© blog: Son de Oleiros

martes, 14 de septiembre de 2010

MOTIVOS

Os seres humanos poñémonos barreiras mesmo en ausencia de censores, impositores ou aínda cando o PAI xa morreu. Hai cadeas invisibles impedindo levantar o voo e poñer rumbo cara ó país da utopía, no que cadaquén estima os confíns do universo posible na medida en que a imaxinación unida á vontade o permiten.
Mais nos seguimos empeñados en poñer portas ao campo, en limitar as nosas posibilidades de relación, de crecemento persoal, de proxección e posta en práctica dos nosos ideais.
O custo da educación castradora que recibimos para legar aos nosos fillos é incalculable: temos un marco social enfermo, no que as leis non escritas xiran arredor do egoísmo e o rexeitamento do distinto.
No desempeño do cotián falar de perseguir a excelencia é unha entelequia pasada de moda: demasiadas interferencias e ruídos da loita competitiva e feroz por ser en razón do status e non da competencia, preponderancia dos blindaxes sobre a empatía, sobre os sentimentos...
Sen embargo, ás veces o amor estoupa e manda ao carallo tanta vida calculada, tanta hipocondría social, tanto medo á liberdade: o amor apaixonado, por unha muller, por un fillo, por un xeito de entender a vida, por un proxecto colectivo. Entón o xesto dulcifícase, a vivencia do tempo faise amigable e todo o accesorio que semellaba tan importante cede o seu lugar a unha vida con sentido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...