© blog: Son de Oleiros

martes, 13 de julio de 2010

A deturpación da doutrina cristián

Saramago non foi indiferente co itinerario da xerarquía eclesiástica. Darlle as costas á curia sería unha actitude de desprezo máis doada sen perder un ápice de coherencia. Mais o escritor portugués sentiu o compromiso de orientar a súa ollada crítica cara o xeito en que desde Roma se ten orquestrado unha xerencia para a explotación do temor de Dios, desde o sentido da propiedade dun legado divino manifestado só con palabras acomodadas aos intereses dos mitrados, a afirmación da superioridade sobre as outras crenzas, a reivindicación da verdade absoluta e o desprezo do diverso e tamén do diverxente, mesmo dentro do seu propio seo.
Os nervios porque se destacase ese plano crítico de Saramago na súa despedida levaron ao aparato de propaganda e difamación do Vaticano a atacar ao luso cando o seu cadáver aínda non arrefriara de todo. O sentido cristián do perdón, se é que Saramago o precisara, foi obviado por camarlengos e arcebispos de dobre vida, accionistas da industria do condón que logo demonizan, titulares de contas en Suíza e depositarios de pinacotecas e xoias de valor incalculable, namentres os curas da liberación traballan coas súas mans no mundo oprimido, cómplices co seu silencio -cando non artífices- e obstrucionistas da acción da xustiza contra a carroña pederesta avivada por unha normativa interna que di que a entrega a Deus e aos demais e incompatible coa práctica amatoria plena.
Os concilios vaticanos e os conclaves teñen servido para tramar un corpus relixioso afastado dos principios iniciáticos. Tódalas grandes afirmacións nas que se sustenta a reivindicación da unidireccionalidade na xestión directiva da Igrexa católica son obra dos xerarcas e teólogos afectos a ese poder e perseguen o monolitismo ideolóxico, o inmobilismo dos valores que han regular a convivencia nun entorno cambiante, a relegación da muller a papeis secundarios na toma de decisións, o aliñamento co poder e as oligarquías, o “talante tolerante e comprensivo” coas outras crenzas... Con este pelaxe, os comunicados de desprezo que eleva ese gremio sectario contra persoas cunha traxectoria longa, de compromiso traballoso exercido no debate aberto e sen proteccións corporativas teñen o valor de amosar a debilidade argumental dunha institución que ten a fecha de caducidade nun horizonte non moi afastado presa da súa cegueira e avaricia.
Recomendación para os cardeais chuquilateiros de insigne papada, condenadores do homosexualismo, do Islam, do pracer sexual, da igualdade da muller, da autodeterminación dos pobos oprimidos, da eliminación dos privilexios por razón de nacemento, do exercicio dos sacramentos polo pobo practicante... a lectura de Ensaio sobre la Ceguera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...