© blog: Son de Oleiros

martes, 12 de octubre de 2010

MANÍAS

As vulgarmente chamadas manías agochan o medo por conxurar, a angustia básica que fai diferente aos humanos. A Psicoloxía defende a tese de que a presión -ambiental, profesional, social, competitiva ao fin-, se é moi grande e se estende no tempo, provoca o afloramento de mecanismos de substitución que desvían o foco da atención. O problema xorde cando o miolo deses mecanismos acada unha magnitude tan excesiva que o que se presumía podía ser unha solución pola súa carga de distracción remata converténdose nun nó gordiano que parasita ao individuo, ocupa unha parte moi importante da súa dimensión espacio temporal e condiciona á súa vida íntima e tamén de relación social. Cando o maniático sente que por esas “pequenas cousas” está sufrindo e perdendo calidade de vida é o momento de buscar axuda profesional.
A sociedade, sen embargo, estende a idea de que as manías son algo peculiar dentro da esfera do gracioso: Nadal e os calzóns, saír da casa co pe dereito, colgar as prendas a secar con pinzas a xogo, aliñar as punteiras dos zapatos... todas cousas de moito cachondeo se non fora porque moitos dos que máis se rin non percibiron o carácter de manía de moitas cousas que os poderes interesados teñen elevado á categoría de cultos ou afeccións. Mais como poderíamos interpretar a necesidade dunha parte importante da poboación en repetir como loros frases feitas e rituais miméticos un día e outro tódolos días do ano. Que hai detrás dunha hora enteira rezando Dios te salve María baixo a sospeita de que, de non facelo, algo malo ten de suceder? Fe ou pensamento supersticioso? Se cadra hai medo e, ao fin, mecanismo compensatorio: manía.
Falase en tódolos ámbitos de que a sociedade está enferma. A tradución, reflexionando, debuxa unha sociedade chea de medos: o despido, a delincuencia, o terrorismo, a intelixencia dos Estados, o distinto, a perda dos referentes tradicionais... todo contribúe a incrementar un estado de angustia que, paradoxalmente, tamén aniña na clase media alta, a medio camiño entre o medo a ter que perder parte do seu status e o complexo de culpa por vivir de costas á realidade plural.
Con este panorama, o prelado Munilla, desde Radio María, aventa a idea de que a Relixión e moi superior á Medicina no afrontamento das afeccións da mente e exhorta a rezar as mesmas oracións, durante dúas horas, tódolos días do ano. Ao carallo coa psicoloxía cognitiva e a descuberta da orixe dos nosos problemas mentais. Onde estea un exército de homes e mulleres falando de Emaús, da carta aos Filisteos e da retahila “Rubén, Simeón, Leví, Judá, Dan, Neftalí, Gad, Aser, Isacar, Zabulón, José y Benjamín” non collen enfoques flexibles que atendan á realidade que condiciona, hoxe, a nosa forma de vivir. Para ese cambio non digo que non sexa importante a fe, pero nun mesmo e con fundamento no traballo. O resto, entra na esfera do medo e hai que leva nadando na abundancia a base de explotar o alleo en vez de axudar a administralo mellor.
Por certo, o meu tío Ramón non bebía viño máis ca na súa propia cunca que lle tiñan gardada na cociña. Eu coidaba que era unha manía. Agora sei que era de barro de Guindivós e mantiña moi fresco aquel tinto traído da Rúa en bocois de oito olas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...