© blog: Son de Oleiros

domingo, 3 de octubre de 2010

INVERNÍA

Este tempo de vento e choiva que cae en Domingo amola aos galegos das cidades, amantes do día na praia, na montaña ou nos paseos marítimos. Para unha grande cantidade de traballadores manuais, oficinistas, hostaleiros ou comerciantes o contacto coa natureza a ceo aberto é unha necesidade acrecentada cando hai unha prole inquieta entre as catro paredes. Os suecos, que padecen moito de depresión asociada á falta de luz, teñen ben aprendida a lección e o fin de semana espállanse polos miles de rotas e camiños, entre os bosques, moi ben sinalizadas e salpicadas dunha rede de puntos de restauración e aloxamento, de tal xeito que os escandinavos só teñen que preocuparse de levar boas roupas de abrigo, de fabricación finlandesa, que fan posible o sostemento dun plan que non renuncia á vivencia dos exteriores por un quítame estas pallas.
Os galegos de Larouco, Roblido, Pobra de Trives e de Brollón, os do Barbanza, Fonsagrada, Xurés ou Lourenzá, non dispoñen de roupas con costuras termo-seladas nin de botas de Gore Tex. Os home seguen a vestir xersei de pico, chaqueta de pano e zocos ou catiuscas, e elas batas tipo Pirineo e medias de lá. Pero o certo é que no rural teñen un plus de estoicismo e sabedoría que os leva a aceptar as inclemencias do tempo como algo natural contra o que non procede resistirse senón máis ben extraer as cousas boas, as que non teñen prezo asociadas á choiva, a neve e o vento: sentarse a carón do lume da lareira, para escoitar a radio, ler ou pensar; dar conta dun par de chourizos de Sarria, un punto picantes, e duns pedazos de queixo ben cremoso, cuns grolos de tinto cálido e espeso; e, se cadra, acariñar o corpo trémulo de emoción como o primeiro día da muller da súa vida.

1 comentario:

  1. Malia o seu nivel de vida? Eu non quixera ser escandinavo. Eu quero ser o galego, coma ti, amigo Santi que sabemos aprezar as cousas pequeniñas, os momentos máis simples...que a gastronomía, ademais dunha necesidade, é un pracer; que as catro paredes da casa din algo e todo o que tes ao teu carón (nenos, muller...), tamén forma parte deses anaquiños que sumados fan un TODO tan grande como a palabra que veño de escribir. E aínda así, seguimos a procurar ese chanzo que lle dá non máis sentido ao que facemos, senón outra voltiña ao que pretendemos. Realmente somos felices, pero conscientes que hai momentos, máis ou menos longos, que tampouco o somos. Por que? Vaites!, somos humanos e aínda por riba, homes! co cal aínda somos máis imperfectos. De todos os xeitos, levanto esta miña copa metafórica de viño do país? e brindo contigo polo Outono. Benvida unha estación do ano que os nosos antergos respectaban e sabían que tiña o seu aquel. Coma sempre, Santi, parabéns polas túas atinadas reflexións, cheas de connotación e brillantes porque tan simple é do que falas como GRANDE é o que dis. Unha aperta de Fuco.

    ResponderEliminar

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...