pola miña vocación de servizo ao ben común”
Este mantra foi repetido o sábado ata a saciedade, tamén naqueles casos nos que a alcaldesa ou alcalde entrantes obtiveron o bastón de mando a través de pactos antinatura que defraudan o mandato dos seus votantes. O PP pacta con Bildu e co BNG para frear ao PSOE, ou lle dá apoio aos socialistas en Ourense para, a cambio, manter a Baltar á fronte da Deputación. O veterano cacique fillo de cacique revivido polo seu maior detractor a través de radio e prensa durante anos!.
Que preguiza produce escoitar o son mediático dos que traizoan a ideoloxía con tal de alcanzar o poder! que profundos argumentos subxacen detrás dese obxectivo que consiste en alcanzar o poder a calquera prezo?
O mesianismo está de máis na Política. Só se precisa a mellor xestión dos recursos ao servizo da idea de privilexiar o interese público. Porque o mesianismo vén alentando a políticos corruptos defensores de España, á plana maior do PP en Valencia, Madrid, Galicia, Melilla, etcétera, etcétera, cun custo de máis de cento vinte e dous mil millóns de euros contra o erario público, detraído dos investimentos en sanidade, educación, coberturas sociais, investigación e desenvolvemento, etc. etc. O PP é o partido máis corrupto de Europa desde o termino da Segunda Guerra Mundial; o PSOE detraeu dez mil millóns e Covergencia cinco mil. Os tres partidos practican o discurso do “e ti máis”, que nada nos resolve aos contribuíntes.
Por iso desconfiamos dos recursos mesiánicos de todos os que colleron o bastón de mando sen importarlle as ideas, pactando co diaño con tal de acceder ao poder. Un acceso que, pásmense vostedes, produciuse en cidades e prazas grandes con promesas que logo caen en saco roto ao día seguinte. O PP utiliza a Vox e logo adopta a postura de don Tancredo en Madrid, gardando silencio para comprometer a resposta dun Cidadáns medorento de achegarse demasiado á dereita extrema e precipitarse así ao baleiro electoral. É un espectáculo obsceno, incompatible coa cacareada democracia madura.
A clase política é unha chusma nestes días postelectorales indigna do papel que lle encomendou unha participación crecente. A erótica do poder é inconmensurable E non estou a me referir á fascinación que provoca no outro a posición elevada do sedutor. Falo da atracción que produce no político alcanzar ese estado privilexiado que dá acceso á admiración allea, ao culto e á pleitesía por parte dos vasallos. Unha atracción que chega a ser enfermiza, por canto en moitos casos enche de contido unha vida que doutra maneira consideraríase baleira ou frustrada.
Hai moitas motivacións detrás da presunta entrega á Cousa Pública, pero non todas son altruístas, inocentes e sas. Algunhas esconden, directamente, intereses materiais e outras, non menos perigosas, responden á necesidade de reivindicarse a través do exercicio do poder, mesmo sen medida. De ambalasdúas tipoloxías temos exemplos nefastos na historia da España democrática e, por suposto, na escura etapa anterior. Nas últimos décadas viñeron fallando os mecanismos de control e hoxe, grazas ao abuso de poder e á corrupción, está baleira a caixa da Seguridade Social e por todas as partes hai obras faraónicas abandonadas. Por iso é tan necesario establecer o prezo xusto e reivindicar a conveniencia de profundar nos mecanismos asemblearios para a elección dos nosos representantes; para evitar que a erótica do poder veña a parir enxendros como do Concello de Ourense e a Deputación desa mesma provincia no que constitúe un exercicio vergoñento da Política entendida como un cambalache alleo á vontade dos electores.


investidura Gonzalo Pérez Jácome

© Foto: Agencia Efe


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...