© blog: Son de Oleiros

lunes, 20 de septiembre de 2010

¿Apoiar ou non a folga? Repensar o sindicalismo

A propósito da ubicuidade presente, case que remontando silencios de anos pasados, dos dirixentes sindicais, atopo demasiadas manifestacións pola súa parte definindo conceptos como clase traballadora e empresariado moi ancoradas en escenarios máis que superados. Os liberados sindicais, na súa inmensa maioría representando a funcionarios da Administración, da Educación, do Sistema de Saúde e, en menor medida, a colectivos da gran empresa, carecen da sensibilidade ou mesmo das ganas de recoñecer na pel de centos de miles de autónomos á clase traballadora. Traballadores que son rexeitados no Réxime Xeral aínda cando prestan os seus servizos a un solo pagador que, para aforrar custos estructurais, bota man desa fórmula de vinculación laboral. Traballadores que non teñen dereito a un subsidio por desemprego como non sexa que estiveran a perder durante un ano ou mais un trinta por cento...e que, de caeren enfermos, só cobran a partir de quinto día de persistiren na situación de baixa.
No discurso dos liberados sindicais responden ás necesidades dos grandes grupos de presión, os mesmos que cos seus votos manteñen o seu status de privilexio: un perfil de traballo que non mata, soldo bo, estabilidade... Froito desa dinámica cotián, fáltalles a Méndez e a Toxo unha dose de exemplaridade moralizante cando, para facer unha posta en común de cara á folga xeral, celebran unha “comida de traballo” nun dos restaurantes máis luxosos de Madrid, ao que chegaron a bordo de grandes coches oficiais, cos seus choferes. No Reino de España aínda quedan por eliminar moitos gastos suntuarios, moitas escoltas e demasiados secretarios, subsecretarios, directores e subdirectores xerais e particulares.
Cando se escoita o eco dos discursos ácidos de Toxo e Méndez sobre a situación económica e as reivindicacións de clase, con palabras semellantes ás dos escenarios do Século XIX e primeira metade do Século XX, non podo evitar sentir unha carraxe progresiva. As doenzas da economía xa non son imputables a un empresariado maligno, con intereses irreconciliables e contrapostos aos dos seus traballadores. Os males actuais nacen da implantación dun modelo baseado na especulación e na extensión da débeda, e nisto ten un papel protagonista a Gran Banca, a Reserva Federal de EE.UU., que inventou o término “de curso legal” para facer posible a fabricación de billetes como churros, se soporte patrimonial, coa conivencia do seu goberno e, por extensión, relegando aos Estados a un papel insignificante como elemento regulador do funcionamento interesado das grandes multinacionais da enerxía e a provisión de materias primas previa explotación dos recursos, mesmo a través da forza ou a partir de intervencións “pacificadoras” sostidas por auto-ataques como os que lles serviron de pretexto para anexionarse Cuba en 1998, para intervir en Vietnam, en Afganistán... ou por narices, como en todo o Cono Sur, mercando a inter-mediación de presidentes amigos colocados con golpes de Estado.
En España, os cidadáns, promotores e pequenas empresas caeron con maior ou menor inocencia na trampa de ese sistema baseado na universalización do endebedamento sobre o suposto de que a demanda podería soster os valores das prendas. Mais eses sistemas piramidais, que sempre favorecen aos especuladores, acaban cíclicamente e ao longo da Historia do Século XX e xa do XXI por rachar, deixando un regueiro de vítimas entre a clase media, e no mundo da empresa, especialmente a pequena e mediana, con efectos de grande destrución de emprego. O prestamismo a gran escala e a concentración de poder en torno á explotación dos recursos enerxéticos fai moi visibles e evidentes aos causantes da hecatombe do sistema, da fractura social entre ricos e pobres e da involución do “Estado de Benestar” que, ao fin, e o que concita aos Sindicatos na convocatoria de Folga Xeral. Mais Zapatero pouca forza ten fronte ao escuro Fondo Monetario Internacional, fronte ás Grandes Axencias calificadoras do Risco que responden a intereses de grandes especuladores que compran e venden divisas e moedas con información adiantada por Moody's, Standard & Poor's o Fitch e son quen de afundir a economía dun Estado en cinco días. Non sei se a Zapatero haberá mellor que insistirlle en que retire as tropas de Afganistán canto antes poida, dese escenario bélico que o PP emprega para atacar ao PSOE despois de que nos meteran alí Bush, Blair e Aznar, para que os gaseoductos americanos, participados por George, Cheney e Condoleeza tiveran prioridade fronte ós rusos.
Se lle pode pedir ao Goberno socialista incremento da inversión en I+D+I, en Sectores Estratéxicos, en Axuda ao Terceiro Mundo, en implementación de recursos para a reconversión de grandes masas de parados e dunha parte, excedentaria, do funcionariado administrativo. Se lle pode pedir a Zapatero que elimine aínda máis gastos superfluos, que persiga a corrupción, que simplifique ou elimine a burocracia e que conte con tódolos axentes sociais antes de anunciar medidas que logo precisan correccións.
Pero para a saída da crise e dada a escasa forza negociadora que o Goberno de España ten fronte ao poder do Gran Capital, os Sindicatos mellor farían, en lugar de propor unha folga xeral debilitante, concitando unha unión de forzas e medidas co sindicalismo europeo e cos gobernos progresistas para abordar a lexislación ex novo dun marco que regule o funcionamento da Banca e das empresas de extracción e explotación dos recursos enerxéticos e poña lindes á concentración, respecto de ambolosdous sectores, de participación e de poder, penalizando o uso fraudulento e privilexiado da información. O que precisamos agora e de unión contra a grande especulación e non de loitas intestinas entre faccións que teñen visións compartidas sobre os asuntos importantes. Aínda partindo da base de que o marco estatutario que regula o mercado laboral é perfectible, calquera avance en dereitos do traballador, lícito, non é compatible coa xeración de emprego sostible nunha economía que ten de competir con mercados emerxentes onde o que se ten globalizado é a “flexibilidade” e a “precariedade” para evitar as deslocalizacións. Os sindicatos e o Goberno deben abordar xuntos o fondo da cuestión, un asunto internacional, europeo como mínimo, porque sobre todo a pequena e a mediana empresa xa teñen demasiados problemas como para tentar nadar sós contras as correntes que marcan os grandes mercadores-vendedores, impoñendo con impunidade un modelo social, por riba dos Estados, ou, como en Estados Unidos ou a China, coa súa complicidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...