© blog: Son de Oleiros

domingo, 13 de febrero de 2011

O SÉCULO DAS MULLERES

A sociedade española segue a ser machista logo de varias décadas desde que desapareceu a Formación do Espírito Nacional. Semellaba que co acceso da muller ao traballo fora da casa e, sobre todo, á Universidade aumentaría o grao de igualdade de oportunidades e a complicidade do home en todo o relativo ao xeito de afrontar o día a día doméstico.
Pero a realidade e teimuda. O peso da crianza e a educación dos cativos e das tarefas de intendencia precisas para levar unha vida digna recae, tamén nas novas xeracións, na muller. A pegada da cultura, da educación transmitida xeración tras xeración non abonda para explicar este fenómeno de permanencia de prexuízos propios de sistemas interesados en manter relegada á muller a papeis secundarios e de escaso protagonismo nos órganos de decisión. Son os mass media os que prolongan unha segmentación perversa encamiñada a manter os status diferenciados entre consumidores e consumidoras, cadaquén como diana dun arsenal de produtos ben definidos, desde a creación interesada dun clima de cohesión por razón de sexo.
Mais unha boa parte das mulleres están a rebelarse contra destas manobras redutoras e constitúen xa, cun esforzo da súa parte diferencial respecto dos homes, unha clase de seres ben autosuficientes, capaces para progresar e para vivir de acordo co seu proxecto a pesares dos homes e tamén das mulleres machistas.
A sociedade culminará neste século unha transformación total, un tránsito a xinecocracia. As mulleres empezan a ser maioría no estamento médico, no ensino, na Administración... namentres os homes son maioría en traballos de baixa cualificación. Deixou de ser predominante o modelo de parella integrada por técnico profesional e empregada do fogar. Xa non é imposible ver a unha médica casada cun repartidor, se ben é certo que a muller conserva nos xenes o instinto de sentirse protexida e resulta máis frecuente que, de xuntar o seu destino co de alguén, elixa a unha figura que reproduza a protección recibida do pai cando nena e viva cun profesional polo menos dun status profesional parello, e con inquietudes intelectuais comúns.
Para acadar esa consolidación do cambio da posición de poder e influencia da muller dentro da estrutura social só resta que poida acceder de feito e con máis normalidade a órganos de decisión en colectivos, empresas e Administración. E aí onde o home aínda resiste, pero non por moito tempo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...